Xerión, 20 anos de metal galaico extremo: Entrevista a Nocturno

Tras 20 anos na escena, Xerión precisa de pouca presentación. Esta banda pioneira tanto do black metal en Galicia coma do black metal en galego fica en 2021 na mesma boa forma de sempre, publicando regularmente novos lanzamentos que fan que sexa tan veterana coma punteira. Falamos con Nocturno, que, xunto a Daga, fundou a banda na que aínda ambos continúan, para tentar desentrañar algúns dos aspectos da súa dilatada carreira.

Nocturno, nun directo de Xerión en Zaragoza. Montaxes realizadas por Les Ter

Se algo destaca de Xerión é o extremadamente prolífica que é a banda. En 20 anos de traxectoria practicamente non houbo un no que non teñades varios lanzamentos, e este ano de pandemia non foi excepción. Como mantedes este ritmo de traballo con tanta calidade?

Saúdos dende este recuncho da Galiza, e mil grazas por esta entrevista pra falarmos um chisco do Xerión. Bom, sempre estou, dum jeito ou doutro, arrodeado de música, e de quando em vez sinto a necessidade de anotar alguma ideia que vale para o Xerión. Quando se vam juntando umas quantas começa já a haver um rum-rum no corpo que pide dar-lhes forma de cançóns e posterior gravaçom, mais sempre de maneira natural e nom forçada. Há vezes que passa tempo sem essa sensaçom, mais outras nas que se vam acugulando melodias e estruturas e, como está a acontecer ultimamente, chegam a mesturar-se uns trabalhos com outros.

Facer tantos lanzamentos axuda a non perder nunca visibilidade, ou notas que ás veces á xente lle pode custar seguir o ritmo de traballo da banda?

Como comentei antes é uma necessidade vital, um ferver interior que me impele a exteriorizar e registrar sons. Nom tem que ver em absoluto com um afám de que o projeto tenha mais ou menos continuidade ou seja mais o menos visível, pois bem é certo que ao público potencial chega a custar-lhe seguir-nos o ritmo de ediçóns, se até nos custa a nosoutras, e entender o nosso jeito de proceder… Bom, o Xerión está a ser assí e… é o que há.

Os vosos traballos non son só moitos se non que ademais son variados. Tedes tocado boa parte dos subestilos e derivados do black metal, se non a maioría. É algo que decidides de antemán, facer un disco máis puramente black, máis folk, máis melódico, máis épico, ou xurde a medida que ides pulindo os temas?

Nom é premeditado no senso de dizer: «agora toca fazer um trabalho deste jeito». Si que, segundo imos arranjando ideias e dando-lhes forma vam agromando variantes que as vam levando por um ou outro sendeiro dentro do que nós entendemos por negro metal da morte. Incluso há algumas cançóns que dende o mesmo começo apestam a tal ou qual estilo e é impossível quitar-lhes o cheiro. Quando imos vendo que um punhado delas chegam a fechar um círculo, pensamos nelas já como um todo, tenha a duraçom que tenha, e decidimos que formato de ediçom pode ter. Tem passado trabalhar ao mesmo tempo com materiais que formarám parte de coussas bem diferentes, coma Morgana e Lamento Luminescente, ou incluso ter passado anos dende a ideia inicial ao registro final. O Cantares das Loitas Esquecidas é um bo exemplo delo. O Xerión chega a vezes ter vida própia…

Optades por definirvos coma metal galaico extremo. A que se debe esa elección concreta de palabras? Considerades que é black metal o que facedes, ou non?

Há black metal no Xerión, por suposto. Outra coussa é que se nos poida definir como tal tendo em conta as outras caraterísticas que possue o nosso som e que co tempo formam parte indissolúvel dele. Foi por elo que dende o começo empregamos diferentes etiquetas até chegar ao de Metal Galaico Extremo que nos define mui bem. A Escuridade do Abismo chega a ser em ocasións bastante luminosa…

É eterno ese debate sobre o purismo no black metal. Ti que opinas ao respecto?

Nom somos puristas, mais entendemos o purismo, e nom somente no metal negro, senom noutras músicas. Um bo exemplo sería o da Música Antiga e o emprego de instrumentos e técnicas de interpretaçom da época. O que si que cremos que nom se pode fazer é enganar ao público dizindo ou fazendo o que nom se é.

O voso último álbum completo, O Nada no Caos Infinito, leva ao ouvinte inmediatamente ao tempo das vosas maquetas. Pretendíades revivir ese son?

Quando começamos trabalhar em O Nada no Caos Infinito nom pensamos tanto em retomar o som das nossas demos, se nom o de afundar na minha ideia dum metal negro primigénio, visceral, desagradável, decadente, gravado com poucos médios e atendo-me à formaçom que poderiamos levar ao vivo: voz, uma guitarra, um teclado e uma caixa de ritmos, coa eventual participaçom de O Rei Celta No Exílio. Quando gravei as primeiras demos do Xerión, fez coa ideia de aproveitar ao máximo o equipo de gravaçom que tinha naquela altura, mais pensando arranjos e estruturas que poderiam ser interpretados por uma banda formada por voz, duas guitarras, baixo, teclados e bateria. Cecais o resultado sonoro poida chegar a ser semelhante nalgum intre… mais o conceito ideológico é completamente diferente.

Xerión en concerto

Levades xa dende antes da pandemia algo afastados dos escenarios. Iso facilita que vos centredes no traballo no estudio, ou botades de menos defender os temas en directo?

Pois a verdade é que nom tenho uma resposta fechada já que umas nos doem e outras nos proem… cecais porque nunca fomos uma banda de fazer muitos concertos, cecais porque podemos matar o bicho coas nossas outras facetas e projetos musicais… quem sabe.

Aínda que anteriormente tivestes, como xa comentaches, unha formación de máis membros, levades varios anos actuando coma dúo. Cales son as vantaxes, e se cadra desvantaxes, deste formato para vós?

Somente há uma desvantagem: o som artificial da caixa de ritmos naqueles temas que fórom gravados com bateria real. Polo demais, o que temos tocado ao vivo é porque, ou bem foi pensado já pra esta formaçom de duo, ou bem porque sentimos que podemos arranjar de jeito convincente sem que se perda a essência mesma da cançom, ainda coa caixa de ritmos. Tocar com Daga dende há mais de vinte anos é um lujo e uma bençom.

Practicamente a totalidade da discografía de Xerión pode atoparse en formato físico ou en internet, pero iso non pasa coas gravacións da banda predecesora Regnvm Irae, alén dalgún concerto dispoñible en youtube. Pensaches nalgún momento en dixitalizar ou mesmo reeditar dalgún xeito esas gravacións?

Alguma vez o temos falado Daga e mais eu, e com Iron, guitarra em Regnvm Irae e posteriormente em Xerión, e Lord Sade, batería en Regnvm Irae, e seria um bo exercício de nostálgia e cecais reivindicaçom. Mais de momento preferimos que as coussas fiquem como estám. O que é innegável é que fórom momentos e vivências que ocupam um lugar de privilégio nas nossas lembranças, e assí seguirá sendo.

Daga, teclista de Xerión

Fostes pioneiros non só do black metal en Galicia, senón, ademais, do black metal en galego. Segue esta escena a estar en boa forma?

Há mui boas bandas e projetos fazendo coussas mui potentes dende há já uns anos, assí que polo lado da criaçom nom vejo problemas. O que nom tenho tam claro é que haja o suficiente público constante que demande gravaçóns ou rituais ao vivo e que queira compartir gastos. Nesse senso nós nom andamos mui preocupadas já que, bom, nom se pode ter tudo.

Antes do black, na escena extrema galega dos noventa era imperante o death metal. Foi difícil facerse oco na escena cun estilo distinto?

Era complicado ter sítios onde tocar e, de havelos, cubrir gastos mínimos. Coma agora, cecais? Mais nom tanto por estilo. Tenho que dizer que os primeiros concertos de Regnvm Irae em Ourense na Mala Fama e no Rock Club fórom mui bem de público, formado sobre tudo por amizades e familiares, tudo há que dizilo. Outra coussa é que logo repetissem (risas). Quero lembrar, estou a falar do 1998 e 1999, que havia uma mistura entre curiosidade e ceticismo sobre o que faziamos e como o faziamos, e nom sei se isso nos beneficiou ou prejudicou. Claro que, coma posteriormente com Xerión, a finalidade nom era tanto o de fazer-nos um oco como contar co tempo e médios suficientes e necessários pra poder trabalhar nas nossas músicas e chegar a plasmar nelas o que tinhamos na cabeça. Tudo o demais sempre é consequência e nom sempre se corresponde co esforço e dedicaçom. É algo que ainda a dia de hoje temos mui, mui claro.

O black metal é un estilo que historicamente se prestou moito a ser interpretado en linguas propias, distintas do inglés imperante. Como xurdiu a idea de facer black metal en galego?

Em Regnvm Irae, onde faziamos música, textos e arranjos entre todas, empregavamos inglês e castelhano principalmente, e nalguma cançom o galego e até o latím. Tenho que dizer que naquela altura eu praticava uma perfeta diglossia: galego com meus pais e nas aldeias de meus avós, e castelhano na escola ou coas amizades. Pouco a pouco fum incorporando mais o galego nas minhas cançóns, ao mesmo tempo que fum deixando a diglossia. Foi um processo natural e lógico, e cecais ajudou inconscientemente o ir conhecendo bandas de black metal e similares, sobre tudo do norte da Europa, que nom tinham reparo em empregar as suas linguas mai nas suas composiçóns, e até eram parabenizadas por elo. Quando comecei o Xerión na primavera do 2001 xa a minha lingua familiar, social e criativa eram a mesma, e assí foi até fechar o círculo no 2017 quando, tamém dum jeito orgánico, mudei a escrita cara o que eu gosto chamar como galego medieval trás vários anos trabalhando com a nossa lírica galego-portuguesa noutros grupos e projetos, o que, e creo que é algo conhecido por quem nos segue, fez que se fosse filtrando no Xerión em forma de sons e temáticas e, finalmente, de grafia. Mágoa que gostemos tanto do nosso logo pra nom trocar o nome por Gerión… Bom, nom se pode ser coerente em tudo.

Antes de vós, os exemplos de metal en galego eran escasos e case sempre no campo do crossover thrash, coma Mala Oxtia, Desvirgheitors ou Mol, o metal alternativo de Skornabois, o thrash de Xudef Klas ou o hard rock e heavy máis clásico de Épsilon ou Astarot. Con Xerión, e outras bandas coma Alendalúa ou Inmacula Mortem, foi a primeira vez que se levou a un ámbito aínda máis extremo e underground. Erades conscientes deses precedentes?

Pois a verdade é que nom. Todas essas bandas, agás Astarot, que comentas, chegárom posteriormente a nós ou chegam agora que comentas. As referências de música cantada em galego quando foi nado o Xerión vinhérom do folk e dalgumas músicas eruditas, mais nom do metal. Nesses começos andavam tamém Vórtice, de Vila-boa, fazendo metal negro em galego, banda que conhecemos num concerto no Anoeta de Vigo no que tamém tocárom Inmacula Mortem e Mydgard quando ainda estávamos Daga e mais eu em Regnvm Irae.

Gustaríame rematar preguntándoche por un elemento recurrente nos vosos traballos. Que é Amh-Ghad-Ari?

Amh-Ghad-Ari é aquele lugar de repouso, meditaçom e criaçom ao que Daga e mais eu intentamos acudir sempre que podemos. Nom se trata somente de um espaço físico, senom tamém mental e em ocasións afastado da realidade externa. Mil grazas de novo, Jacobo por esta entrevista e o apoio ao Xerión dende Rouco Son. A ver se volvemos ver-nos o antes possível nun concerto e botar-lhe umas cervejas. Vémonos no Inferno e, por suposto, que siga a tolémia!