Tras 20 anos na escena, Xerión precisa de pouca presentación. Esta banda pioneira tanto do black metal en Galicia coma do black metal en galego fica en 2021 na mesma boa forma de sempre, publicando regularmente novos lanzamentos que fan que sexa tan veterana coma punteira. Falamos con Nocturno, que, xunto a Daga, fundou a banda na que aínda ambos continúan, para tentar desentrañar algúns dos aspectos da súa dilatada carreira.

Se algo destaca de Xerión é o extremadamente prolífica que é a banda. En 20 anos de traxectoria, practicamente non houbo un no que non teñades varios lanzamentos, e este ano de pandemia non foi excepción. Como mantedes este ritmo de traballo con tanta calidade?
Saúdos dende este recuncho da Galiza, e mil grazas por esta entrevista para falarmos un chisco do Xerión. Ben, sempre estou, dun xeito ou doutro, arrodeado de música, e de cando en vez sinto a necesidade de anotar algunha idea que vale para o Xerión. Cando se van xuntando unhas cantas comeza xa a haber um run-run no corpo que pide darlles forma de cancións e posterior gravación, mais sempre de maneira natural e non forzada. Ha veces que pasa tempo sen esa sensación, mais outras nas que se van acumulando melodías e estruturas e, como está a acontecer ultimamente, chegan mesturarse uns traballos con outros.
Facer tantos lanzamentos axuda a non perder nunca visibilidade, ou notas que ás veces á xente lle pode custar seguir o ritmo de traballo da banda?
Como comentei antes, é unha necesidade vital, un ferver interior que me impele a exteriorizar e rexistrar sons. Non ten que ver en absoluto cun afán de que o proxecto teña máis ou menos continuidade ou sexa máis o menos visíbel, pois ben é certo que ao público potencial chega a custarlle seguirnos o ritmo de edicións, se até nos custa a nosoutras, e entender o noso xeito de proceder. Ben, o Xerión está a ser así e… é o que ha.
Os vosos traballos non son só moitos se non que ademais son moi variados. Tedes tocado boa parte dos principais subestilos derivados do black metal, se non a maioría. É algo que decidides de antemán, facer un disco máis puramente black, máis folk, máis melódico, máis épico, ou xurde a medida que ides pulindo os temas?
Non é premeditado no senso de dicir “agora toca facer un traballo deste xeito”. Si que, segundo imos arranxando ideas e dándolles forma, van agromando variantes que as van levando por un ou outro sendeiro dentro do que nós entendemos por negro metal da morte. Incluso ha algunhas cancións que dende o mesmo comezo apestan a tal ou cual estilo e é imposíbel quitarlles o cheiro. Cando imos vendo que un puñado delas chegan a fechar un círculo, pensamos nelas xa como un todo, teña a duración que teña, e decidimos que formato de edición pode ter. Ten pasado traballar ao mesmo tempo con materiais que formarían parte de cousas ben diferentes, coma Morgana e Lamento Luminescente, ou incluso ter pasado anos dende a idea inicial ao rexistro final. O Cantares das Loitas Esquecidas é un bo exemplo disto. O Xerión chega ás veces ter vida propia…
Optades por definirvos coma metal galaico extremo. A que se debe esa elección concreta de palabras? Considerades que é black metal o que facedes, ou non?
Ha black metal no Xerión, por suposto. Outra cousa é que se nos poida definir como tal tendo en conta as outras caraterísticas que posúe o noso son e que co tempo forman parte indisolúbel del. Foi por iso que dende o comezo empregamos diferentes etiquetas ate chegar ao de metal galaico extremo que nos define moi ben. A Escuridade do Abismo chega ser en ocasións bastante luminosa…
É eterno ese debate sobre o purismo no black metal. Ti que opinas ao respecto?
Non somos puristas, mais entendemos o purismo, e non soamente no metal negro, senón noutras músicas. Un bo exemplo seria o da música antiga e o emprego de instrumentos e técnicas de interpretación da época. O que si que cremos que non se pode facer é enganar ao público dicindo ou facendo o que non se é.
O voso último álbum completo, O Nada no Caos Infinito, leva ao ouvinte inmediatamente ao tempo das vosas maquetas. Pretendíades revivir ese son?
Cando comezamos traballar en O Nada no Caos Infinito non pensamos tanto en retomar o son das nosas demos, se non en afondar na miña idea dun metal negro primixenio, visceral, desagradábel, decadente, gravado com poucos medios e aténdome á formación que poderíamos levar ao vivo: voz, unha guitarra, un teclado e unha caixa de ritmos, coa eventual participación de O Rei Celta No Exilio. Cando gravei as primeiras demos do Xerión, fíxeno coa idea de aproveitar ao máximo o equipo de gravación que tiña naquela altura, mais pensando arranxos e estruturas que poderían ser interpretados por unha banda formada por voz, dúas guitarras, baixo, teclados e batería. Quizais o resultado sonoro poida chegar ser semellante nalgún intre, máis o concepto ideolóxico é completamente diferente.

Levades xa dende antes da pandemia algo afastados dos escenarios. Iso facilita que vos centredes no traballo no estudio, ou botades de menos defender os temas en directo?
Pois a verdade é que non teño unha resposta fechada, xa que unhas nos doen e outras nos proen… Quizais porque nunca fomos unha banda de facer muitos concertos, quizais porque podemos matar o bicho coas nosas outras facetas e proxectos musicais… quen sabe.
Aínda que anteriormente tivestes, como xa comentaches, unha formación de máis membros, levades varios anos actuando como dúo. Cales son as vantaxes, e se cadra desvantaxes, deste formato para vós?
Soamente ha unha desvantaxe: o son artificial da caixa de ritmos naqueles temas que foron gravados con batería real. Polo demais, o que temos tocado ao vivo é porque, ou ben foi pensado xa para esta formación de dúo, ou ben porque sentimos que podemos arranxar de xeito convincente sen que se perda a esencia mesma da canción, aínda coa caixa de ritmos. Tocar con Daga dende ha máis de vinte anos é un lujo e unha beizón.
Practicamente a totalidade da discografía de Xerión pode atoparse en formato físico ou en internet, pero iso non pasa coas gravacións da banda predecesora Regnvm Irae, alén dalgún concerto dispoñible en youtube. Pensaches nalgún momento en dixitalizar ou mesmo reeditar dalgún xeito esas gravacións?
Algunha vez o temos falado Daga e máis eu, e con Iron, guitarra en Regnvm Irae e posteriormente en Xerión, e Lord Sade, batería en Regnvm Irae, e sería un bo exercicio de nostalxia e quizais reivindicación. Mais de momento preferimos que as cousas fiquen como están. O que é innegábel é que foron momentos e vivencias que ocupan un lugar de privilexio nas nosas lembranzas, e así seguirá sendo.

Fostes pioneiros non só do black metal en Galicia, senón, ademais, do black metal en galego. Segue esta escena a estar en boa forma?
Ha moi boas bandas e proxectos facendo cousas moi potentes dende ha xa uns anos, así que polo lado da creación non vexo problemas. O que non teño tan claro é que haxa o suficiente público constante que demande gravacións ou rituais ao vivo e que queira compartir gastos. Nese senso nós non andamos moi preocupadas, xa que, ben, non se pode ter todo.
Antes do black, na escena extrema galega dos noventa era imperante o death metal. Foi difícil facerse oco na escena cun estilo distinto?
Era complicado ter sitios onde tocar e, de habelos, cubrir gastos mínimos. Como agora, quizais? Mais non tanto por estilo. Teño que dicir que os primeiros concertos de Regnvm Irae en Ourense, na Mala Fama e no Rock Club, foron moi ben de público, formado sobre todo por amizades e familiares, todo ha que dicilo. Outra cousa é que logo repetisen (risas). Quero lembrar, estou a falar do 1998 e do 1999, que había unha mestura entre curiosidade e excepticismo sobre o que faciamos e como o faciamos, e non sei se iso nos beneficiou ou prexudicou. Claro que, como posteriormente con Xerión, a finalidade non era tanto o de facernos un oco como contar co tempo e medios suficientes e necesarios para poder traballar nas nosas músicas e chegar plasmar nelas o que tiñamos na cabeza. Todo o demais sempre é consecuencia e non sempre se corresponde co esforzo e a dedicación. É algo que ainda a día de hoxe temos moi, moi claro.
O black metal é un estilo que historicamente se prestou moito a ser interpretado en linguas propias, distintas do inglés imperante. Como xurdiu a idea de facer black metal en galego?
En Regnvm Irae, onde faciamos música, textos e arranxos entre todas, empregabamos inglés e castelán principalmente, e nalgunha canción o galego e ate o latín. Teño que dicir que naquela altura eu practicaba unha perfecta diglosia: galego con meus pais e nas aldeas de meus avós, e castelán na escola ou coas amizades. Pouco a pouco fun incorporando máis o galego nas miñas cancións, ao mesmo tempo que fun deixando a diglosia. Foi un proceso natural e lóxico, e quizais axudou inconscientemente o ir coñecendo bandas de black metal e similares, sobre todo do norte da Europa, que non tiñan reparo en empregar as súas linguas mai nas súas composicións, e ate eran parabenizadas por iso. Cando comecei o Xerión na primavera do 2001 xa a miña lingua familiar, social e creativa eran a mesma, e así foi ate fechar o círculo no 2017 cando, tamén dun xeito orgánico, mudei a escrita cara o que eu gosto chamar galego medieval, tras varios anos traballando coa nosa lírica galego-portuguesa noutros grupos e proxectos, o que, e creo que é algo coñecido por quen nos segue, fixo que se fose filtrando no Xerión en forma de sons e temáticas e, finalmente, de grafía. Mágoa que gostemos tanto do noso logo como para trocar o nome por Gerión… Ben, non se pode ser coherente en todo.
Antes de vós, os exemplos de metal en galego eran escasos e case sempre no campo do crossover thrash, coma Mala Oxtia, Desvirgheitors ou Mol, o metal alternativo de Skornabois, o thrash de Xudef Klas ou o hard rock e heavy máis clásico de Épsilon ou Astarot. Con Xerión, e outras bandas coma Alendalúa ou Inmacula Mortem, chegou a primeira vez na que o galego se levou a un ámbito aínda máis extremo e underground. Erades conscientes deses precedentes?
Pois a verdade é que non. Todas esas bandas, agás Astarot, que comentas, chegaron posteriormente a nós ou chegan agora que comentas. As referencias de música cantada en galego cando foi nado o Xerión viñeron do folk e dalgunhas músicas eruditas, mais non do metal. Neses comezos andaban tamén Vórtice, de Vilaboa, facendo metal negro en galego, banda que coñecimos nun concerto no Anoeta de Vigo no que tamén tocaron Inmacula Mortem e Mydgard cando aínda estabamos Daga e mais eu en Regnvm Irae.
Gustaríame rematar preguntándoche por un elemento recurrente nos vosos traballos. Que é Amh-Ghad-Ari?
Amh-Ghad-Ari é aquel lugar de repouso, meditación e creación ao que Daga e mais eu intentamos acudir sempre que podemos. Non se trata soamente dun espazo físico, senón tamén mental e en ocasións afastado da realidade externa. Mil grazas de novo, Jacobo por esta entrevista e o apoio ao Xerión dende Rouco Son. A ver se volvemos vernos o antes posíbel nun concerto e botámoslle unhas cervexas. Vémonos no Inferno e, por suposto, que siga a tolemia!