Saltar al contenido.

Rouco Son

Falamos de rock en galego

  • Quen somos?
  • A fondo
  • Entrevistas
  • Recensións
  • Axenda
  • Actualidade
Recensións

Fillo Corvo e Verbian fan vibrar a sala Moon de Compostela

O pasado venres 19 tivo lugar na Moon Music Club o concerto dos portugueses Verbian acompañados dos composteláns Fillo Corvo. Organizado por HNM Entertaiment, contou cunha boa asistencia de xente, desexosa de concertos ao vivo despois de tanto tempo sen eles. Mentres que Verbian viñan desde Porto coma parte da xira de presentación do seu último álbum, Irrupção, lanzado o pasado setembro, Fillo Corvo daba o que foi o seu terceiro concerto, logo de terse estreado na propia sala Moon antes da pandemia e de ter regresado aos escenarios o mes pasado na Filomatic da Coruña. Apenas teñen dúas cancións editadas ata o momento, gravadas no Cimática Studio de Cerceda, pero axiña contan con sacar un traballo máis completo.

Verbian, de Porto. Fotos de @melonmanolp

Foron os galegos os encargados de dar comezo ao recital. O estilo do cuarteto podería definirse coma metal alternativo, onde as partes máis pesadas se alternan con pasaxes limpas. Contan cunha formación clásica de vocalista, guitarra, baixo e batería: a voz é dramática e melódica, e os riffs dinámicos e elaborados, algo que non sempre é habitual no estilo. O apartado instrumental, de feito, brillou especialmente, estando ben cohesionado e facendo uso de diferentes técnicas que dotaron de variedade ás cancións.

Aínda que polo xeral optaban por ritmos pesados e a medio tempo, tampouco faltaron as partes rápidas ao longo do set. Tamén destacaron os abundantes solos de guitarra, melódicos e precisos, co acompañamento dun baixo potente que en absoluto precisaba dunha segunda guitarra para desenvolver a súa función. Para moitos dos asistentes era a nosa primeira vez escoitando boa parte das cancións de Fillo Corvo, xa que dos 8 temas interpretados só 2 se poden escoitar polo momento en plataformas dixitais.

Polo xeral, o cuarteto optou por ir descargando os seus temas un tras outro, con algunha parada ocasional para falar coa audiencia. Un punto álxido chegou cara a metade do concerto, cando o grupo interpretou o seu sinxelo «Pedra negra» ante un público entregado. Tamén destacaron, cara ao final, as voces a dúo cantadas entre o vocalista Sumbaler e o batería Anxo Porto. Unha vez rematado o set que tiñan planeado, cun final intenso e rápido, o público pediu máis, así que os composteláns víronse obrigados a tocar un bis xenuíno (algo que se bota de menos entre tanto bis que se sabe pensado e preparado) repetindo «Pedra negra». En definitiva, sorprende que fose apenas o seu terceiro concerto, e deixa ganas de escoitar o resto das cancións interpretadas en estudio.

Fillo Corvo, ao rematar a súa actuación

Pasou entón a ser o turno de Verbian. Esta banda de post rock e post metal portuguesa xa ten unha traxectoria detrás, con dous álbumes editados (o primeiro, Jaez, saíu no verán de 2019) e viñan en calidade de cabezas de cartel, así que os asistentes xa sabíamos o que podiamos esperar. Porén, foi un deses concertos nos que a experiencia ao vivo é aínda mellor que a do estudio, sen desmerecela en absoluto.

Como podemos agardar dunha banda do estilo, a música de Verbian é atmosférica, envolvente. Non pretende tanto sorprenderche con melodías pegadizas coma transmitir unhas determinadas sensacións. Ademais, hai que ter en conta que, salvo momentos moi puntuais nos que todos os membros do trío interpretaban voces guturais ao unísono, estamos ante un grupo instrumental. Porén, tamén houbo espazo no concerto para a melodía e para riffs memorables, especialmente nas partes nas que exploraban o lado máis sludge metal do estilo, ao modo de moitos pioneiros do mesmo. A interpretación dos temas foi exacta, cun son de igual calidade ao dunha interpretación de estudio.

Batería e baixista de Verbian, durante o concerto

Porén, como xa dicimos, onde realmente gaña a banda é no feito de verlles interpretar a súa música en directo. Tanto o baixista coma o guitarrista da banda compartían estes instrumentos cos teclados, responsabilidade que se repartían entre ambos en diferentes combinacións. E tamén, como non, cun gran número de pedais de efectos, ao máis puro estilo shoegaze. O elaborado das composicións complementábase con diversos samplers, co emprego de loopers para engadir múltiples capas a varias seccións das cancións, e por suposto con riffs que moitas veces eran máis intrincados do que se adoita agardar dun estilo eminentemente atmosférico coma este. Este pluriemprego dos membros da banda é relativamente habitual en grupos coma este, pero non por iso menos meritorio, e máis sendo «unicamente» un trío. Verlles en directo era, pois, como ver a tres tipos construíndo unha intrincada estrutura a tempo real, algo que de seguro faría desfrutar especialmente ao resto de músicos presentes na sala.

O guitarrista de Verbian durante a actuación

Agardemos que a situación sanitaria siga a permitir concertos coma este, e poder volver ver axiña tanto a Fillo Corvo con novo material baixo o brazo coma a Verbian visitar de novo as nosas terras.

Comparte esto:

  • Twitter
  • Facebook

Me gusta esto:

Me gusta Cargando...

Relacionado

22 de noviembre, 202110 de noviembre, 2022 RedacciónCompostela, Doomawaits, Fillo Corvo, HNM Entertaiment, Metal alternativo, Porto, Portugal, Post metal, Post rock, Rock alternativo, Verbian

Navegación de entradas

Anterior Entrada anterior: Xerión, 20 anos de metal galaico extremo: entrevista a Nocturno
Siguiente Entrada siguiente: Xa está na rúa o novo álbum dos Vacalouras, Xuventude Prexubilada
  • Facebook
  • Twitter
  • Instagram
Crea un sitio web o blog en WordPress.com
  • Seguir Siguiendo
    • Rouco Son
    • ¿Ya tienes una cuenta de WordPress.com? Accede ahora.
    • Rouco Son
    • Personalizar
    • Seguir Siguiendo
    • Regístrate
    • Acceder
    • Copiar enlace corto
    • Denunciar este contenido
    • View post in Reader
    • Gestionar las suscripciones
    • Contraer esta barra
 

Cargando comentarios...
 

    Privacidad y cookies: este sitio utiliza cookies. Al continuar utilizando esta web, aceptas su uso.
    Para obtener más información, incluido cómo controlar las cookies, consulta aquí: Política de cookies
    A %d blogueros les gusta esto: