Primeiro marcaron un antes e un despois na súa traxectoria coa súa canción do verán «O Samil é Portugal», cunha colaboración de luxo como foi a de Quim Barreiros. Logo sacaron outros tres sinxelos máis de adianto, «Fedes a faiado», «Acacia negra» e «Tírate da ponte de Rande», tamén acompañados de videoclips, onde exploraron as diferentes facetas do grupo. E por fin, Os Vacalouras presentan hoxe o seu novo traballo de estudio, Xuventude Prexubilada.
Este novo álbum está composto por 10 cancións onde amosan unha maior madurez no musical, sen deixar de lado o seu estilo desenfadado e festeiro, que mestura punk e folk e que eles mesmos bautizaron como pataca’n’roll. Esta variedade xa a puidemos apreciar nos adiantos que nos deron; mentres que en «Tírate da ponte de Rande» atopamos o son máis clásico do grupo, como se podería escoitar en traballos anteriores coma Es Punki i Non o Sabes ou Capacho Rock, cancións coma «Fedes a faiado» ou «Acacia negra» sorprenderon tratando temas máis persoais.

Dende a súa promotora, Galunk Producións, cóntannos que se trata dun disco «repleto de novos sons e estilos», onde a gaita terá en todo caso, como non, unha presenza moi destacable ao longo do disco, e «cunhas letras acedas e repletas de humor onde a sátira será a sua marca de identidade». Un novo traballo da banda de Teis que de mostra o bo estado de forma da música galega e que presentarán o próximo 10 de decembro en directo en Vigo na Sala MasterClub.
As entradas para este concerto xa están dispoñibles en liña en www.woutick.es, e en papel no The Monk Pub de Rúa Uruguai, en Vigo. Mentres tanto, todos os seus videoclips e o disco completo están dispoñibles en Youtube e tamén nas principais plataformas dixitais, coma Spotify, Amazon Music, Deezer, Google Music, Apple Music ou Tidal.