Arrhythmia presentará novo disco o 25 de febreiro na Sala Malatesta

O trío lucense Arrhythmia estará o vindeiro venres 25 de febreiro na Sala Malatesta de Compostela para presentar por fin o seu novo álbum, titulado I. Os de Lugo quentarán a noite compostelá coa súa mestura de rock alternativo e metal, que xa lles fixo hai tres anos merecedores dun Premio Martín Códax da Música e que volverá tan forte coma sempre con este novo disco. E iso xa o amosa o adianto que sacaron, «Espertei», un sinxelo acompañado de videoclip que veu a luz en Youtube o xoves 16 de decembro e co que xa están a colleitar unha grande acollida. Unha canción coa que o grupo, ademais, contribúe a visibilizar a importancia da saúde mental.

Os tres membros de Arrhythmia

O agardado concerto de presentación e, en consecuencia, o lanzamento do disco, previstos anteriormente para novembro, tiveron que ser adiados un par de ocasións. As entradas previamente adquiridas serán válidas para esta nova data, e quen aínda non teña a súa pode mercala a un prezo de 10€ na seguinte ligazón: https://www.wegow.com/es-es/conciertos/arrhythmia-sala-malatesta-santiago-dc-artista-invitado

A banda fundada en Lugo ten varios discos ás súas costas, incluíndo o EP III (2012) e o álbum II (2016), polo que este novo I parece vir a pechar a triloxía. Tamén foron sonados sinxelos como «A forza da razón» co grupo de hip hop Rebeliom do Inframundo, «A cea dos malditos» con Pepo dos asturianos Desakato, ou «Voltarán». Polo momento, este novo «Espertei» xa se sumou a esta lista de temazos que os seguidores da banda poderán escoitar ao vivo na Malatesta.