Cruzeiro acaba de sacar o seu primeiro álbum, pero con el xa se lograron posicionar como banda punteira do doom metal en Galicia. Este cuarteto coruñés fundado en 2019 recolleu a inspiración de bandas míticas como Electric Wizard, Acid King, Reverend Bizarre, Cathedral ou Black Sabbath, pasándoa polo seu filtro propio para crear un álbum de 40 minutos e 4 cancións que está a colleitar unha cálida acollida na prensa especializada, aparecendo na lista dos mellores discos do ano de varios medios. Despois de editalo ao grande co apoio de ata catro discográficas, nomeadamente Vertebrae, Interstellar Smoke, Lunar Seas e Caín Records, xa o presentaron ao vivo nunha xira cos navarros No Santuary. Dende Rouco Son falamos co seu baixista, Raposa, para que nos contase os detalles deste disco, da xira de presentación e dos vindeiros pasos da banda.

Pasaron uns poucos anos dende a fundación do grupo ata o lanzamento do voso álbum, pero foi un lanzamento ao grande, co apoio de varias discográficas. Estabades agardando o momento xusto ou simplemente tocou cando tocou?
As dúas cousas, en realidade. Nós estabamos inclinados a preparalo o mellor posible, e realmente o que queriamos era andar máis por aí a poñer en práctica o noso son en directo o máximo posible, que é o propio na nosa música, pero logo coa pandemia… pois puxémonos a concentrar os esforzos na gravación, e como a cousa seguía, na mestura, e logo na edición, e logo na distribución… Cada un do grupo púxose co que mellor dominaba e logo con todas estas discográficas, que confraternizaron moi ben entre elas tamén, pois conseguimos este lanzamento tan de «frente amplo».
Que tal foi o recibimento do disco e da xira de presentación?
Pois xenial! Non podemos dicir moito máis… É curioso andar recopilando as cousas que a xente vai dicindo ao escoitalo disco, tanto as que tiñamos moi claras como as que só se da un de conta cando llo di un terceiro… Sorprendeunos que non a poucos lles pareceu unha aposta algo así como arriscada, sobre todo nos medios máis exclusivos do metal, cando a nós sempre nos pareceu un proxecto que si que é algo rizomático, pero que tamén nos sae de maneira moi natural e confiada. Así que, se gustou por iso, ou a pesar diso, pois xa quedamos dobremente contentos. Tamén desfrutamos moito tanto de achegalo xénero á xente do pais, e con el a tantos outros artistas cos que nos relacionamos, directa ou virtualmente, como ao revés, de achegar a nosa visión particular do doom dende aquí, a sitios de bastante lonxe, grazas a que hai un interese moi ben repartido polo mundo por apoiar moito a este tipo de música, sen importar as distancias.
Optastes por un nome en galego, e a metade dos temas do álbum están escritos na nosa lingua. Por que?
Si, bueno, incluso mativemos o lusismo, xa que a sonoridade do nome é, digamos, recoñecible igualmente por todos e todas. Igual co símbolo, máis polo telúrico que evoca e o elocuente que é para representar a pesadez do xénero, en tódolos sentidos… En realidade nunca tivemos ningún debate sesudo sobre a orientación «lingüística» da banda, así que xa dende a apertura de miras e a tolerancia de tódolos membros pasados e actuais, sen ser todos nin galegos nin galeguistas necesariamente, pois tivemos liberdade total para expresarnos. Facemos as letras en galego, porque non deixa de ser a música dun lugar concreto, o noso, pero non renunciamos ao inglés, sen que esta lingua teña que abafalas outras por esa teima tan parva de intentar ser o máis internacionais posible. Tiñamos tamén unha letra en catalán, galego en verso medido, tanteamos no seu momento sonoridades máis obviamente rifeñas… Se xa a nosa reinterpretación do xénero, que é xa moita mestura de varios subxéneros, non é moi ortodoxa, non nos iamos cortar coas linguas…
O doom metal é quizais un dos subxéneros do metal con menos tradición en Galicia. Por que pensades que un xénero que a priori parece menos extremo que outros, como é o doom metal, adoita ser a ovella negra cando se fala de metal?
Pois a verdade é que nós tampouco o entendemos moi ben… É dicir, poderíamos pensalo un pouco e seguro que lle atopamos algunha causa lóxica, pero non se explica precisamente coa boa aceptación que ten en tantos sitios e tan próximos cultural e comercialmente ao noso se falamos de metal, como Portugal, Inglaterra, Alemania… Para nós, seica pola súa conexión máis ou menos feble pero determinante co stoner, e incluso coa psicodelia, ou outros «rocks nostálxicos» fillos dos 60 e 70, ata nos parece o metal máis popularizable dos que contamos no país, sobre todo por esta flexibilidade que ten, que é tamén a orixe do noso interese por el para o proxecto. O doom está formado por unha matriz bastante voluble, aínda que ao mesmo tempo é unha vía estilística bastante segura.
Na imaxe da banda pode apreciarse unha certa reminiscencia das bandas setenteiras de temática ocultista. Foi algo casual ou algo buscado?
Pois as dúas cousas, en realidade. Cando un xénero xa está ata certo punto ‘inventado’ e un anda a intentar bailar ese xogo entre a imitación, o manierismo e a ruptura tan común, non pode deixar de respetar, moitas veces sen ser plenamente consciente, certas tipoloxías ou estilemas precedentes. Isto aconteceunos, en realidade, tanto na parte gráfica como na lírica como na instrumental. As tres esferas acaban actuando ao final como contenedores xa algo predeterminados, onde xogamos a variar sobre unha temática dada e, dependendo da maior ou menor gracia coa que o fagamos, aí pode atoparse o noso pequeno pero moi persoal mérito. Así, na parte gráfica da imaxe, pero tamén das outras, hai moitos temas xa «acontecidos», como o gravado barroco, a ciencia ficción pulp ou moderna, o cartelismo europeo modernista que xa fora moi revisitado no San Francismo dos 60… E ao mesmo tempo, si que aparecen contidos formais propios e da terra que un ten case que xogar a ir atopando.
Falando de imaxe, tamén chama a atención a portada do álbum, inspirada nunha imaxe da célebre e pioneira cosmonauta Valentina Tereshkova. A que se debeu esta elección?
Bueno, creo que nos gusta que as referencias, xa sexa na música, na imaxe ou nas letras, como comentabamos antes, teñan sempre un tempo e un lugar, a pesar de que poidan chegar a aparecer tan veladas que case desaparezan. No caso das e dos cosmonautas e da temática espacial en xeral, sen esquecer certa ironía coa que sempre se mira a calquera pasado moderno ou algo cercano, case que simplemente é unha chamada a non ser tan ianqui ou tan triunfalista sobre aquela carreira espacial, que pode ser retro e molar, sí, pero hai que saber onde tocar máis e onde menos…
Cun álbum tan ben recibido na rúa e xa presentado ao vivo, cal é o seguinte paso para a banda?
Pois seguir! A verdade é que como tivemos a «sorte» de ter tanto tempo entre a pandemia e todo, non só puidemos preparar e meditar bastante ben o noso debut, senón que tamén nos deu tempo a andar argallando e acumular xa bastante material para futuros e variados proxectos, que non todos van a ser necesariamente discos en serie ou demasiado ortodoxos… Pero sobre todo tamén queremos desfrutar moito dos directos e levar a nosa chencha por moitos sitios, e misturarnos e aprender desas outras bandas coas que poidamos coincidir, porque en realidade o grupo xa se fixo para iso, para evolucionar e non parar, pero sobre todo para disfrutar da experiencia do directo, que no noso caso entendemos case que é intransferible ás grabacións, aínda que tamén o pasamos ben rompéndonos a cabeza intentándoo…