Grupos musicais vigueses crean unha plataforma para esixir salas de ensaio públicas

As músicas e músicos vigueses levan dende o comezo da pandemia sen ter acceso a unhas salas de ensaio públicas e gratuítas na cidade. Coa desescalada do confinamento en 2020, as salas de ensaio privadas e as públicas de moitos concellos galegos volveron de xeito máis ou menos continuo á súa actividade, mais non as de Vigosónico, en Valadares, as únicas do seu tipo que quedaban en Vigo despois do peche das da Casa da Xuventude ou as do Castro. Despois de meses sen ter ningunha información, as usuarias e usuarios de Vigosónico recibiron a mensaxe de que podían ir buscar o seu material despois de meses en condicións de humidade descontroladas, e que o peche que no seu momento foi temporal sería indefinido.

Estes feitos suscitaron unha serie de protestas que continúan a día de hoxe, máis dun ano despois deste peche indefinido. Por iso, integrantes de bandas de Vigo e da zona uníronse agora en torno á plataforma Grupos de Vigo en Loita, para demandar «unhas salas de ensaio públicas, gratuítas e accesibles a disposición de todas as músicas e músicos vigueses», coa reapertura de Vigosónico como mínimo. A plataforma ten xa presencia nas diferentes redes sociais.

Dende Grupos de Vigo en Loita denuncian «a perda de espazos de ocio e culturais para a mocidade e para a poboación xeral», nas que se encadraría o peche de Vigosónico e das súas predecesoras, que eran máis accesibles pola súa situación máis céntrica na cidade. Un peche que dende o colectivo consideran «totalmente inxustificado por criterios sanitarios, como amosa a actividade das salas de ensaio privadas e as públicas de moitos outros Concellos». Hai uns meses, as bandas de Ferrol seguiran un camiño similar coa creación da plataforma Reapertura Xa Locais de Ensaio Ferrol, que segue a desenvolver a súa actividade para esixir a reapertura dos locais do mercado da Magdalena.