Coa chegada do novo milenio, o metal feito na nosa lingua comezou expandirse considerablemente, chegando por primeira vez a moitos novos subxéneros. Son os anos, por exemplo, nos que comeza florear en Galicia o black metal, e bandas como Inmacula Mortem, Alendalúa ou Xerión (e a súa banda precursora Regnvm Irae) empregaron o galego en varios traballos que foron fundamentais para o desenvolvemento do estilo no país. O death metal, por outra banda, xa levaba unha década contando aquí con moitos expoñentes, pero é agora cando bandas como Wisdom e Glut! (na foto principal) comezan empregar a lingua neste estilo. Tamén é a época dourada dun estilo tan relacionado co metal como é o crust punk na cidade da Coruña, con Madame Germen como principal expoñente da escena que empregou a lingua galega na súa música. E atopamos tamén temas en galego da banda de heavy metal Orfos, dos power metaleiros Trashnos, da banda de nu metal Meninhos da Rúa… Incluso bandas tan famosas coma Los Suaves, ou mesmo os madrileños Mägo de Oz, coquetean co noso idioma, dando proba da súa potencionalidade.
Comecemos, pois, polo caso do black metal. A finais dos anos noventa, este estilo, nacido como tal menos dunha década antes, era a novidade na escena extrema galega, dominada ata entón polo death metal e polo hardcore. Por iso foi especialmente relevante o feito de que, dende a súa mesma aparición, varias das súas bandas principais empregasen o galego para a súa música, unha tendencia que aínda continúa forte hoxe en día. A ourensá Regnvm Irae, que combinaba temas en galego con outros en castelán ou mesmo en latín, foi unha das principais precursoras, e o seu membro fundador Nocturno deu un paso adiante que foi clave coa fundación no ano 2000 do selo Nigra Mors. A discográfica comezou editar a varias bandas internacionais, e tamén galegas, coma Alendalúa, que incluíu varios temas en galego nos seus traballos Orpheus (2000) e No Solpor da Inocencia (2002), ou a xa practicamente galegófona ao completo Xerión.

Xerión, da que xa vos temos falado anteriormente nas páxinas desta revista, foi inicialmente unha banda formada unicamente por Nocturno, un tipo de formación habitual no black metal dende os seus inicios. Con esta formación saíron dúas maquetas moi influíntes: O Espírito da Fraga (2001) e O Trono de Breogán (2002), así como un disco compartido coa mítica banda catalá de black metal Foscor. De feito, neste último, titulado Xerión vs. Foscor (2003), os cataláns versionan, mantendo a súa lingua orixinal, «Na noite dos tempos», mentres que Xerión fixo o propio con «Guerrers de la foscor». Logo, Nocturno sumaría ao proxecto á teclista Daga, coa que aínda continúa na formación, e outros varios membros cos que editaría un gran número de traballos de gran calidade ata o día de hoxe, convertíndose nunha das máis prolíficas bandas galegas.
Por outra banda, o black metal non só xermolou nestes anos en Ourense. Tamén o fixo en Lugo, en Palas de Rei, na Coruña, en Compostela, en Vigo… E en Soutomaior, onde Inmacula Mortem editou a súa demo en CD Mencer (2001), con letras en galego, hoxe unha peza de coleccionista case imposible de atopar. A banda disolveríase en 2003, máis, das súas cinzas, Balc e Virus crearían unha das bandas máis senlleiras e veteranas do black metal galego, Balmog, coa adición do baixista Morg (procedente de Mydgard). Balmog, hoxe un cuarteto, vén de sacar o seu cuarto álbum completo, Eve, o pasado 2021.
Non hai que esquecer, en todo caso, que o black metal é un estilo no que dende as súas orixes, especialmente en Escandinavia, foi particularmente frecuente que as bandas empregasen as súas linguas propias. O elemento de vencello coas raíces tan habitual no black metal, como é sabido, foi levado en algúns casos a extremos inaceptables por un grupo de bandas de ideoloxía fascista que, desgraciadamente, lograron unha sobredimensionada proxección mediática; pero na meirande parte dos casos, simplemente serviu para que moitas bandas alleas a esas derivas se animasen a cantar en linguas que non fosen necesariamente o inglés, e así foi tamén no caso galego.

Falando xa de death metal en galego, non se pode non falar dos ferroláns Wisdom. Esta banda percorreu boa parte das etapas históricas do metal extremo galego: a principios dos anos 90 practicaba un thrash metal que os facía coetáneos de Xudef Klas, Scum ou Hatred; logo entraron de cheo na escena de death metal e grindcore noventeira galega; e no ano 2003, coa publicación do CD Que te Confunda o Demo, levaron ó seu death/grind, clásico e a velocidade de infarto, á lingua galega. Os suxerentes títulos de cancións tan propios deste estilo musical nunca sonaran tan enxebres. A continuación deste disco non chegaría ata 2011 co álbum Podre, tamén un discazo en todra regra. A partir dese punto, o grupo tocaría tamén baixo o nome de Os Podres, sacando un EP con esa denominación en 2014.
Glut!, procedentes de Camariñas e fundados en 2001, tamén comezarían facer death metal en galego, empezando coa demo Morto (2004). Neste caso estamos ante un grupo de brutal death metal, tamén con elementos do grindcore: dificilmente pode haber algo máis extremo ca isto. De feito, falar de letras en galego nestes casos pode ser debatible, xa que moitas veces os berros non seguen ningún idioma real, e se inclúen no libreto letras feitas a posteriori máis por engadir ao impacto e á estética xeral que por unha necesidade de cantar frases reais. Os blast beats case constantes, as afinacións graves, os guturais profundos e as atmósferas de película gore son os verdadeiros protagonista desta música. Nos anos seguintes, Glut! sacaría os álbumes Origen da Tragedia (2006) e Trastorno Depresivo Perpetuo (2009), tras os cales a banda cesaría a súa actividade, aínda que varíos dos seus membros farían parte doutras bandas, varias delas tamén en galego.
O crust punk, por outra banda, pode soar a algo afastado ao metal, pero nada máis lonxe da realidade. Este estilo, que tanto floreceu nestes anos tanto na Coruña coma noutras cidades e vilas galegas tivo dende as súas orixes nos anos oitenta unha importante vinculación co metal, especialmente con estilos extremos coma o thrash e o black. É o caso tamén dunha das súas bandas galegas máis destacadas, e a principal en empregar o galego no estilo: Madame Germen, na que ademais podemos atopar varios membros que tamén pertencerían a outras bandas de metal. Esta agrupación tivo unha vida relativamente breve, pero ao longo dela sacou tres traballos de gran calidade: As Cicatrices do Paraíso (2003), Madame Germen (2004) e Invocación á Morte (2005). Tres discazos que condensan á perfección o por que do status mítico do crust coruñés, co engadido de telo feito na nosa lingua.

Iso si, non todo foi extremo no metal en galego destes anos. O grupo vigués de heavy metal Orfos, que comezou a súa andaina nos anos noventa, tendo previamente o nome de Pantokrator, combinaba o castelán e o galego. Sacou dúas maquetas tituladas Orfos nos anos 2000 (aínda co vello nome) e 2004, e posteriormente sacaría dous álbumes, Naialma e Noctarium, antes de disolverse en 2010. Meninhos da Rúa, por outra banda, entraban no paraugas do que se deu en chamar nu metal, nome co que se agrupou a bandas que mesturaban en diferentes medidas rock alternativo, hardcore, hip hop e metal. Sacaron o seu único traballo, o álbum Negativo, en 2001. Tamén hai que mencionar ao grupo de power metal Trashnos, que incluíu a balada «Alén» no seu álbum do mesmo nome de 2004.

E, por suposto, non podía faltar nesta reportaxe a banda máis mítica do rock duro e o heavy metal galegos: Los Suaves. Aínda que este grupo fixo a gran maioría da súa carreira en castelán, moitas veces fixeron bandeira das súas raíces galegas, como amosa por exemplo «O afiador»: unha versión en galego dun tema aparecido previamente no seu álbum Santa Compaña de 1994, que veu a luz no ano 2002 na recompilación Un Paso Atrás en el Tiempo. Que unha banda tan lendaria coma Los Suaves se animase a facer un tema en galego era sintomático da crecente aceptación que a nosa lingua tiña como vehículo válido para calquera tipo de expresión artística, incluíndo, por suposto, á música heavy.
Porén, Los Suaves non é o único gran nome do metal máis popular que hai que escribir na historia do metal en galego destes anos. Especialmente notable é o caso do flirteo coa nosa lingua dunha das bandas españolas de metal máis famosas de toda a historia, a madrileña Mägo de Oz. A mestura entre folk e power metal deste archicoñecido grupo ten unha necesaria vinculación coa música celta e coa tradición musical galega, ata o punto de que, a pesar de proceder de fóra das nosas fronteiras, teñen declarado en varias entrevistas que máis dunha vez a xente ten dado por feito que son un grupo galego. Despois de varios traballos de crecente éxito, este vencello con Galicia chegou á súa máxima expresión co seu cuarto álbum de estudio, Finisterra (2000). Este álbum foi o que catapultou definitivamente á fama á banda, e dende o seu propio título, en referencia a Fisterra, fica claro que estamos ante un disco inspirado pola nosa terra, como se pode ver tamén na súa portada. E é que o disco esta inzado de alusións a Compostela, ao Camiño ou ao Apóstolo Santiago.
En Finisterra, un álbum conceptual ambientado nun futuro distópico, atopamos dúas cancións tituladas en galego: a instrumental «A Costa da Morte» e «Conxuro», que recolle unha recitación do mítico conxuro da queimada, en galego, sobre a música folk metal do grupo. Aínda que se trata de cancións instrumentais ou con recitacións e non de cancións cantadas polo vocalista da banda, non deixa de ser un caso significativo. En 2003 o grupo editaría o DVD ao vivo gravado en Cedeira A Costa da Rock, e os guiños á nosa terra continuarían durante o resto da súa carreira. De feito, varios músicos que viven en Galicia ou con orixes galegas formarían parte da banda, como o guitarrista afincado na Coruña Manuel Seoane ou o guitarrista berciano Víctor de Andrés, que tamén estivo en bandas galegas como Megara ou Pacho Brea. E dende onte mesmo, tamén é membro da banda o teclista aresán Manuel Ramil.
A todas as bandas anteriormente mencionadas hai que sumar, por suposto, a continuidade de bandas das que xa vos temos falado en capítulos anteriores desta serie de reportaxes, como Astarot, Túzaros ou Zënzar. O desenvolvemento e a expansión do metal en galego foi xa imparable, e ditos procesos continuaron ao longo dos anos seguintes. Pero iso xa corresponderá ao seguinte capítulo…
