Por Patty Castro, con fotos de Javier Pereira.
Xa caía o resío pola noite do sábado 27 de novembro nos arredores da sala Rebullón de Mos. Era unha noite fría, pero na sala estabamos moi a gusto agardando o concerto. Comezaron á hora pactada os valencianos Cuélebre, un grupo de folk medieval e pagán. Cuélebre busca a inspiración nas raíces da península ibérica e a súa mitoloxía, amosando así letras baseadas en escritos feitos sobre deidades de orixe prerromano. Cun universo celtíbero de fondo, a música xurde a través dun compendio de instrumentos medievais e sons atmosféricos, recreando rituais precristiáns ligando a vida e a morte. Un gustazo escoitar a voz de Judit, a frauta de Budy, a percusión de Mario, as cordas de Sammy, o curioso didgeridoo de Víctor e a zanfona de Yhandros. Un gustazo escoitar a este quinteto e gozar da súa posta en escena. A verdade e que foron un inicio de concerto moi acertado para o que viña a continuación.
Estaba claro que a xente estaba con moita gana de escoitar a Mileth. O grupo, despois da corentena, non tivera oportunidade de poder xuntarse nun escenario, e aínda por riba tocar en casa era algo moi esperado, a expectación facíase patente. Como apuntamento sobre o nome do grupo e o estilo que practica, dicir que Mileth é un grupo que practica metal pagán galaico, unha mestura entre metal extremo, folk e elementos tomados da música tradicional galega. E o nome do grupo fai referencia a Miledh, personaxe da mitoloxía galega e irlandesa, neto de Breogán. Segundo a lenda, é o devanceiro de todos os irlandeses. Foron os seus oito fillos, os milesios, os que partindo dende as costas galegas xunto aos nove irmáns de Ith, conquistaron Irlanda.

Este grupo está comandado por Marcos do Relicario, que fai as voces guturais, cantos e coros, e toca o bouzouki, a zanfona e percusión. Comezou con este proxecto aló polo 2009 nas terras da Serra do Xistral , en terras luguesas, pero debido a cambios de residencia rematou por terras viguesas, onde foi atopando ao resto dos milesios, cos que deixa rexistradas o longo da pasada década varias maquetas: Cancioneiro da enxebre escuridade (2012) Mitolóxica errante: …e na novena onda caeron os deuses (2014) e Recolleita dos demos que han de ser esquecidos (2016). Esta última foi editada baixo o selo Darkwoods, sendo unha edición especial que recompila tódalas anteriores demos xunto a inédita “Daqueles vellos ósos onde morre a vida”. No 2019 Mileth publica o seu primeiro álbum Catro pregarias no albor da Lúa Morta. Foi gravado en Marín nos Zoilo Unreal Studios, unha gravación cun total de quince persoas, contando coa colaboración de músicos que participaran de agrupacións tan recoñecidas coma SondeSeu, Quempallou ou Rodrigo Romaní Trío.

Comezaron a festa da mellor maneira, dando todo, cunha posta en escena moi coidada, misturando o ambiente folk proporcionado por Xurxo das Cornamusas coas súas gaitas, frautas e teclados, e pola zanfona ou o bozouki de Marcos, co resto dos instrumentos menos tradicionais, como a batera de Bruno da Chumba, o baixo de Luis da Cruz Alta as guitarras de Xurxo dos Corvais e Xacobe do Seixo Branco, quen tamén fai voces guturais e coros. E coa incrible voz melódica dunha muller moi kañera, Dana da Carballeira, quen leva tamén dende case os principios coa banda.
Foron Dana e súa irmá quen fixeron as delicias dos asistentes coa declamación de poemas e bailes, xogando cun vestiario que remarcaba o sabor pagano da festa, e tamén o máis escuro. Destacou tamén a utilización de pandeiretas ou cantos ancestrais moi ligados á nosa cultura galega. Todo está moi ben orquestrado, a escenografía , o son, os movementos e a incrible resonancia da sala Rebullón, que nos fixeron bailar e desfrutar dos berros guturais, e notar como os pelos se nos poñían de punta coa aparición do espírito da fraga.

Son unha banda que coida extremadamente non só as súas letras, senón a presentación de todo o seu merchand, as portadas e a fotografía. Creo que podemos dicir que tanto a presentación de Xoio Carmesí, o ilustrador e familia xa da banda, como a fotografía e o formato do álbum están moi ben deseñados. Sabemos que Darkwoods, o seu selo estatal, axudou a crear estas edicións tan coidadas, e tamén axudaron na repercusión nos medios especializados e incluso nos medios galegos que normalmente non se fan eco deste tipo de música, como o Zig Zag da TVG. Tamén este grupo conta cun selo internacional, o selo ruso SoundAge, quen pon a desposión da banda todo o que poden.
E ben o merecen, pois esta banda xa tivo o recoñecemento do primeiro premio no XI Concurso “Fran Pérez NARF” da música no ano 2019 e o para o videoclip de Brumas e Salitre dirixido por Xaime Miranda, galardóns nos festivais Primavera do Cine, OUFF e Curtas Armadiña. Uns premios que veñen poner en valor a enorme labor do grupo por tratar de traer un produto coidado na súa elaboración ata o último detalle. Tal vez por iso mesmo son unha banda que no directo asombra con cantos sons son capaces de misturar. A verdade é que escoitalos nese día foi un gusto para os sentidos, e para o remate da festa, a xente non quixemos irnos sen que repetiran outra. “De bruma e salitre” foi a elixida por aclamación popular, e fixeron que subiran acompañalos os amigos de Cuélebre.

Foi, sen dúbida, unha festa pagana no mellor dos sentidos, con tres voces femininas e os punteos de Xacobe e Xurxo, misturados coa percusión de Víctor ou os guturais de Marcos, que arengaba a un público entregado. A verdade é que quedei gratamente sorprendida con toda a forza e bo roio que transmite esta banda. Que ganas de voltar escoitala, vela e sentila no directo. Grazas Mileth por ofrecer este traballo tan ben feito , por traballar incansables para sacar adiante proxectos tan diferentes que leven a nosa cultura por bandeira e poidan facer as delicias dos oídos mais metaleiros.
