Xira galega de Grilo para presentar o seu novo sinxelo “Deixádeme”

Por Patty Castro.

Grilo é unha banda nada en Compostela a finais do verán de 2018 e que actualmente ensaia na Estrada. Os seus compoñentes son Adrián Gómez, vocalista e guitarra, procedente do Barco; Alberte Fernández, baixista e coros, de Pontevedra; e Miguel Varela, batería e coros, de Ourense. Este grupo de colegas tivo a sorte de atoparse tomando algo cun amigo común na terraza do Agarimo en Santiago, quedaron para tocar e viron que o  que facían xuntos moláballes e quixeron compartilo coa xente. Sacaron “Criminal”, o seu primeiro sinxelo, neses mesmo ano, e comezaron dar bolos con grupos referentes para eles. E, sen parar, fixeron o álbum Dálle lume (2019), con todos os temas gravados, mesturados e masterizados nos Estudios Mafia do Carballiño por Óscar Fernández “Chichi”. Logo chegou o sinxelo “Rebelión”, que foi gravado nos Pouland Studios por Iago Pico e editado ese mesmo ano.

Presentaron todo este traballo nunha coidada actuación na Sala Capitol de Santiago, arroupados pola súa produtora Seispés, mais por desgraza apareceu a pandemia e tiveron que parar toda esa maquinaria de bolos e ensaios. Foi un tempo duro para a banda a nivel persoal; por iso mesmo, durante esa época aproveitaron para seguir compoñendo sobre os problemas que vivimos a diario, e iso fixo que as súas letras tamén beberan dos seus pensamentos nese tempo e puideran darlle un carácter máis intimista, máis cargado de preguntas sobre quen somos e como nos vemos a nós mesmos nesta sociedade. Así pois, están aquí outra vez, con ganas de quitarse o óxido a golpe de rock poderoso, alternativo, unha mezcolanza pesada e directa coa lingua galega como forma de transmisión.

Cartaz da xira de Grilo.

Xa hai datas para a presentación do seu último traballo, o sinxelo “Deixádeme”, un tema adicado a figura de Chris Cornell onde falan de como a ansiedade por verte nun sitio que non é o teu pode aparecer en calquera lado, tomando algo cos amigos ou tocando diante de moita xente. Como xa tristemente coñecemos, o mítico vocalista de grupos como Soungarden ou Audioslave quitouse a vida. Era unha persoa que semellaba telo todo, máis nada é tan perfecto como parece, e disto fala Grilo; unha aposta arriscada e ben necesaria nuns tempos onde ter unha boa letra e uns bos valores como banda é todo un logro. Con este novo tema baixo o brazo, os rapaces de Grilo están desexosos de poder tocar e desfrutar co público, e o farán no Barco, en Pontevedra, en Lugo, en Ourense e en Melide, entre o 25 de febrero e o 26 de marzo. Apuntade a vosa data máis próxima! Auguramos un futuro proveitoso e saudable para os cantos deste Grilo.