Saizo e Jacobo Mouriño actuarán mañá en acústico na presentación do novo número de Espiral

Saizo, vocalista de bandas de metal como Teseracto e Proudhom, e Jacobo Mouriño, guitarrista e vocalista de Dioivo e Mileth, darán concertos en solitario en formato acústico para acompañar a presentación do novo número da Revista Espiral en Vigo. Será ás 12:30 no Café de Catro a Catro da cidade olívica. Este terceiro número da revista de pensamento concibiuse na lembranza do gran Darío Xohán Cabana, poeta, escritor e tradutor, a quen se lle rende homenaxe con artigos como os de Chus Pato, Xosé Luis Méndez Ferrín, Antón Dobao ou Xabier Cordal.

En palabras da FPG, partido que organiza o acto, «o mes de marzo vén cargado de memoria, máis este 2022 no que se cumpren 50 anos das loitas obreiras de Vigo e Ferrol, loitas que seguen a ser exemplo para milleiros de traballadoras e traballadores galegos que hoxe vivimos continuas agresións contra os nosos intereses. Lembramos e non esquecemos as mortes de Amador e Daniel a mans da policía franquista. Foi tamén nese luscofusco do inverno, en 1871, cando abrollou en París a causa da completa emancipación política e económica das traballadoras: a causa da Comuna, a do proletariado mundial. É marzo, sobre todo, forza transformadora para as mulleres, que sostemos a metade do ceo e anceiamos a metade do mundo. Veñen de encherse as rúas de tódalas cidades e vilas de Galicia polo Día Internacional da Muller Traballadora, 8 de marzo proposto por Clara Zetkin en 1910».

O acto contará ademais coas intervencións dos escritores e concelleiros Oriana Méndez e Alberto Lema; da bailarina, coreógrafa e escritora Branca Novoneyra; e da xornalista Begoña Martínez. Jacobo Mouriño, pola súa banda, presentará ao vivo a súa maqueta Andoriñas, mentres que Saizo interpretará cancións coma o seu sinxelo «Su luz»: