Vigo Rock Crew celebra aniversario con Prima Nocte, Sulf-Atär, Perpetual e Barbarian Prophecies

Por Patty Castro, con fotos de Fran Rivas.

A noite do pasado sábado 18 de febreiro era fría no calexón da Sala Master de Vigo. Curioso o emprazamento da sala, coa sensación de estar nunha apartada terraza lonxe das rúas principais (cando non é así, pois está en plena Urzaiz). A sala é alongada e rectangular, con bolas de discoteca no teito, reminiscencia doutros tempos, de cando era a Strong. Préstase moito a bailar e a acústica non está nada mal precisamente… Mais, por si acaso, como ben di o meu compa Jacobo, levar uns tamponciños tampouco vai nada mal! Era o terceiro aniversario de Vigo Rock Crew e tiñamos un cartaz moi interesante e kañero.

Membros de Sulf-Atär na Sala Master. Fotos de Fran Rivas

Comezamos con Sulf-Atär, banda de Ponteareas que se define como agrometal. Tiveron un pouco de problema coa intro, pero iso deunos tempo ao público para velos ben. Vestidos con togas negras farrapentas e tul por debaixo das capuchas cubríndolles a cara, tiñan un punto moi escuro e sinistro. O vocalista foi o único ao que lle puidemos ver ben a cara, e quedei asombrada coa súa enerxía, e cos riffs potentes da banda, que fixeron que a xente entrara automaticamente en calor. A verdade, foi todo un descubrimento ver a este grupo. Fíxoseme moi curto o seu concerto, pois son todo un espectáculo con esa posta en escea tan currada e co que animan a xente.

Prima Nocte na Sala Master. Fotos de Fran Rivas

Despois dunha pausa necesaria para recargar líquidos tivemos a Prima Nocte. A banda arousá de nacemento que está asentada no Val Miñor trouxo a súa elegancia e saber estar da man da súa vocalista, Pilar Dafonte. Esta é unha banda de heavy metal e metal gótico nada no 2013, e pasou por varios cambios de formación, pero agora está asentada neste estilo, e fíxonos gozar coa escuridade das letras do seu Oniric de 2019. Desfrutamos tamén coa calidade compositiva e coa fabulosa voz de Pilar. Tamén cunha posta en escea moi coidada, fixeron que o público estivésemos pendentes deles en todo momento.

O público, gozando coa actuación de Perpetual. Fotos de Fran Rivas

Cando chegou o quenda da banda de deah metal coruñesa Perpetual a xente estaba desexosa de máis. Os cambios entre bandas foron moi rápidos, e eu estiven diante do escenario con Virgi, a miña amiga e ex-baixista da banda. Para min, un dos puntos clave da súa actuación foi a enerxía que desprende Hector, o vocalista; o seu porte e a súa voz gutural e rasgada fixeron as delicias dos asistentes. Moita kaña, moito mosh pit ben elevado nun público abundante e cargado de ganas de bailar e gozar, que retroalimentaba aos coruñeses. Puidemos escoitar pezas dos seus diferentes traballos discográficos, e eu teño que destacar unha á que lle teño moito agarimo, “Maze of Chaos”. Quedamos esgotados con esta banda contundente e desexosas de voltar velos.

Chegamos ao final do bolo coa xente pendente da última banda, os veteranos Barbarian Prophecies. O seu nome esperta orgullo polos seus temazos ben traballados e unha posta en escea que tiña moita gana de ver. Son amiga e fan de Alicia, a súa vocalista e baixista, e tiña moitas ganas de poder vela, incrible nesta nova faceta como instrumentista. Esta muller, todo o que fai, faino ben.

Alicia e Óscar, de Barbarian, amosaron o seu apoio a Grupos de Vigo en Loita. Fotos de Fran Rivas

Presentaban o seu novo traballo Horizon. Foi unha pasada escoitalo por fin en directo: definición, detallismo e brutalidade a partes iguais, que veñen a consagrar definitivamente á banda luguesa e poñela no primeiro posto que se merece do death metal galaico. A posta en escea, impecable. Saíron facendo gala do seu compromiso coas bandas e os músicos, sacando as camis de plataforma Grupos de Vigo en loita, e ademais falaron sobre o apoio que merecen, pois as bandas teñen que voltar ter unha zona onde ensaiar. Quedeime toda pillada coas cordas dos guitarras, un con cordas azuis e outro vermellas. Unha gozada ver o detalle, tanto amor e agarimo pola música ben feita e respeto polo público (que o demos todo), e a fraternidade co resto das bandas que destilan por todos os seus poros. Se tedes a oportunidade de velos en directo non a perdades, son do melloriño que ides ver e escoitar.

Rematou o festi, e só atopabas caras agradecidas e felices con sorrisos de satisfacción, porque por fin vimos un local cheo de xente para este tipo de eventos. A corentena fixo que teñamos fame de bolos e máis de poder movernos, abrazarnos e desfrutar de poder escoitar estes trallazos en directo. No posto de merchan dos grupos podíase ver aos grupos igualmente contentos. Foi unha noite para a lembranza. Eu levei unha cami de Barbarian e un gustazo que me durou na festa posconcerto na Sala Transylvania de Vigo. Só podo decir grazas por estes eventos.