O locutor portugués que fai soar o metal galego no país veciño: entrevista a Filipe Marta

En Galicia hai varios medios de comunicación, webs ou programas de radio que en maior ou menor medida adícanse a espallar a música metal feita na nosa terra. Porén, poucos poden presumir de facelo tanto e con tanta regularidade coma o S.O.S. Heavy Metal Radio Show de Filipe Marta. E este programa de radio ten a particularidade de que nin sequera está feito en Galicia. Emítese na radio Antena Minho, ubicada na cidade de Braga, na rexión portuguesa chamada precisamente O Minho e ubicada debaixo da provincia galega de Pontevedra.

Filipe Marta leva a cargo deste espazo radiofónico dende as suas orixes nos mesmísimos anos oitenta, unha das épocas douradas da música metal por excelencia. E ao longo de toda a súa historia, o metal feito ao norte da Raia tivo unha considerable importancia nel, especialmente nos últimos anos. O programa esta adicado a metal de todo tipo e procedencia, pero é indiscutible que o metal galego parece ocupar nel un lugar especial, con numerosas entrevistas e sesións de música adicadas completamente a bandas galegas. A proximidade xeográfica e os fortes lazos económicos, sociais e culturais entre ambos territorios favoreceron unha interconexión que esta a ser especialmente fructífera para as bandas do norte da Raia, que contan no S.O.S. Heavy Metal Radio Show de Filipe cun espazo constante de exposición e divulgación para a súa música.

Dende Rouco Son temos xa colaborado con eles anteriormente, e non queríamos deixar pasar a ocasión de entrevistar a Filipe Marta para saber máis sobre as múltiples ligazóns entre o metal portugués e o metal galego, nas que o propio Filipe é sen dúbida un elemento fundamental. Agardamos que estas ligazóns sexan incluso cada vez máis fortes no futuro!

Imaxe do programa

Dende o teu programa de radio das un apoio moi importante ás bandas de metal galegas. A que se debe este gusto polo metal dos vosos veciños do norte?

Xa é unha cousa que vén de hai tempo. Sempre tiven bastante feedback por parte de ouvintes de Galiza. Ademais, eu sempre sentín unha ligazón moi forte con Galiza, e xa viña seguindo a varias bandas galegas dende hai bastantes anos. E tamén notaba que había un interese por parte dos ouvintes portugueses do que se facía alá. Entón eu tiña cada vez máis interese en comunicarme convosco, para divulgar o voso metal. Porque hai bandas moi boas que están moi olvidadas, e sería en certa forma un crime non divulgalas (risas). A todo isto hai que engadir, por suposto, a ligazón histórica entre Galiza e O Minho. Para nós é como a nosa casa.

De feito o programa emítese na radio Antena Minho, da cidade de Braga. Inflúe, pois, esa cercanía xeográfica a Galicia. Cantos anos se leva facendo o programa?

O programa xa existe dende 1986, levamos máis de 35 anos. E tes razón, esa proximidade de Braga concretamente, do Minho, crea unha grande ligazón con Galiza. Tamén coa súa cultura. E isto inflúe en que se fixese esta ponte entre ambas.

Ti que tanto coñeces ambas, pensas que hai toda a relación que debería entre as escenas galega e portuguesa, ou aínda hai que tender máis pontes?

Debería haber máis. Non hai a suficiente aínda. Neste último ano houbo máis intercambios, e varias bandas galegas están vindo tocar aqui: Balmog, Grima, Mano de Piedra, Mileth… Pero aínda non hai unha relación persistente e sólida. Tamén hai que ter en conta que Galiza ten un circuito de espectáculos ao vivo de bandas underground a nivel de locais que apoian ás bandas maior que Portugal. Aquí, se queres ir tocar por exemplo ao Algarve, é moi difícil en termos de custos. A non ser, claro, que sexas unha banda tributo. En definitiva, oxalá consigamos facer esa ponte, porque é o lóxico, hai tantas semellanzas…

Filipe Marta

Un elemento de unión pode ser en certo xeito a lingua. Cada vez que falas con bandas galegas no programa, elas empregan o galego e ti o portugués. Entendédesvos sempre ben a pesar da diferencia lingüística?

Eu non identifico o galego como idioma diferente. Cando oio galego é como se ouvise portugués (risas). Non sinto dificultade ningunha, e teño sentido que por parte das bandas que teño entrevistado non hai tampouco practicamente ningún problema. Penso que só con unha banda tiven problema de entendimento lingüístico. Mais polo demais, o idioma é tan semellante que nunca hai dificultade. Pola contra, o español si que me resulta máis difícil.

En Galicia, o metal en galego está expandíndose pouco a pouco, pero aínda non é maioritario. Cal é a situación do metal en portugués no teu país?

En primeiro lugar quero dicir que é espectacular a produción que esta a ter o metal en galego. Hai unha tendencia ascendente de bandas que cantan na propia lingua, defendendo a cultura propia. En Portugal? Acho que nos últimos tempos xa máis bandas cantan en portugués. Penso que sempre houbo algunhas bandas no armario, de forma minoritaria, pero por fin comezan aparecer máis que usan a nosa propia lingua. E xa hai bastantes, como por exemplo Filii Nigrantium Infernalium.

Volvendo a falar das orixes do programa, como xurdiu a idea de crear un programa coma S.O.S. Heavy Metal Radio Show, onde o metal máis underground ten un espazo tan importante?

Cando se iniciou o programa, nos anos oitenta, polo menos en Portugal, non sei en Galiza ou en España, o Underground non estaba tan desenvolvido como o podía estar en países como Estados Unidos. Por iso, o enfoque underground do programa foi algo que se foi construíndo co tempo, tal vez a partir dos anos noventa, cando se comezou notar cada vez máis a presenza das bandas underground no programa, a través das entrevistas, das demos en cinta… Dende entón si que intentamos divulgar especialmente o underground e darlle visibilidade, para empurrar ás bandas a seguir traballando. Intentamos darlle un espazo igual que o que damos ás bandas máis coñecidas.