O grupo pontecesán Lóstregho sacou á rúa o seu primeiro EP, titulado Arroutada, o pasado venres 3 de xuño. O trío da costa da morte, que destaca pola súa orixinal formación de batería, baixo e voz, preséntanos un disco composto por 6 cortes, dos cales xa puideramos catar previamente “Zarpazo” no mes de outubro. Este foi o segundo sinxelo e videoclip da banda, logo do inaugural «Dardos».

A banda oscila, nas súas propias palabras, «entre o grunge, o stoner e garage rock, con tintes tamén de psicodelia», e con este primeiro traballo dan boa proba deste estilo heteroxéneo. O EP foi gravado en Cimática Studio por Mahi Ferradás, batería de Broa, que ten gravado outros moitos traballos dos que temos falado nestas páxinas. Estará dispoñible en formato vinilo, editado por eles mesmos, e tamén en todas as plataformas dixitais de música para a súa escoita.
O propio sábado 4 de xuño presentaron de balde o disco en directo, como parte do Cremita Fest celebrado no bar A Eira de Ponteceso. Estiveron acompañados dos coruñeses Cloaca e dos carballeses Lowcos. Precisamente xunto a estes últimos seguirán presentando o novo disco, desta vez o sábado 18 de xuño no Pub Gatos de Melide.
