Doce bandas galegas actuarán no regreso ao grande do Resurrection Fest

O Resurrection Fest de Viveiro non precisa ningunha presentación, xa que se trata dun dos festivais máis grandes de Galicia, atraendo a decenas de miles de persoas cada ano con cartaces inzados de hardcore, metal, punk e rock. E como na propia Galicia hai bandas tremendas en todos estes estilos, non podían faltar bandas autóctonas no cartaz do festival. Este ano son 12 os nomes galegos que poderemos atopar nel; algúns deles repiten, outros tiñan xa preparada a súa aparición no festival dende a fallida edición de 2020 (dende a cal algunhas bandas galegas quedaron polo camiño), e outros engadiranse agora á lista de bandas de aquí que tocaron nesta Meca da música extrema do país.

Ao ser esta a edición do regreso completo despois da pandemia, logo dunha versión reducida en 2021, celebrarase por primeira vez ao longo de nada menos que 5 días, do mércores 29 de xuño, día introductorio a un prezo reducido, ao domingo 3 de xullo. Aquí falarémosvos un pouquiño, como non, das galegas que conseguiron colarse nun cartas composto por decenas e decenas de bandas de todo o mundo, con algunhas das bandas máis famosas do xénero internacionalmente como cabezas de cartaz. Por orde alfabética:

Acidproyect

Esta mítica banda de metal alternativo de Ourense leva dando caña dende 2007. Como moitas das outras bandas das que vos falaremos aquí, Acidproyect leva agardando dende o 2020 para tocar sobre as táboas do Resurrection os temas do seu álbum de 2017 Baba Yaga, o segundo despois de Where’s your God Now?, de 2014. A banda combina melodía e tralla en boas doses, para impresionar a calquera fan do estilo.

Aphonnic

Aphonnic é un dos nomes más destacados do rock e metal alternativo de Galicia. Os vigueses comezaron a súa traxectoria en 2001, das cinzas do proxecto anterior O Pequeno Baltimore, e teñen atopado un considerable éxito cos seus últimos 3 álbumes, Héroes (2013), Indomable (2016) e La Reina (2020), os dous últimos lanzados por Maldito Records. Teñen pasado xa por varias edicións do mítico festival de Viveiro, destacando co seu estilo accesible con letras profundas e persoais.

Arsian

Este cuarteto coruñés mestura o crossover thrash co crust punk, como fixeron xa outras míticas bandas dunha cidade tan intimamente vencellada a este xénero. Arsian, que conta nas súas filas con membros doutras destacadas bandas coruñesas, desatará en Viveiro as canción dos seus EPs Sembrando Odio, de 2018, e Fronteras de Sangre, de 2019, co seu característico estilo macarra e old school.

Bloodhunter

Aínda que a banda leva uns anos afincada en Madrid, as orixes de Bloodhunter están tamén na Coruña, onde se fundaron en 2008. Esta banda de death melódico esta a presentar o seu novo álbum Knowledge was the Price, lanzado este ano por Maldito Records logo de pasar cinco dende o seu anterior traballo The End of Faith, editado na época na que a súa vocalista Rocío, Diva Satánica, participou no coñecido programa televisivo La Voz. Agora, a banda liderada pola tamén cantante da internacional banda brasileira Nervosa volve ao Resurrection para presentar os seus novos temas, para cuxa gravación contarón coa colaboración de nomes tan coñecidos coma os de Ripper Owens en «Never let it Rest» ou Rosalía Sairem en «The Forsaken Idol».

Golpe Radikal

Outra banda das que repite no Resu é Golpe Radikal, un sexteto que mestura o hardcore e o metal fundado no 2011 na Pobra do Caramiñal. Os primeiros desta lista en contar con algunhas das súas cancións en galego, teñen editado discos como Cronos (2020), Sombras (2017) ou El Sello del Diablo (2015).

Grima

De Grima xa vos temos falado varias veces na nosa revista. A actuación do dúo pontevedrés no Resu encádrase na xira de presentación do seu novo álbum, A Ver Ahora, no que á súa propia mestura de rock, punk e metal engadiron as colaboracións de artistas como Bala e Kaixo.

Kaleikia

Este novo cuarteto de post rock de Sanxenxo, con gran influencia do stoner, leva dende 2020 agardando pola súa estrea no escenario do Resurrection Fest. O único álbum lanzado por Kaleikia dende a súa fundación en 2017 é Oileán Fada, de 2019, un traballo completamente instrumental que tivo unha excelente acollida e que será unha banda sonora perfecta para o Resu na súa dimensión máis ambiental e psicodélica.

Machina

A recoñecida banda de Cerceda regresou a finais de 2020 despois de varios anos de inactividade, co sinxelo «O Infraordinario». Agora, Machina terán a ocasión de presentalo no Resu xunto a temas de discos como A Síndrome de Nerón (2013), Ensaio sobre o Silencio (2012) ou Post-Bravú (2009).

Ruxe Ruxe

Unha das bandas máis lendarias do rock bravú, orixinaria de Aríns, Santiago de Compostela. Ruxe Ruxe, fundada xa en 1996 e cunha morea de discos no seu haber, vén de celebrar os seus 25 anos de traxectoria, recibindo por isto unha homenaxe en forma de disco na que participaron 32 das mellores bandas galegas do momento versionando temas dos composteláns. No Resu terán ocasión tamén de facer un repaso da súa dilatada carreira.

True Mountains

O dos coruñeses True Mountains é un nome habitual en varios festivais galegos. Este trío punky comezou a súa traxectoria como dúo acústico de voz, guitarra e contrabaixo, pero co álbum Electroshocking, de 2020, pasaron ao formato eléctrico co que xa viñan experimentando previamente.

Turbo Kraks

Turbo Kraks é un trío de post-harcore instrumental procedente de Ferrol e fundado en 2015. Teñen editados dous discos, titulados Katakroken, lanzado en 2017, e Ahora Bien, lanzado en 2019.

Wasted Wiltons

Rematamos este repaso das bandas galegas do Resurrection Fest 2022 con outra agrupación coruñesa, o cuarteto de punk rock Wasted Wiltons. Cun estilo rápido e melódico, teñen sacado dous traballos: por unha banda, o EP de 2018 Blurry Memories, e por outra o álbum Turn Up The Sneakers, lanzado en 2021.