O festival Millarock é xa toda unha institución do rock galego, con once edicións ás súas costas. E para a súa décimo segunda, que se celebrará o venres 5 de agosto no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, Ames, a partir das 21:00, contará cun cartaz que aposta decididamente polas bandas emerxentes e con letras na nosa lingua. As bandas elexidas para a edición deste ano, como anunciou o Concello de Ames este mes ao presentar a programación cultural de verán, serán Battosai, The Rapants, Chicharrón, e os amesáns Biribirlocke (na foto principal), procedentes da parroquia de Bugallido.

Do trío compostelán Battosai xa vos temos falado nas páxinas da nosa revista, polo tremendo álbum debut homónimo que lanzaron o ano pasado. Este traballo foi aclamado pola crítica especializada de Galiza e todo o Estado, destacando coa súa mestura de nostalxia grunge noventeira e sons actuais do indie e do máis potente rock alternativo. The Rapants, por outra banda, son un cuarteto de indie e rock de garaxe procedente de Muros cunha carreira moi prolífica, tendo sacado nos seus catro anos de existencia tres EPs, un álbum e tres sinxelos. Collerán a testemuña de Terbutalina, o mítico grupo de punk de garaxe da súa vila, que actuou na edición do ano pasado xunto a Bala e Deseqilibrio Mental.

Chicharrón, pola súa banda, veñen dende Carballo e xa levan activos dende 2010, mesturando estilos como o dream pop, o indie ou o folk. Contan cunha ampla discografía, culminada polo momento polo álbum Erosión, editado este 2022. E o cartaz fica completo cos anfitrións Biribirlocke, un quinteto tamén formado no 2010. O seu último álbum, Tentando a Sorte, saíu xa en 2017, pero en 2020 lanzaron o sinxelo «Animal», adianto dun novo traballo adiado polo momento por mor da pandemia.
