Por Patty Castro.
Maltine é un grupo compostelán que comezou a súa andaina no ano 2012 como un dúo acústico, aparecendo e desaparecendo de xeito intermitente. Porén, en marzo de 2020 lanzaron finalmente Interior Noite, composto por tres temas en galego e castelán, e a finais de 2021 sacaron Saliva, con outros 3 temas cargados dun rock sucio, quente, garaxeiro e mesturado con electrónica. Toda unha descarga de enerxía a que conducen as súas creadoras, a pradonense Rocío Barrio (tamén actriz, xornalista e presentadora) e o ribeirán Pepe Hombre. A súa música tivo unha gran acollida entre o público e entre a crítica, e xa chegou soar ata en Radio 3. Todas temos ganas de saber máis desta banda, e cando a poderemos ver por fin en directo. Rouco Son tivemos a sorte de poder entrevistar a Rocío, vocalista e compositora desas letras cheas da retranca que destilan os seus temas.

Ola, Rocío! Cóntame un pouco como foi a vosa andainda, como sacastes adiante este proxecto.
Pois comezamos cunha guitarra acústica e por pasalo tempo. Fixemos varios paróns, porque por mor do meu traballo no audiovisual paso moito tempo en rodaxe con horarios inestables, e sempre tiña outras urxencias. Asi que fumos postergando sacalo adiante, pois tíñamos claro que o queriamos en eléctrico para que soara máis potente. Xusto antes da pandemia decidimos que iamos por todas, e foi entón cando comezamos preparar o primeiro EP, que foi realmente o que nos decidiu facelo electrónico e contar cunha banda que nos axudase a defender os temas en vivo.
Despois veu a pandemia, e o título de Interior Noite veu ó pelo, pois é un termo que se emprega na linguaxe do audiovisual para determinar certas secuencias dunha rodaxe, e así foi durante un bo tempo, pois foi o que máis vivimos, escenas de interiores. As letras intimistas e oscuras de “Calambre”, “Gárgola” e “Non Sei”, as cancións deste traballo, foron gravadas con Jose Bruno nas baquetas, Iago Lorenzo na gravación e produción e Robin Schmidt no master. Así que, despois do encerramento, despois de gravar e de ver o feedback da xente en redes, decidímonos a falar con Manu, o baixista que xa coñeciamos de anteriores intentonas de sacar algo con el, e díxonos que si sen dubidar. E puxémonos tamén en contacto con Paula, a batería de Agoraphobia, pois encántanos o seu traballo, e tamén a coñeciamos do ambiente musical, que o final coñecémonos todos, e tamén nos dixo que si. E, jo, estamos encantados!
Os temas dos dous EPs están cargados dunha mestura de rock sucio, garaxeiro e stoner, salvaxe e cheo dunh retranca moi visual nas letras. Como é o voso proceso creativo?
Compositores somos os dous, pois ti podes comezar cunha idea e despois complementala coa visión do outro. Somos un 50-50. Eu encárgome das letras, iso si, a retranca e o escuro son cousa miña, porque tamén é un pouco como son. Intento ser realmente como me expreso na vida real.
Eu, como oínte, estou moi agradecida que cantes con esa fala coloquial que eu mesma falo polo diario. Gústame escoitalo e síntome recoñecida con esta forma de expresar que tes.
Eu intento que non se me colen moitos castelanismos, pero si que uso gheada e seseo, paréceme algo caracterísco da língua. E por que non o vou utilizar se eu falo así? Ademais, é un ámbito informal, non estou a dar unha conferencia nin nada así, para min é algo polo que son moi guerrilleira. Mólame moito ser o máis natural posible, igual que fan os anglosaxóns, por que non vou eu facelo? Creo que é máis cercano para a xente que o escoita.
Sacastes temas ben gravados e ben feitos, vídeos… Cara onde queredes camiñar neste momento?
A ver, a nosa prioridade agora mesmo é tocar, a min non me da chegado o momento! Xa levo moito tempo detrás do escenario. Na miña outra vertente profesional, que encanta, o teatro, actuar e estar en contacto coa xente disfrútoo moitísimo. E si que é verdade que aí Pepe párame os pés, e con razón, porque é o que di: “ímolo facer ben”… Que por min sería “VEÑA, VAMOS”! Pero si que é verdade que, despois de adicarlle tanto tempo a que os temas soen ben, queremos que a xente os desfrute e que soen igual de ben que no disco, do que estamos moi orgullosos. Agora estamos pechando repertorio, rematando composicións para facer un boliño xeitoso e que non sexa moi curto. Quédame escribir unhas letras que me quedan pendentes e estamos desexando gravar e tocar! Non sabemos como vai ser ese primeiro bolo, se van ser 5 ou 50, pero estamos emocionados coa posibilidade!
Xogades moito coa voz, a electónica e a caña. De onde vos sae esa forma de entender e crear, de onde vos vén esa caña? Que é o que escoitades normalmente?
Gústanos o rock, gústanos a música, os dous escoitamos de todo pero si que cada un ten unha forma de entendela. El foi batería moitos anos, e controla moito de arranxos, fai unhas baterías que a min me flipan. No primeiro tiñamos a dúbida pois estabamos compoñendo electrónico, loxicamente a batería real fai que gañe intensidade, pero si que queríamos darlle un plus. Por eso mesmo estamos xogando coa electrónica, cos arranxos e filtros na voz. De feito, Iago Lorenzo, o noso produtor, que foi quen nos gravou os temas, dicíanos que nós compoñiamos como os rapeiros, e fíxome moita graza. Nós sampleamos moitas cousas, gravamos sons… Eu por exemplo teño a idea dun ritmo e repetímolo en bucle, e en base a iso desenvolvemos a canción. Asi que un pouco si é como se fai no rap. Pero obviamente os dous somos rokeiros, mamamos moito rock e o stoner gústanos moito aos dous.
Nótase que ves do audiovisual e que te atopas a gusto diante dunha cámara, pero de onde che vén ese ímpetu que transmites?
Pois non o sei (risas), será que teño moita enerxía, ou seráxenético, pois miña nai tamén ten moito xenio e meu pai é tamén bastante cañeiro! Miña nai díxome que cando era pequeña me viñera ver nunha obra de teatro e que flipara. Eu cando subo enriba dun escenario non sei o que fago, pásame rapidísimo, estou en trance, pásoo pipa e xa está. Ó final somos contadores de historias, e méteste na película que estás contando. Tampouco lle dou moitas voltas, sáeme así e vía. Eu intento pásalo ben e que ti o pases ben, e supoño que os demais tamén o pasarán. Quedo desafogada, quedo “de p m” (risas).
Pois moitas grazas pola entrevista, quedamos pendentes deses bolos e de desfrutarvos en directo!
Moitas grazas a vós polo voso traballo, porque se non fose por medios como este os grupos emerxentes non teríamos cabida no mundo mainstream. Estamos superagradecidos, e ademais de que sexa na nosa lingua, que para iso canto en galego!