A Villa Solita de Alcabre acolle o ciclo de concertos de balde Curiosidades Solita

Villa Solita é unha antiga casa señorial do século XIX ubicada na parroquia viguesa de Alcabre. Este espazo está a dar cabida un verán máis ao programa musical Curiosidades Solita, que se celebrará ata o 19 de agosto. A programación conxuga distintos estilos musicais, como o metal, o rock, o jazz ou o rap, con actividades complementarias como visitas guiadas ou observación astronómica. O acceso será de balde ata completar o aforo da finca indiana.

O concerto da banda viguesa de rock alternativo West Ride estreou o verán en Alcabre o pasado 1 de xullo. Este venres 8 de xullo Pablo Vázquez e Denis Carballás presentarán ás 21:00 o seu libro Son da Cidade, no que escriben sobre varios grupos das dúas últimas décadas da música viguesa. Este evento contará ademais coa música en directo de Nicolás Pastoriza. A xornada do 8 de xullo concluirá coa actividade nocturna “De Solita á Lúa ás 22:30, na que se poderá observar o satélite a través dun telescopio e dun equipo de proxección.

O 15 de xullo actuará o dúo de metal vigués Dioivo, e o 22 de xullo, Red Cheeks Quartet, formación de estudantes da Escola Superior de Música de Cataluña. O 29 de xullo será a quenda dos dúo de rap vigués La Cloaka Sound, que estarán acompañados de JCA, cantaor de flamenco fusión. Nos tres casos, desde as 21:00 horas.

Por outra banda, o 5 de agosto, desde as 22 horas, haberá unha charla do historiador e divulgador astronómico Pablo Martínez Alemparte, quen falará da historia de Villa Solita e guiará aos asistentes polo ceo nocturno estival. O 12 de agosto ás 21:00 será a quenda do concerto de Lar de Lúa, dúo acústico formado por Dany Soengas e Mariah Fosado con repertorio de clásicos en galego e outros idiomas. Dany e María son ademais membros de coñecidas bandas do metal vigués, como Atreides ou Xhamain respectivamente. Curiosidades Solita pechará a súa edición de 2022 coa actuación de Denis Carballás, membro tamén de bandas como The Riggos, Beethoven Rollers ou Sniff & Crash. O músico vigués interpretará tanto temas propios como clásicos dos anos sesenta do blues e do pop.