O Kanekas Metal Fest volve a Cangas do Morrazo

Por culpa da pandemia, tiveron que pasar dous anos antes de que poidamos desfrutar por fin da IX edición do Kanekas Metal Fest, un dos mellores e máis veteranos festivais de metal de Galicia. Organizado pola asociación cultural Morrazica dende 2010, este festival ofrece ano tras ano e de balde a moitas das mellores bandas tanto galegas como internacionais do panorama. Esta nova edición celebrarase os días 22 e 23 de xullo, na explanada detrás do Concello de Cangas do Morrazo.

Nesta IX edición, as bandas galegas Aphonnic, Balmog, Lóstregos, Dismal, Mano de Piedra e Cochambre unirán forzas cunha lista de bandas internacional coroada polos xigantes do death metal estadounidense Incantation, aos que se suman os madrileños Toundra, os cataláns Graveyard, os vascos Altarage e Ikarass, os andaluces Santo Rostro e os portugueses Serrabulho.

Dismal

O regreso aos escenarios de Dismal, lendaria banda galega activa nos anos 90 e 2000, será sen dúbida un dos atractivos principais do festival. O metal alternativo de Aphonnic, o stoner metal de Mano de Piedra ou o black/death metal de Balmog regresan despois de ter participado en edicións anteriores do festival, mentres que o black metal de Lóstregos e o death metal de Cochambre son tamén novas incorporacións. Estamos desexando xa ver todas estas bandas en Cangas, nun festival que, lembramos, é de balde. Vémonos alí!