O Millarock chega á súa XI edición reforzando a aposta polos grupos galegos

A cita musical por excelencia para os amantes da música rock en Ames, o Millarock, chega o vindeiro 5 de agosto á súa décimo primeira edición. É, por dereito propio, un dos festivais máis senlleiros da escena en Galicia, tanto pola súa veteranía como por ter acollido no seu escenario a moitas das mellores bandas de rock galegas dos últimos anos. Ademais, o feito de ser de balde permite que sexa accesible a calquera afeccionado do estilo que queira desfrutar dunha noite de boa música no Milladoiro, engadindo así á súa importancia para o panorama.

Este ano, as agrupacións elixidas para subirse ás súas táboas son Chicharrón, The Rapants, Battosai e os amesáns Biribirlocke, xa experimentados no festival. Estas bandas sumanse a unha longa lista de artistas que lles precederon dende a primeira edición do evento en 2006, que tiña daquelas un enfoque algo distinto. Nos dezaseis anos que transcurriron dende aquela primeira vez, o Millarock atravesou cancelacións, transformacións, e incluso unha pandemia mundial que obrigou a non celebrar a edición de 2020 e que a de 2021 fose con cadeiras e distancia de seguridade. Con ocasión desta, agora si, volta completa a normalidade, repasamos a historia do que seguramente sexa o festival amesán por antonomasia.

Lamatumbá, protagonistas da edición de 2007

O cartaz primeiro Millarock constaba dun artista de renome estatal, o barcelonés Loquillo, e dos tres finalistas do concurso municipal de maquetas, dirixido xa a bandas galegas. Os gañadores foron o grupo de rock duro Rever, seguidos de Kogito co seu ska punk e de Shroud of Tears co seu metal gótico. Ao ano seguinte optouse xa por un cartaz encabezado por bandas galegas de renome, concretamente de Lamatumbá e A Matraca Perversa, acompañadas esta vez dunha única gañadora do certame de maquetas, a compostelá Snatch. Aínda que o festival non logrou igualar os 4.000 asistentes convocados o ano anterior baixo o nome de Loquillo, as bandas galegas reuniron a máis de 1.000 persoas, cifra na que se asentaría o evento nos anos seguintes.

InVivo, gañadora do concurso de maquetas en 2008

En 2008 volveuse optar pola participación de artistas estatais, co mítico grupo madrileño de metal Hamlet e o grupo cordobés de rock Estirpe. A estas bandas sumáronse os galegos Eco, formación de rock duro e heavy metal na que militaban daquelas o guitarrista Alberto Cereijo e o batería Tino Mojón, tamén membros de Los Suaves; e InVivo, banda de metal e hardcore compostelá que se fixo ese ano co concurso de maquetas do Concello. O festival tomaba así unha dirección marcadamente máis heavy, que se repetiu ao ano seguinte coa actuación do lendario grupo de heavy metal madrileño, cos indie rock dos composteláns Dirty Socks como anfitrión. En 2010, pola súa banda, estivo encabezado polos coruñeses La Banda del Camión e por Riff Raff, veterano tributo galego a AC/DC. Pola súa banda, os gañadores do concurso foron os pontevedreses Belöp.

La Banda del Camión, participante na edición do 2010

A pesar de ter contado xa neses cinco primeiros anos de vida coas actuacións de grandes artistas, o Millarock aínda non rematara de atopar unha dirección ben definida, e xa entrada a crise económica daqueles anos, a edición de 2011 non chegou celebrarse, alegando falta de orzamento. Si que se chegou a realizar o concurso de maquetas e a entrega do premio económico, de 1.000€ como nas anteriores 4 edicións, que recaeu na banda mesiense Ith. A súa actuación, porén, si que se chegou celebrar, aínda que 5 anos despois, coa resurrección do festival en 2016, acompañando a Biribirlocke e ás boirenses Agoraphobia.

Agoraphobia, cabezas da edición de 2016

A partir deste punto, o Millarock comezou a prescindir do concurso de maquetas, pero comezou por outra banda a apostar decididamente por carteles compostos integramente por bandas galegas e cun perfil máis tipicamente festivaleiro. No caso da edición de 2017 as elixidas foron bandas tan características dos festivais galegos como Heredeiros da Crus, Medomedá, Familia Caamagno e A Compaía do Ruído. Na edición de 2018 foi a quenda de máis grupos galegos míticos: Ruxe Ruxe, Astarot, The Tetas Van e Supernatural, liderados estes últimos pola amesá Thais Suki.

Familia Caamagno estivo na edición de 2017

O evento xa se achegaba entón ás dez edicións, e para a novena, celebrada en 2019, contaron cos veteranos Zënzar e Nao, así como con Cuarta Xusta e coa senlleira banda de hip hop ordense Dios ke te Crew, caracterizada por mesturar o seu rap cunha forte influencia do rock nas súas bases musicais. Continuábase a apuntalar así a diversidade musical dentro do amplio espectro da música rock que caracterizou sempre ao festival. Porén, o esperado décimo Millarock non chegou na súa data prevista de 2020 polas razóns que todos coñecemos, e os rockeiros e rockeiras amesáns ficaron sen poder desfrutar da actuacións previstas dos vigueses Siniestro Total, os coruñeses Exit, os teenses Deseqilibrio Mental (banda que xa nos seus inicios se presentará ao concurso de maquetas) e as coruñesas Bala.

Nao estivo na edición de 2019

Estas dúas últimas bandas si que chegaron subir ó escenario amesán, unha vez a pandemia comezou dar tregua, acompañadas tamén da coñecida banda muradá Terbutalina. O festival celebrou así, por fin, a súa décima edición e os seus quince anos de existencia. Aínda que fose en cadeiras, con máscaras e con distancia de seguridade, o público acolleu entusiasmado o retorno dos concertos de rock despois dun parón total tan dilatado. Agora toca xa a undécima edición, que seguro será especialmente memorable por supoñer o retorno á plena normalidade e polos grupos que conforman o cartel, asegurando así a continuidade dun festival tan senlleiro por moitos anos máis.