Coñece a Battosai, The Rapants, Biribirlocke e Chicharrón, as bandas do Millarock 2022

Son catro das bandas punteiras da escena galega actual, e unirán forzas sobre o escenario do Millarock, que se celebrará o venres 5 de agosto a partir das 21:00 no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. Os composteláns Battosai, os muradáns The Rapants, os amesáns Biribirlocke e os carballeses Chicharrón conforman un cartel variado no que o rock galego e, en boa parte, en galego, é o gran nexo en común. Ao ser o retorno do Millarock ao seu formato habitual despois dunha última edición marcada polas medidas sanitarias de protección fronte á covid, a expectación non pode ser maior.

Battosai

Comezando con Battosai, este power-trio de rock alternativo consolidouse como unha das bandas máis interesantes da escena co seu primeiro e único álbum, titulado tamén Battosai e lanzado polo coñecido selo independente Spinda Records en 2021. O traballo colleitou unha excelente acollida a nivel estatal, colándose nas listas de mellores discos do ano de numerosos medios especializados de toda a península.

Aupado por potentes sinxelos como “Idiota” ou “6 am”, que amosan á perfección un estilo musical inzado tanto de nostalxia do grunge como do indie máis actual, o álbum aseguroulles a presenza en numerosos festivais galegos deste verán, dos que o Millarock é sen dúbida un dos máis senlleiros. Melódicos e potentes, forman parte dunha nova fornada de bandas de rock alternativo galegas que vén pisando forte e na que tamén poderíamos incluír a bandas tan destacadas como Rheia Gorecki, Maltine ou Grima.

The Rapants

Por outra banda, The Rapants son unha banda de indie rock e de rock de garaxe, e se fundaron en Muros en 2018, inspirados polo precedente dos tamén muradáns Terbutalina ou pola música dos composteláns Novedades Carminha. A súa formación de cuarteto inclúe dúas guitarras, batería, baixo e sintetizadores, e a pesar da súa traxectoria relativamente breve teñen editado unha produción considerablemente prolífica.

Dende o lanzamento do seu EP debut no mesmo ano da súa fundación, teñen lanzado outros dous EP máis: Que Fluya, tamén en 2018, e Nic Bahía, xa en 2021, sendo o seu último traballo. Tamén lanzaron un álbum de estudio completo en 2019, titulado Cariña de Raposo, e, ademais de todo isto, varios sinxelos, como son “Andas por él”, “A festa do meu enterro” ou “La mítica”, combinando, como se pode apreciar, o galego e o castelán.

Biribirlocke

Os anfitrións do festival este ano son os amesáns Biribirlocke, formados na parroquia de Bugallido xa no ano 2010. Regresan ao escenario do Millarock despois de telo conquistado tamén no ano 2016, unha das ediciós máis destacadas do festival ao ser cando se volveu celebrar logo de 5 anos de parón.

O seu primeiro traballo, un EP homónimo, foi gravado nos estudios Pouland, antes Pousada Son, por Iago Pico, e editado en 2014. Previamente tiñan sacado xa o sinxelo “Corzos”, sendo este o animal que serve de emblema do grupo. O álbum completo chegaría xa en 2017, co título de Tentando A Sorte. A súa continuación leva un tempo adiándose a causa da pandemia, pero xa puidemos escoitar o adianto “Animal”, que confirma a persoal mestura de estilos que caracteriza ao grupo.

Chicharrón

Esta banda procedente de Carballo tamén leva activa dende 2010, e aportarán variedade ao festival co seu estilo conformado a partir de elementos do dream pop, o indie ou o folk. Nos seus 12 anos de traxectoria teñen lanzado varios álbumes, comezando co homónimo Chicharrón en 2014 e seguindo con Postal en 2016 e Cancións Clínicas en 2018.

En 2021 fichan polo selo Ferror Records e lanzan o cuarto álbum Unha Fogueira Intacta, seguido en 2022 polo seu último longa duración Erosión, un traballo adicado á memoria da nai do guitarrista e vocalista da banda Alberto Vecino, afondando asía aínda máis no seu estilo íntimo e catártico. Esta prolífica discografía está completada ademais por diversos sinxelos lanzados entre uns e outros álbumes.