As bandas galegas do Resurrection Fest 2022: Día 1/4

Por fin chegara o día do comezo do festival galego de metal, hardcore e punk por excelencia: o Resurrection Fest de Viveiro. A expectación era máxima, xa que estabamos ante a edición máis longa da súa historia, para compensar dous anos de parón. Un, de ausencia completa alén dunha versión virtual, e outro, o 2021, cunha edición presencial reducida. O retorno á normalidade era xa total, permitindo á organización celebrar como se merece un 15 aniversario que se tería que ter celebrado en 2020.

Despois dun día de quecemento, cun programa que nada tiña que envexar de por si ao do calquera outro festival do país, era xa o momento do festival como tal, e polo tanto, tamén das varias bandas galegas que salpicaban un cartaz con máis de 100 nomes de todo o mundo. Rouco Son estivo alí, como non podería ter sido doutro xeito, para falarvos delas e dos concertazos que deron. O primeiro día, xoves 30 de xuño, que é o que nos ocupa esta vez, a representación galega estivo integrada por Arsian, Wasted Wiltons e True Mountains, así como polos Viveiro Wave Riders, a banda acompañante do célebre músico australiano e canadiense Chris Masuak.

Arsian. Foto cedida polo grupo

Arsian foron o primeiro grupo deles, sendo a banda encargada de abrir ese día o escenario Ritual. Lembremos que o Resu ten catro escenarios diferentes, nos que polo xeral hai dous ou incluso tres concertos simultáneos, e dos que o chamado Ritual Stage é o máis orientado ao metal e especialmente ao metal extremo. A parte quedaría o escenario principal, onde tocan polo xeral as bandas máis grandes e no que este ano non puidemos ver a ningún artista galego, aínda que de seguro os veremos en anos seguintes. Pois ben, como dicimos, Arsian abriu a xornada no Ritual Stage, e dificilmente podería haber unha apertura máis potente.

Este cuarteto coruñés practica unha mestura de crust punk e thrash metal ao máis puro estilo vella escola. Decididamente sucio e macarra, no seu concerto puidemos ver representados boa parte dos estilos do underground dos anos oitenta, dende o speed metal ata o hardcore punk e o crossover thrash, ademais dos anteriormente mencionados. Aínda que as voces entraban máis no terreo do crust máis escuro e incluso do black metal, as influencias do heavy metal máis clásico nos riffs, iso si, a toda pastilla, eran innegables. Aínda que a tónica xeral foi precisamente a da velocidade sen pausa, predominando o clásico ritmo d-beat na batería, tampouco faltaron os medios tempos para dar variedade á actuación.

Arsian. Foto cedida polo grupo

Sendo unha banda da escena coruñesa, con membros compartidos con outras destacadas agrupacións como Come Back From the Dead, non se pode negar a influencia do mítico crust da cidade. Porén, esta herdanza crust non vén no caso de Arsian pola vía do neocrust melódico característico de moitas bandas desta escena, senón polo culto á vella escola practicado por Black Panda ou especialmente por Dishammer, cos que poderíamos facer varios paralelismos.

O espírito oitenteiro do grupo estivo reforzado por unha guitarra solista cargada de wah e na que non faltou a melodía de cando en vez, e mesmo polas propias guitarras, estando os de Arsian armados con SGs e Flying Vs. O público non fallou á cita a pesar do sol de medio día, que brillou aínda coas ameazas de choiva, e puido disfrutar dun son practicamente cravado ao das gravacións de estudio da banda. En honor á velocidade dos temas, Arsian rematou a súa actuación tempo antes do previsto, deixándonos a todos con ganas de máis.

Wasted Wiltons. Foto de Vasco Rodrigues

Despois deste concerto, os fans das bandas galegas tiñamos a nosa seguinte cita no escenario Chaos, no que predominan as bandas de punk e hardcore. Era a quenda de Wasted Wiltons, unha banda tamén coruñesa que practica un punk moi melódico e tamén cañeiro. Moita xente apunta a que estamos nunha época de revival do pop punk a nivel mundial, e Wasted Wiltons ben poderían adscribirse a esta tendencia, aínda que na vertente máis potente e skate punk do xénero. O seu son destacaba polas coidadas harmonías vocais, as melodías de guitarra sinxelas e pegadizas, os power chords… O sonido en xeral lembra moito ao de bandas punk americanas e especialmente californianas, reforzado polo feito de que as súas letras están en inglés.

Wasted Wiltons. Foto de Vasco Rodrigues

As actuacións no Chaos Stage adoitan rivalizar coas do escenario principal ou Main Stage, e neste caso os catro rapaces de Wasted Wiltons tiñan que competir nada menos que coa famosa banda de metal española Vita Imana. Porén, iso non foi problema, e moitos foron os que se decidiron polo punk dos coruñeses.

Na súa enérxica actuación notábase a significación que este festival tiña para eles, pois como dixeron no concerto, levan asistindo a el dende que tiñan 13 e 14 anos. Actuar nesta edición, ademais ten un peso especial, pois, como moitas das outras bandas galegas do cartaz, levaban confirmados para actuar neste 15 aniversario dende finais de 2019. Os rapaces de Wasted Wiltons aproveitaron a ocasión para presentar cancións novas, nas que continúan co seu son rápido, claro pero potente, con temas breves e directos.

Wasted Wiltons. Foto de Vasco Rodrigues

Rematado o concerto dos coruñeses, a seguinte cita galega era algo peculiar, pois tratábase do concerto de Chris Masuak & The Viveiro Wave Riders. Masuak é un guitarrista e vocalista coñecido polo seu paso por clásicas bandas australianas como Radio Birdman, The Hitmen, New Christs ou The Screaming Tribesmen entre outras; neste novo proxecto, co que ten dous álbumes lanzados en 2016 e en 2019, comparte grupo cos Viveiro Wave Riders. E xa no propio nome da agrupación podemos ver a conexión con Galicia e co Resurrection Fest.

The Viveiro Wave Riders. Foto de Santiago Carollo

Para esta ocasión tivemos que cambiar de novo de escenario, dirixíndonos ao que nos faltaba ata agora, o Desert. Neste escenario actúan principalmente bandas de estilos coma o stoner, o doom, o post rock, ou outros máis clásicos como o rock duro ou o blues rock. E neste caso atopámonos ante unha banda cun son precisamente de hard rock clásico e blueseiro, rompendo lixeiramente coa tónica habitual do festival. Porén, non por iso non fixeron moverse aos asistentes ao festival, cun son enérxico no que destacaba a gran presencia do baixo.

The Viveiro Wave Riders. Foto de Santiago Carollo

O grupo retrotrae co seu concerto automaticamente aos anos 70, nos que Masuak iniciou a súa traxectoria, co seu estilo rocanroleiro e nostálxico. As voces eran melódicas e pegadizas, dando lugar a unha música bastante accesible para calquera, aínda que non faltou tampouco a potencia, bordeando nalgunhas ocasións o heavy metal setenteiro. Ao estar ante unha aliñación de power trio, a sensación de banda clásica era aínda maior, polo clásico deste formato nas agrupacións máis míticas do estilo. O grupo aproveitou en todo caso esta formación ao máximo, facendo incluso armonizacións de melodías entre a guitarra e o baixo que fixeron que en ningún caso se botase en falta ningún instrumento máis. A guitarra solista de Masuak levaba en boa parte, si, a voz cantante na banda, pero tamén podíamos escoitar unha considerable énfase nos riffs, que se ben non tiñan a pretensión de inventar nada novo, estaban elaborados e coidados.

True Mountains. Foto por María Simón

Tocaba entón volver ao Chaos para presenciar o último concerto dunha banda galega nesta xornada, o de True Mountains. Este trío de punk está asentado na cidade da Coruña, pero ten a súa orixe en Viveiro, polo que tocaban unha vez máis na casa. Levabamos xa tres concertos de bandas galegas totalmente seguidos, e True Mountains xa tocou ben entrada a tarde, entre as 18:35 e as 19:25, co correspondente impulso que isto supón a nivel de público con respecto ás bandas anteriores, aínda que co prezo de ter que competir contra un gran nome do metal internacional, Sepultura, no escenario principal. Pero o trío xa tiña alí o seu público, así que iso non foi problema.

O grupo comezou en 2013 como un dúo de punk acústico, pero xa levan uns anos explorando o formato eléctrico como trío, cun estilo na liña do de Wasted Wiltons; un pop punk melódico e con coidadas harmonías vocais, algo máis orientado ao medio tempo que os anteriores, pero igualmente movido e cañeiro tamén. Non faltaron en ningún caso as cancións rápidas, en todo caso predominantemente cantadas en inglés. Houbo oco, iso si, para unha canción en galego: Xeración X, escrita para o mítico Xabarín Club da TVG e cuxa letra rinde tributo precisamente á enorme influencia que esta programación infantil tivo en milleiros e milleiros de cativos e cativas especialmente na década dos 90.

True Mountains. Foto por María Simón

Falando precisamente da cativada, un dos momentos destacados do concerto foi a aparición dos Resukids, os nenos e nenas asistentes ao Resu. Protexidos por grandes orelleiras para evitar sufrir polo elevado volume da música (algo igualmente recomendable para os adultos, aínda que sexa cuns tapóns menos invasivos!), inundaron o escenario para desfrutar da actuación do trío de punk como protagonistas. Unha vez os Resukids baixaron do escenario proseguiu o concerto con normalidade, que rematou ademais cun tremendo pogo da man duns festivaleiros xa quentes e preparados para o resto de bandas internacionais que viría despois.

Remataron así as bandas galegas deste primeiro día de Resu, pero aínda quedaban 9 máis repartidas ao longo dos seguintes. Queda aínda moito festival por diante, e co nivel demostrado polas bandas ata o momento, a cousa prometía moitísimo. Ademais, o sempre arriscado tempo da Mariña Lucense parecía estar botándolle unha man ao festi cun sol agradable que se mantería durante case todo o festi. O comezo non podería ter sido mellor!