Con fotos de Inés Duport.
No segundo día de festival en Vivieiro volvía tocar unha boa ración de grupos de Galicia. A euforia do primeiro día non se apagou, e coa xente xa asentada no seu cámping ou aloxamento de preferencia, o ambiente festivaleiro xa era total na vila mariñá. Houbo un par de cancelacións de última hora por causas de forza maior, cos cambios de horarios correspondentes, pero nada diso puido enturbiar a segunda xornada de Resurrection Fest.

Nesta ocasión, todas as bandas anfitrioas subiríanse ao mesmo escenario, o Chaos. Este escenario, situado á entrada do recinto, é, así a ollo, o segundo maior do festival, e é moi axeitado tanto para o sol que fixo este día como para a choiva que estaría por vir pola súa extensa carpa, que chega a protexer a boa parte do público. Ten a desvantaxe de competir polo xeral coas bandas do escenario principal, situado no extremo contrario do recinto. En todo caso, nel predominan as bandas de hardcore, punk e estilos alternativos similares, polo que o post-hardcore de Turbo Kraks e o metal e rock alternativo de Machina e Aphonnic eran idóneos para tocar alí.

O trío ferrolán Turbo Kraks foi a primeira agrupación galega da xornada, e a segunda en subir ás táboas do Chaos. A súa proposta resaltaba no festival por ser un grupo eminentemente instrumental, aínda que entre as súas longas pasaxes de estilo improvisatorio tamén atopamos de cando en vez seccións vocais (normalmente, iso si, breves e concisas). O son resultante é eminentemente ambiental, pero tamén potente, especialmente nas partes vocais berradas. Para darlle dinamismo ao estilo instrumental, adoitan recorrer a partes suaves para fortalecer co contraste as partes máis fortes.
O grupo fixo toda unha declaración de intencións entrando no escenario coa canción de trap «ResurreXXXion Fest» de Sad Damn Hosse Lean sonando a toda potencia polos altavoces. Son varios os artistas da escena trap galega cun son marcadamente agresivo e punk que teñen feito referencias ao Resu nos seus temas, e xa que houbo sitio no festival este ano para bandas internacionais como Moscow Death Brigade, Turbo Kraks parecía romper unha lanza en favor de afondar nesta mestizaxe musical. Entrando xa no seu repertorio como tal, a banda fixo un percorrido pola súa discografía, composta polos EPs Katakroken, de 2017, e Ahora Bien, de 2019. Tamén aproveitaron esta primeira vez no Resurrection para presentar temas novos.

Partindo dun son principalmente punk e hardcore, a banda incorpora unha serie de ritmos variados, achegándose a estilos máis progresivos nalgunhas pasaxes. En ausencia de voz, tanto a guitarra como o baixo tiñan tempo para solear e brillar melodicamente, empregando todas as técnicas do seu repertorio. As partes vocais, entre rasgasdas e melódicas, eran compartidas entre o baixista e o guitarrista, e eran polo xeral retrousos sinxelos coma o «Bien, mal, regulín, regular» do tema «Regulín» do seu último traballo, coreado por todo o público. Non faltaron tampouco máis cancións sampleadas, como o «Can I borrow a feeling?» dos Simpson.

Media hora despois da fin do concerto de Turbo Kraks comezou no mesmo escenario Machina, ás 16:40 da tarde. Sendo os de Cerceda seguramente a principal banda en activo do metal alternativo en galego, non é de extrañar a gran cantidade de público que congregaron a esa hora, entre a que se podían recoñecer as caras de numerosos membros doutras agrupcións da escena galega. Tratábase ademais da primeira banda con letras integramente en galego que actuaba no festival este no, e sería a única xunto cos tamén veteranos Ruxe Ruxe, así que a ocasión era para non perdela.

O concerto estivo inzado de temazos que o público coñecía perfectamente, cantando a todo pulmón os retrousos de «Odio», «Fódase», «Esperanza» ou «Pola boca morre o peixe», na que o vocalista baixou cantar entre un público que non parou de moverse e facer pogo en toda a actuación. Tamén destacou a interpretación do seu último tema, «O infraordinario», publicado en 2020 despois de sete anos de parón sen sacar ningún traballo. A pesar dos 16 anos que pasaron dende a fundación da banda, era a súa primeira vez no Resu, e a acollida non puido ter sido mellor.
O estilo do grupo foi, dentro das cauces do metal alternativo que teñen marcado toda a traxectoria do mesmo, moi variado ao longo de todo o concerto. Os berros, os riffs máis pesados e as partes hardcore máis cañeiras, bordeando nalgunhas ocasións o son do metalcore ou o do nu metal, alternábanse coas partes máis melódicas propias do rock alternativo, dando lugar a un concerto dinámico e entretido de principio a fin.

Posteriormente, habería que agardar ata as 20:40 para que subise ás taboas Aphonnic, unha das bandas da escena galega máis internacionais, e dende logo unha das que conseguiu un horario máis favorable no festival. É certo que uns minutos antes empezara a tocar no Main Stage un dos pratos fortes, os ucraínos Jinjer, pero iso non tivo ningunha consecuencia apreciable no público de Aphonnic, que inundou o escenario para apoiar ao cuarteto vigués. As camisetas do grupo contábanse a moreas.

Non podemos obviar que Aphonnic é unha das bandas que máis veces tocou no festival de Viveiro, sendo esta nada menos que a quinta edición na que participan, logo de tocar alí en 2010, 2015, 2017 e 2021. Polo tanto, a pesar de ser primeira banda do sur de Galicia desta edición do 2022, estaban como na casa. Primeiro foron os tres instrumentistas os que entraron tocando no escenario, para logo dar paso a Chechu e comezar a repasar a fondo os temas dos seus tres últimos discos: La Reina, publicado en pleno 2020; Indomables, de 2017; e Héroes, o que foi segurmente o seu disco revelación, de 2013. Nesta etapa da banda atoparon un éxito sen precedentes, pero non podemos esquecer que estamos ante unha banda veterana con máis de vinte anos de historia e seis traballos ás súas costas. Non queda moito do nu metal en inglés que practicaban nos seus inicios, pero si son indiscutibles as súas táboas, a súa presencia inconfundible no escenario.

O grupo solventou sen ningún problema algunhas dificultades técnicas xurdidas ao comezo do concerto (así é o directo), e demostrou ao festival o seu rock alternativo melódico pero contundente, apoiado por teclados sampleados e protagonizado por unha voz característica que trae á memoria a de Enrique Bunbury de Héroes del Silencio. A énfase dos seus temas, máis que nos riffs, está nas melodías, nos retrousos memorables que o público, extasiado, coreou sen fallar un. Nun Chaos Stage cada vez máis ateigado onde non faltou o pogo, o cuarteto desatou éxitos como «KaleboRock&Roll», «En globo», «Cunfía», «Ombligos» ou «Mi capitán», este último cos nenos e nenas de Resukids de novo enriba do escenario.
Aphonnic foi un colofón perfecto para un día moi variado no que a bandas galegas se refire. Chegaramos xa ao ecuador do festival e aínda quedaba moita marcha por diante, con seis grupos dos de aquí aínda por ver. A experiencia, en todo caso, xa estaba a ser inigualable cos grupazos vistos ata o de agora.
