As bandas galegas do Resurrection Fest 2022: Día 3/4

Con fotos de Inés Duport.

Entrabamos xa na metade final do festival, e despois de ter visto a 7 bandas galegas tremendas entre outras tantas decenas de grupazos, aínda quedaban as ganas intactas, se non reforzadas, para outras 6 máis. Porén, os repartos por días dos festivais dependen de mil factores, e cadrou que para a xornada do sábado 2 de xullo unha única banda galega tería toda a atención dos asistentes. Tratábase de Acidproyect, un xa mítico grupo ourensán de metal alternativo con 15 anos xa de traxectoria. Un nome, dende logo, máis que capaz por méritos propios de cargar coa responsabilidade de ser os únicos anfitrións galegos do terceiro día, cuarto contando o día de quentamento, do festival.

O seu estilo de metal alternativo pesado e riffeiro facíalles especialmente axeitados para o Desert Stage, que compartieron con bandas internacionais de estilos relacionados como o stoner metal ou o post metal. Foron a segunda banda en tomar este escenario, aínda que coa desvantaxe de ter que competir contra nada menos que dous concertos simultáneos no festi, tanto no Ritual Stage como no Chaos Stage (aínda que o deste último rematou cando os ourensáns ían pola metade do seu repertorio). Non importaba, pois a banda ten xa un público consolidado entre os metaleiros galegos que acudiron en masa ao Resu, e no propio bus de ida dende a zona de acampada xa se podía escoitar a expectación explícita por ver a banda galega sobre as táboas. De feito, podíase palpar a impaciencia por chegar ante os inevitables retrasos leves causados no horario dos autobuses.

Acidproyect. Foto de Inés Duport

A pesar da súa considerablemente dilatada carreira, era a primeira vez dos de Ourense no festival viveirés. Unha estrea que levaban agardando dende 2019, cando se confirmou a súa presenza na fallida edición 15 aniversario do 2020. Porén, iso so fixo aumentar a expectación por verlles xa co retorno completo á normalidade, e o tempo continuou a axudar ás bandas na súa tarefa co cuarto día de sol consecutivo case constante.

Xa meténdonos en materia, o son do grupo no directo destacaba especialmente pola potencia do baixo, que penetraba directo no peito dos asistentes. Isto non tapaba, porén, ao resto de músicos do quinteto, que compartiron a súa dose protagonismo. Acidproyect non é unha banda de metal alternativo estándar non só polo seu son pesado e o protagonismo dos riffs, senón tamén pola presencia de chamativos solos de guitarra e polas ocasionais partes rápidas que adornaban os temas.

Acidproyect. Foto de Inés Duport

Non podía faltar, claro, o seu característico estilo vocal, á vez melódico e pegadizo que agresivo, co emprego de rexistros variados. A audiencia non fallaba en responder aos retrousos dos da banda, especialmente en temazos como «Ouija»; este tema do seu segundo traballo, o LP de 2014 Where’s Your God Now? (despois de ter lanzado previamente unha maqueta homónima en 2010) destaca polo seu videoclip de acompañamento, e, coa considerable acollida que tivo, continúa a ser un dos temas máis destacados do grupo. Tamén destacou, dos temas deste álbum, a interpretación de «Broken bones», onde, como non podía ser doutro xeito, se desatou o pogo entre os asistentes (sen chegar, por sorte, ao extremo narrado pola canción). Un pogo que incluíu, incluso, a un Tiranosaurio Rex entre os seus participantes.

Acidproyect. Foto de Inés Duport

En todo caso, o concerto tamén estivo inzado dos temas do último álbum ata o momento do quinteto, titulado Baba Yaga e lanzado en 2017. Ao achegarse a fin dos seus 40 minutos de actuación, a banda optou por seguir a tradición, e o carismático vocalista da banda, Carlos Murias, presentou sobre o escenario aos seus catro compañeiros. Unha vez rematado o espectáculo, agradeceron a súa presencia ao público entregado que elixiu a súa proposta e ficou con ganas de máis.

Xa non habería máis bandas galegas ata o seguinte día, que sería xa o último. Cada actuación deixaba ganas de máis, pero a falta dun Resurrection Fest de varias semanas de duración, o domingo albiscábase como un colofón axeitadamente potente, cheo de bandazas entre as que destacaban nada menos que cinco nomes galegos. Porén, como xa vos contaremos, foi un día algo máis complicado que os anteriores…

Acidproyect. Foto de Inés Duport