As bandas galegas do Resurrection Fest 2022: Día 4/4

Con fotos de Inés Duport.

E, finalmente, chegara o último día de festi en Viveiro. O sol xa aguantara demasiados días seguidos brillando, así que, inevitablemente, nalgún momento tiña que pasar: a choiva acompañou aos asistestes á cuarta xornada de Resu practicamente dende o principio ata o final. Ademais, os cambios de horarios e cancelacións vividos nos últimos días, polo xeral derivados de problemas nos voos ou contaxios de covid, culminaron na madrugada deste día na cancelación a última hora dos cabezas de cartaz, Korn.

Ademais de ser a xornada, por estas razóns, máis accidentada do festival, tamén foi, curiosamente, a que máis bandas de Galicia albergou, cun total de 5. As reprogramacións iniciais para intentar salvar o concerto de Korn fixeron que dúas delas, Ruxe Ruxe e Bloodhunter, estivesen a piques de coincidir na mesma hora, pero a retirada definitiva dos estadounidenses do cartaz permitiu que non existise ese problema para quen queríamos desfrutar de todos os grupos galegos do festi. En todo caso, con tantos grandes concertos ao longo do día, nada podía ensombrecer o final por todo o alto do Resurrection Fest. Pola banda galega estiveron nada mesmo que Kaleikia, Grima, Golpe Radikal, Ruxe Ruxe e Bloodhunter.

Kaleikia. Foto de Vinte na Praza

O cuarteto de post rock instrumental Kaleikia, fundado en 2017 e procedente de Sanxenxo, estreabase no Resu abrindo o Desert Stage, do que xa vos temos falado nas crónicas anteriores xunto ao resto de escenarios do festival. A pesar da choiva e da hora temperá, comezando o concerto 14:45, congregaron a unha cantidade considerable de xente en torno ao seu son atmosférico e inmersivo. Os matices máis ambientais da súa música nas pasaxes máis suaves ás veces víanse lixeiramente perturbados pola caña procedente do cercano Ritual Stage, pero os de Sanxenxonon tardaban en tocar partes máis potentes para dotar de dinamismo aos seus temas instrumentais.

A formación da banda destacaba na tónica xeral do festi, entre outras cousas, por incluír unha teclista, cando moitos outros grupos optan simplemente por programar os sons teclados e disparalos durante a actuación. Este instrumento é unha das claves do son do grupo, especialmente na súa faceta máis propia do rock progresivo, mentres que a guitara e o baixo tamén se encargaban de engadir riffs propios de estilos coma o rock duro e o stoner. Os ritmos da batería, por outra banda, eran eminentemente lentos, pero con múltiples e elaborados arranxos.

A armonía primaba sobre a melodía no directo do grupo, cos diferentes instrumentos xogando entre si de xeito sutil pero tamén variado e dinámico. Ademais de ser unha banda sen vocalistas, nin sequera tiñan micrófonos no escenario para falar co público, de xeito que nada interrumpía a súa música continuamente fiada e envolvente.

Grima. Foto de Inés Duport

Despois dun concerto tan reflexivo, tocaba cambio de rollo para ir ver a Grima ao escenario Chaos. Porén, no seu novo álbum, A Ver Ahora, o dúo pontevedrés incorporou tamén unha boa dose de pasaxes instrumentais hipnóticas e ata psicodélicas ao seu estilo, dándolle unha maior profundidade que no traballo anterior. E demostraron esta faceta amplamente no concerto, coa baixista e vocalista Laura empregando todos os son que se poden sacar dun baixo sobre os ritmos incesantes de Facundo, o batería. Estes normalmente eran lentos e pesados, con partes rápidas aquí e alá.

Entre os dous enchían completamente o espazo do Chaos, coa vantaxe de que ao tratarse de so dous instrumentos, podía apreciarse con gran claridade o que cada un deles estaba a facer. A voz, en todo caso, seguía a ser tan intensa coma sempre, con desgarradoras partes berradas alternándose con outras case murmuradas para maior contraste. En xeral, Grima conseguía transmitir co seu directo unha fonda carraxe perfecta para descargar tensións movéndose ao seu ritmo.

Grima. Foto de Inés Duport

Interpretaron principalmente temas do novo álbum, nos que se podía apreciar a maior influencia do rock alternativo e o post hardcore e as estruturas menos tradicionais que empregaron. Porén, tampouco faltaron temas anteriores dos seus inicios máis punkies, como «Puto faitic» ou «Deixame ver», que desatou un enorme pogo ao final da actuación. A pesar de que a caída a última hora de Korn, que ía tocar a media tarde, mermou sensiblemente a asistencia ao festival nestas horas, dende logo foi algo que non se notou no público de Grima, que o deu todo ata o final.

Grima. Foto de Inés Duport

Agora era a quenda de Golpe Radikal, que comezaban inmediatamente despois de Grima, ás 16:55, no escenario Ritual. Desta vez estabamos ante un grupo de hardcore e metalcore, procedente da Pobra do Caramiñal e cunha formación de sexteto que inclúe dous vocalistas con diferentes estilos de voces berradas. O grupo destaca polas súas letras políticas e combativas, tanto en castelán como en galego.

Golpe Radikal. Foto de Inés Duport

A banda atopábase en plena xira de despedida logo de 11 anos de actividade, e aínda que o concerto no Resurrection non era o último que tiñan programado, dende logo debeu sentirse como un colofón perfecto á súa traxectoria. Como non podía ser doutro xeito nun concerto dun grupo de hardcore moderno coma eles, o público entregouse para a ocasións con pogos e circle pits constantes, especialmente coas ocasionais seccións rápidas. Algunha canción nesta liña incluso chegaba a bordear estilos clásicos coma o crossover thrash. A pesar de que ambos vocalistas fan voces rasgadas, a melodía non faltou pola vía das guitarras, e tamén destacou o son potente e penetrante do baixo.

Golpe Radikal. Foto de Inés Duport

Unha das cancións clave do concerto foi sen dúbida Cinzas, un dos seus tema máis destacados pola súa temática de protesta contra a proliferación de lumes forestais en Galicia, estreado en 2020 co seu correspondente videoclip. Con esta canción desatouse un wall of death á altura dunha xira de despedida por todo o alto.

Volviamos entón ao Chaos para ver á cuarta banda galega do día e terceira consecutiva, e nesta ocasión era nada menos que Ruxe Ruxe, a máis lonxeva das formacións anfitrioas do festival. Os de Aríns veñen de celebrar o seu 25 aniversario, sendo unha das poucas bandas clave do rock bravú e do punk galego dos anos 90 aínda en activo. Nin sequera a competencia dunha das bandas máis esperadas no escenario principal, Electric Callboy, puido cos seus fieis fans. Dende o primeiro momento notábase a súa experiencia no escenario, aínda que non podemos esquecer que a banda é interxeracional, incorporando membros que se sumaron á mesma en diferentes etapas da súa traxectoria.

Ruxe Ruxe. Foto de Inés Duport

A música de Ruxe Ruxe é punk e rocanroleira a partes iguai, perfecta para bailar, con temas rápidos e movidos. Ademais, ao longo do concerto foron incorporando elementos de moitos xéneros máis, como poden ser o rock duro, o folk ou o ska punk (especialmente notoria en varios dos seus temas máis festeiros). Incluso houbo tempo para versionar cancións populares galegas no estilo rockeiro do grupo. Boa parte desta variedade musical vén dada polas posibilidades que abren os instrumetos de vento, concretamente o saxofón e a gaita, que se incorporaron a partir da segunda canción do concerto.

Ruxe Ruxe. Foto de Inés Duport

Estamos a falar dunha das bandas máis lendarias do rock en galego, e a única delas xunto con Machina que actuaba este ano no festival viveirense. As letras do grupo escilan entre o costumista (tanto reivindicado como satirizado), a ironía, o reivindicativo… E, por suposto, tamén tocan temas imperecedeiros para as letras dunha banda, como o propio punk rock e o amor que a banda profesa por el. Nun momento de pausa, o vocalista, Vituco Neira, aproveitou para mandar un saúdo ás outras 12 bandas galegas que actuaran no festival.

Ruxe Ruxe. Foto de Inés Duport

Ao rematar Ruxe Ruxe comezaba xusto despois, no Ritual, a que xa sería a última banda galega do Resurrection 2022, o quinteto coruñés Bloodhunter. A pesar de que o grupo está agora mesmo radicado en Madrid, a súa líder Rocío, mellor conocida como Diva Satánica, encargouse de lembrar que estaban tocando de volta na casa. O coñecido grupo de death metal melódico presenta novo álbum, Knowledge Was the Price. E ao ser este o seu primeiro traballo de estudio completo dende 2017, non é de extrañar que o repertorio da banda para o concerto estivese composto en gran parte por cancións deste último disco.

O estilo do grupo é un death melódico que non perde a súa conexión co extremo, onde non faltan os blast beats e os riffs disonantes. Tampouco os técnicos solos de guitarra de Guillermo e Dani, que oscilan entre pasaxes a toda velocidade e outros puramente melódicos e pegadizos. Dani incluso se animou a baixar a tocar entre o público a pesar da choiva. Iso é dedicación! Tampouco a choiva disuadiu ao público, que, guiado pola vocalista, participou de varios dos coñecidos walls of death e circle pits.

Bloodhunter. Foto de Inés Duport

Entre os temas máis destacados do concerto estiveron sinxelos do último álbum como «Never let it rest». Ao tratarse de temas con múltiples voces, condotando este coa colaboración de Tim «Ripper» Owens, a banda recurriu a efectos vocais e samplers para reproducilas con maior fidelidade. A banda aproveitou a ocasión de estar sobre o escenario para agradecer os esforzos á organización do festival nun día complicado pero que foi igualmente memorable.

Remataban así as bandas galegas, e, con elas, tamén remataba non moito despois esta nova edición do Resu. De seguro, os fans de diferentes países que acudiron volveron ás súas casas con moitas novas bandas predilectas descubertas, e entre elas, de seguro, varias galegas. Só podemos desexar que o festival siga a apostar por bandas de Galicia nas súas vindeiras edicións o máximo posible, nas que máis cedo que tarde chegaremos ver bandas de aquí no escenario principal e en todos os horarios do festival, Por outros 15+2 anos de festi!