Despois do parón estival, o venres 16 hai unha cita co rock galego na Sala Malatesta de Compostela, da man de Biribirlocke, Deleiba e Teima. As bandas víranse na obriga de adiar este pequeno festival en dúas ocasións; inicialmente programado para o 1 de maio de 2020, a covid obrigounas a buscar unha nova data, que se fixou para xaneiro de 2022. Porén, as restricións derivadas do Nadal volveron botar abaixo o evento. Agora si, máis de 2 anos despois, veremos sobre as táboas unha mestura de diferentes estilos cun obxectivo común: amosar a calidade do rock do país.

Os amesáns Biribirlocke xa son ben coñecidos en Galicia e, especialmente, na contorna compostelá. Volven á Sala Malatesta con nova música, pero tamén cos himnos que os consolidaron. O seu rock en galego con guitarras potentes e as melodías do saxofón é garantía de festa e baile. Este verán demostraron estar máis en forma ca nunca en citas coma o Festival de la Luz ou o Millarock.
Os muradáns Deleiba, por outra banda, volven a Compostela tres anos despois da súa estrea. Presentarán os seus últimos sinxelos, refinados en Pouland Studios baixo a batuta de Iago Pico, ben coñecido por ser o produtor das Tanxugueiras, entre outros moitos artistas. Cunha sonoridade renovada, pero coa contundencia e actitude intactas. Veñen de asaltar o festival de punk rock Tsunami Xixón 2022, no que tocaron diante de varios milleiros de persoas e colaboraron con Desakato, así como citas galegas de renome coma o Festival Castelo Rock 2022 ou o Festival das Carrilanas 2021.

Completa o cartaz Teima, banda revelación do metal alternativo en galego. Irrompen no panorama con «Lume e Espiñas» no 2021, un sinxelo co que deixaron clara a súa vocación combativa. Posteriormente, espallaron o seu nome con «Túa nai é meigha», a a súa reinterpretación do mítico «Eu chorar chorei» na que mesturan o folklore coa distorsión. Neste 2022 levan unha vintena de concertos por toda a xeografía galega. A apertura de portas do evento será ás 21:00, e o comezo dos concertos ás 21:30. As entradas anticipadas están á venda en entradium.com por 9€, 12€ en taquilla.
