Judas Priest no Resu: é realmente «Painkiller» unha canción que defina o son do grupo?

O de Judas Priest no Resurrection Fest foi, indubidablemente, un dos concertos clave deste verán en Galicia. Levabamos máis de dous anos agardando por el, xa que o retorno ás nosas terras desta banda pioneira do metal levaba anunciado dende 2019 (anteriormente puidemos velos algunha que outra vez por aquí, como en 2011 no Coliseum da Coruña, no que daquelas foi unha xira de despedida). E o quinteto inglés non só estivo a altura das expectativas, senón que desterrou con contundencia toda posible especulación de que estivesen fóra de forma, dando un verdadeiro concertazo no que repasaron toda a súa historia. E cando unha banda ten máis de 50 anos de carreira, iso é dicir moito.

O Resurrection Fest durante o concerto de Judas Priest

A pesar de que a banda asegurouse de repasar polo menos un tema da maioría dos seus álbumes, houbo un disco que acaparou catro das dezasete cancións interpretadas: Painkiller, de 1990, incluíndo a canción homónima. Esta foi a elexida polo grupo para despedirse antes do bis, e desatou a tolemia dos fans, sendo unha das cancións máis coñecidas do grupo senón a máis. De feito, é común escoitar sobre este tema que é a canción «definitiva» de Judas Priest ou que encarna «o que debe ser o heavy metal clásico». O problema e que ningunha das afirmacións deste estilo son correctas, e revelan un problema de fondo sobre o que entendemos que é o heavy metal. Toca falar sobre «Painkiller».

Na segunda metade dos anos 80, Judas Priest editou dous álbumes de estudio: Turbo, en 1986, caracterizado por un son máis melódico e polo emprego de sintetizadores, aliñándose musical e liricamente co movemento glam metal da época; e Ram It Down, en 1988, co que volveron a un son de heavy metal máis potente e clásico. Porén, aínda que ambos discos conteñen cancións moi apreciadas polos fans, tiveron un recibimento máis ben mixto: nin o estilo máis accesible lles abriu sustancialmente novo público nin o estilo máis duro tiña o mesmo efecto que tivo anteriormente.

Nesta situación de impasse, o grupo optou entón por facer o disco máis duro posible, e neste contexto nace Painkiller. En 1990, o heavy metal do que Judas Priest fora máximo expoñente dende os anos 70 xa dera lugar a infinidade de subxéneros que levaron varias das súas características ao extremo. As bandas xa eran máis rápidas, máis pesadas, ou máis épicas. Judas Priest influenciara a todas elas, e desta volta, resulta moi apreciable como recolleu de volta a influencia do thrash metal, do speed metal ou do power metal para crear o seu novo álbum. Un disco no que se afastaron do heavy metal clásico cara a un son máis escuro incorporando os estilos anteriormente mencionados. Un elemento clave disto foi a incorporación do batería de Racer X, Scott Travis, co seu dominio do dobre pedal no bombo da batería (algo no que os anteriores baterías de Judas Priest foran pioneiros dende os anos 70). Así, a canción homónima do disco, polas escalas empregadas nos seus riffs e melodías e as técnicas elexidas polos instrumentistas, aseméllase máis a unha canción escura de power metal ou a unha canción de speed/thrash metal a medio tempo que a unha canción de heavy metal como tal.

A época de Painkiller, ademais de de innovación musical, foi a un nivel máis persoal problemática para os diferentes membros do grupo, culminando coa sáida do lendario Rob Halford pouco tempo despois. Ademais, o baixista Ian Hill estivo ausente de boa parte das sesións de gravación, xa que en palabras do teclista Don Airey, «non se atopaba ben», e foi este quen gravou cun sintetizador a maioría de partes de baixo do disco. Ao longo dos anos 90, os camiños separados de Rob Halford e Judas Priest tamén estarían afastados do heavy metal clásico: o primeiro proxecto do vocalista tras deixar a banda foi Fight, co que tocaba un estilo derivado do thrash e moi popular nestes anos, o groove metal; e o resto de Priest fixo o mesmo no seu seguinte álbum, Jugulator, en 1997.

Rob Halford no Resu

A música metal levaba endurecéndose paulatinamente ao longo de toda a súa historia, especialmente a partir dos anos 80, e as grandes bandas clásicas do xénero non eran por suposto alleas a esta tendencia. Cal foi o problema derivado disto? Que ditas bandas seguiron estando asociadas ás etiquetas de heavy metal, heavy metal tradicional ou heavy metal clásico, e coa popularidade (merecida, sen dúbida) de cancións como «Painkiller» o son destas comezou a ser asociada no imaxinario popular co son destes estilos. Así, non é raro que o que heavy metal dos anos 70 ou incluso 80 sexa agora considerado non metal senón rock duro, e moitas veces esa etiqueta aplícase incluso aos primeiros álbumes de Judas, que son verdadeiramente o arquetipo do son do heavy metal a diferencia de Painkiller.

Evidentemente, a fronteira entre o rock duro e o heavy metal é e sempre foi absolutamente difusa. O heavy metal naceu do rock duro e foi diferenciándose do resto de estilos de rock de xeito progresivo e natural. E en boa parte dos casos ambos termos poden empregarse de xeito intercambiable, e nun mesmo disco das míticas bandas dos 70 e 80 é habitual atopar cancións que se encadran mellor no termo hard rock e outras no termo heavy metal. Pero é habitual escoitar definicións moito máis estrictas e limitantes do que é metal baseadas máis nunha percepción relativa da «dureza» da música (que en moitos casos depende do equipamento e a configuración do mesmo empregada nunha gravación ou actuación) sobre os aspectos máis puramente compositivos que son a clave para entender o xénero.

Por suposto, esta progresiva estreitización e endurecemento non é exclusiva do heavy metal. Un caso moi similar é o do hardcore punk, termo que inicialmente se empregaba para o estilo de punk máis rápido e enérxico xurdido moi a finais dos anos 70. Porén, este estilo entremesturouse co thrash metal a mediados dos 80 para dar lugar a estilos como o crossover thrash, e xa nos 90 ao estilo máis lento, pesado e influenciado polo metal chamado beatdown hardcore; en moitos casos este é o estilo no que pensamos hoxe en día cando dicimos «hardcore» a secas, pasando a chamar simplemente punk rock a bandas que fan o que nos 80 se chamara hardcore.

Evidentemente, o que entendemos como parte dun estilo musical ou outro ten un carácter intrinsecamente convencional, e os límites de cada estilo son arbitrarios ata certo punto. Pero a pervivencia destas clasificacións ata o día de hoxe é proba de que como tal son en si mesmas útiles e necesarias para entender a música. Isto da lugar necesariamente a debates que son positivos sempre que non se caia nun purismo desgraciadamente tan común en estilos de música tradicionalmente non maioritarios como o metal ou o punk. Purismo que, o máis das veces, está anclado en percepcións relativamente subxectivas e variables e non en consideracións sobre a composición en si da música. Pero importa máis o como é o riff que a cantidade e a calidade da distorsión empregada para tocalo.

Así pois, se buscamos exemplos perfectos do son do heavy metal por antonomasia, poderemos atopalos nos discos de Judas Priest dos anos 70, que inclúen clasicazos que sonaron en Viveiro este verán como «Victim of Changes» ou «Hell Bent for Leather». E se queremos ver un exemplo de como unha banda clásica puido adoptar os elementos de outros xéneros, entón máis modernos, para renovarse e sacar un clásico fresco e imperecedero, aí temos a Painkiller. É certo que os primeiros sonan menos ·»duros» que o segundo, pero non podemos caer no estereotipo de considerar que iso é o que define realmente ao heavy metal. No Resu puidose apreciar que foi en «Painkiller» cando o público se animou a facer pogo, pero tamén é certo que os de Birmingham deixaron fora do repertorio deste concerto cancións dos primeiros álbumes máis rápidas que esta, como poden ser «Exciter», «Call for the priest» ou «Rapid fire». En todo caso, cando falamos dun grupo tan influínte e crucial como Judas, igual que cando falamos da música metal en xeral, hai que apreciar as súas diferentes etapas sen esquecer ningunha. Porque como dixo un sabio, «acojona, tronco!».