Adiada a xira do 30 aniversario de Heredeiros da Crus

O cantante de Heredeiros da Crus, Javi Maneiro, recupérase despois de sufrir un accidente cardiovascular en pleno concerto, motivo que obrigou á banda a cancelar varias datas, e agora a adiar a súa agardada xira de aniversario. O accidente tivo lugar durante a súa actuación no Festival Trece Roeis de Ferreira de Pantón, e aínda que o prognóstico é favorable, o proceso de recuperación total será lento, polo que o regreso ós escenarios non ten unha data definida. O guitarrista do grupo fundado en Ribeira, Antonio Novo «Tucho», sinala que lle recomendaron repouso durante 15 días.

A agrupación, pioneira da escena rock bravú nos anos noventa, transmitiu «total optimismo e tranquilidade» a través dunha mensaxe en redes sociais. «Javi atópase ben e está desando volver subirse aos escenarios e agradece todo o agarimo e amor que está a recibir pola vosa banda», destaca o comunicado.

Heredeiros da Crus xa tivo que cancelar a súa presenza no festival Entre Bateas da Pobra do Caramiñal, onde actuaron os madrileños Hamlet no seu lugar. Tamén suspenderon os conciertos que ían a dar a finais de verán en Forcarei, Boimorto e Ferrol, ou a clausura dos concertos de verán de Vilanova de Arousa.