Lugo despediu o verán co Caudal Fest

Co obxectivo de ser «a última gran festa do verán», o Caudal Fest volveu celebrarse na cidade de Lugo os pasados días 16 e 17 de setembro. Organizado pola produtora Bring The Noise, responsable tamén doutros festivais galegos como o Resurrection Fest ou o Son do Camiño, contou cun cartaz composto por 21 nomes. A cabezas de cartaz como Estopa, Robe ou Ilegales sumáronse varias artistas galegas, como Infrarroja, Grande Amore, Terbutalina, Apart, Forget la France e Agoraphobia. Rouco Son estivo alí para contarvos como foi o festival e sobre todo para falarvos desas seis bandas galegas que puxeron o broche de ouro ao verán en Lugo.

Público do Caudal

Infrarroja, sendo unha banda de indie rock formada na propia cidade, exerceu de anfitrioa abrindo o festival, ás 17:10 do venres no escenario principal. O sexteto destacou no directo polo seu emprego dos sintetizadores e teclados, que complementan o núcleo de dúas guitarras, baixo e batería dando pinceladas psicodélicas nun estilo baseado no rock alternativo noventeiro e mesmo no britpop. O grupo ten publicado un EP coa súa música, Intraterrestre (2021), e tamén teñen gravada unha musicación de «Romaxe de Nosa Señora da Barca», un dos Seis Poemas Galegos de Federico García Lorca, como parte dun disco conxunto con outros 5 artistas lucenses.

Despois de que os da cidade amurallada deran o pistoletazo de saída, foi a quenda doutros artistas do Estado como Los Flamingos, León Benavente, ou Judeline, alternándose entre o escenario principal e o secundario. Chegadas ás 20:15 saíu ao escenario o primeiro dos cabezas de cartaz da edición, Izal, e o ambiente festivaleiro chegara xa á súa máxima expresión, coa nota negativa das longas colas necesarias para conseguir bebida ou comida. Despois de Izal, que como parte da súa xira de despedida dixo adeus ás terras galegas, Cariño repasou os seus mellores temas no escenario secundario antes da chegada de Estopa, que deron un concerto espectacular no que non faltaron os temas máis destacados de toda a súa traxectoria. O dúo de indie pop Fresquito e Mango deu despois paso a un dos artistas revelación do hip hop estatal actual, Morad, no escenario principal.

De volta no escenario secundario, ás 2:00 comezo o segundo concerto galego da xornada, o de Grande Amore. O mariñao Nuno Pico, procedente do Valadouro e de Burela, e a compostelá María Gallego, mellor coñecida como mariagrep, puxeron a bailar a todo o festival coa súa música, que mestura elementos de electrónica, pop ou rock nun estilo propio dificil de clasificar e instantáneamente recoñecible. Son xa todo un clásico dos festivais galegos, e ficou claro o seu crecemento expoñencial ao ver ao público corear a berros temas como «Vémonos no baño», «Esta pena que a veces teño» ou «Vamos enchernos (e vamos falar de cousas)». Grande Amore aproveitou o concerto para presentar ao vivo o seu novo remix do tema de Joe Crepúsculo «El tren de la bruja».

Un elemento a destacar da súa estética son as camisetas de grupos aos que nos teñen acostumados: xa puidemos ver noutras ocasións a Nuno e a María sobre o escenario con camis de Motorhead, Darkthrone, Black Sabbath ou Los Suaves e nesta ocasión repetiron look metaleiro e punkie respectivamente: Nuno con Celtic Frost e María con Eskorbuto. Incluso o realizador audiovisual e cineasta Xaime Miranda, tamén mariñao, que acompañou a Grande Amore gravando o concerto despois de ter traballado xa xuntos en varias ocasións, se puxo a tono cunha camiseta de Mayhem.

Despois, xa ás 3:00 da mañá, tocaba pechar a xornada do venres cos muradáns Terbutalina no escenario principal. O grupo de punk de garaxe fixo gala na primeira metade de concerto da faceta máis indie rock e máis relativamente relexada explorada no seu último ábum Espabila Gallego, de 2019, antes de desatar temas de alta velocidade punkie tan coñecidos en Galicia como «Ben peinados» ou «Compostela». Deste xeito foi imposible que, a pesar das altas horas ás que se desenvolveu o concerto, ninguén ficase parado, despedindo así con pogos o primeiro día de Caudal Fest.

Unha vez recuperados da festa do día anterior tocaba volver ao recinto nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. De novo, unha banda galega era a encargada de comezar os concertos: nesta ocasión, Apart, un quinteto nacido en Carballo en 2012. En apenas 35 minutos de concerto, comezando ás 17:30 da tarde no escenario secundario, o grupo amosou o seu particular estilo de rock, influído polo disco e o soul e de aire decididamente setenteiro, máis cun toque moderno tamén. Mentres interpretaban as cancións do seu novo disco, We want it all (2022), puidemos desfrutar das pegadizas melodías da voz de Inés Blanco, que non restaban protagonismo aos riffs de guitarra e baixo que lles proporcionaban a súa base.

Forget la France

A Apart seguiulle o concerto de Ciclonautas no escenario principal, e despois tocaron Forget la France, procedentes de Outeiro de Rei. Este quinteto da comarca de Lugo fundouse en 2018, e a pesar da súa relativamente breve traxectoria impresionaron e deleitaron ao público do festival cos temas dos seus discos 200 Razones (2019) e especialmente o novo Fuimos Aire (2022). Neles puidemos escoitar, nin máis nin menos, o estilo indie rock que tanto se presta para este festival. Ao rematar os seus 40 minutos de set, colleu o testemuño Cupido no escenario principal.

Chegadas as 20:10 era o momento de desfrutar do concerto dunha das bandas de rock alternativo galegas máis destacadas e coñecidas dos últimos anos: Agoraphobia. As de Boiro eran o último grupo galego en actuar no festival, poñéndo a guinda no pastel da nosa representación antes dos concertos de Ilegales, Ciudad Jara e Robe, o cabeza de cartaz da noite con dúas horas de concerto. E evidentemente eran as idóneas para facelo, cun son actual e potente que puxo a tono a un público xa quente e cada vez máis numeroso. O cuarteto formado en 2006 fixo gala no concerto da súa dilatada carreira, culminada polo seu último disco, Unaligned, editado en 2019.

Foi entón a quenda dos cabezas de cartaz, aos que seguiron Paranoid 1966 e Delaossa para, xa de madrugada, pechar a noite e poñer fin a esta «última gran festa do verán». Un festi cunha considerable participación galega (agardamos para seguintes edicións ver máis destas bandas no escenario principal) e que supón unha opción asumible ante outros eventos do estilo pero de maior formato e prezo, aínda nestes tempos de sobrecarga e masificación dos festivais de música. En todo caso, cun cartaz así, cheo de grandes artista de diferente estilos, que podería ir mal? Vémonos o ano que vén de novo en Lugo!