O festival autoxestionado de música underground Napalm Fest volve un ano máis á Asociación Cultural, Deportiva, e Ecolóxica Buril, ubicada en Sarria, para celebrar unha nova edición. O evento está impulsado pola banda lucense de death metal melódico Barbarian Prophecies. Eles mesmos forman parte dun cartaz que tamén inclúe ao grupo vasco de crossover e hardcore Nukore, a banda catalá de death/doom God’s Funeral, a banda ferrolá de groove metal Kharma, e a tres bandas viguesas: Mano de Piedra co seu sludge metal, Lapsus Mentis co seu thrash metal, e Dioivo co seu black metal melódico.

Ademais deste cartelazo con cinco bandas galegas e dúas do resto do Estado, hai que ter en conta que o Napalm Fest é un festival benéfico, en favor do santuario animal Frente L.A. ubicado en Lugo. Tamén cabe destacar que é un festival feito co obxectivo de promocionar a música de base, subterránea, concretamente en estilos como o metal ou o hardcore, organizado en torno aos principios do DIY ou Faino Ti Mesmo.

O festival conta así mesmo coa colaboración de numerosos colectivos, selos discográficos e medios de comunicación do ámbito. Cabe destacar entre eles a entidades galegas como o selo Loita Underground, a promotora Solucións Extremas, o estudio de gravación lucense Kollapse Studios ou o podcast Galiza Metálica da nosa colaboradora Patty Castro, que esta a realizar un especial sobre o festival conxuntamente co programa de radio portugués S.O.S. Heavy Metal Radio Show de Filipe Marta. A entrada do festi será de 10 euros, incluíndo ambos días de concertos: o venres 14 e o sábado 15 de outubro. Ademais de no Buril, o festival tamén se ten celebrado previamente noutras localizacións, como na Sala Rebullón de Mos.
