A banda viguesa de metalcore Her Anxiety acaba de presentar o videoclip de «Dear Lion», primeiro adianto do seu álbum No Land in Sight. O disco, gravado por Eloi Pascual e por Óscar «Chichi» dos estudios Mafia, sairá finalmente o día 18 de novembro da man da coñecida discográfica Art Gates Records. Foi masterizado por Alex Cappa de Metal Factory Studios.
Para este adianto do álbum, o quinteto contou co realizador Henry Menacho e a actriz Ana Díaz para crear un elaborado videoclip perfecto para acompañar o seu metalcore, de estilo moderno pero tamén especialmente influenciado polos clásicos do death metal melódico. Nel destaca tamén a coidada vestimenta da vocalista Aida Anxiety. Xunto a ela, completan a formación Juan (baixo), Josué (batería), Rodri e Jorge (guitarras), músicos procedentes doutras bandas da escena como Dysnomia ou Mileth.

A partir do lanzamento de No Land in Sight, a banda comezará dar concertos de presentación do mesmo, que serán anunciados axiña a través das súas redes sociais. A banda xa revelou a través delas a lista completa de cancións do traballo, así como a portada a cargo de Karendra Liberty, de Healthy People Artwork. As fotos promocionais da banda, por outra parte, foron realizadas por Carlos Meira. Ficamos atentos aos seguintes pasos do grupo! Se fuches a algún festival de metal de Galicia este verán, seguro que xa viches algunha das pegatinas ou púas que repartiron neles.