Primeiro festival de Metal Nostrum na Sala Transylvania

A asociación cultural Metal Nostrum & Hard Rock, radicada en Vigo, vai celebrar os días 2 e 3 de decembro nesta mesma cidade o seu primeiro festival, coa participación de seis bandas viguesas. O venres 2 de decembro será a quenda de Iron Hunter, Other Game e Dioivo, mentres que o sábado 3 subirán ao escenario Zona Zero, No One Alive e Lethal Vice. Toda unha exposición da calidade do metal da cidade olívica, nun festival que comeza agora a súa andaina pero que o fai con determinación e que vén para quedarse.

Metal Nostrum & Hard Rock naceu hai apenas un par de anos como grupo de Facebook, pasando a contar axiña con milleiros de membros de Vigo e alén da cidade. Co obxectivo de promover a música metal e hard rock, deron recentemente o paso de constituírse como asociación e inscribirse legalmente como tal. Isto levou a un litixio aínda pendente coa multinacional Hard Rock Café polo dereito a empregar as palabras “hard rock” no seu nome, unha batalla que deu o salto aos medios de comunicación e sobre a que dende Metal Nostrum afirman ter a vontade de continuar ata o final.

A apertura das portas da Sala Transylvania, central na escena metaleira viguesa, terá lugar ámbolos días do festival ás 21:00 da tarde, dando comezo aos concertos un cuarto de hora despois. A entrada diaria terá un prezo de 12€, mentres que o abono para os dous días custará 20€.