O Playa Club da Coruña acolleu a fase final da especialidade de Música do certame Xuventude Crea 2022, que reuniu a oito artistas de diferentes partes de Galicia. O primeiro premio foi para o grupo Faíscas, formado por Lara Álvarez Álvarez, de Redondela, e o vigués Brais Fernández Pombo. Os temas que o dúo interpretou en directo e cos que resultaron gañadores foron «A flor» e «Vals de Traspielas».
En segundo lugar quedou a solista coruñesa Iria Vilas Iglesias, cos temas «Hvergelmir» e «Gjoll», coa súa proposta ambiental e electrónica. E en terceira posición quedou o grupo folk Cantometrics, cuxos compoñentes son: Marina Fernández Vigo, de Vigo; Luís Sánchez Bolón, de A Coruña; Sandra Pérez Míguez, de Tui; Nébeda Piñeiro Barros, de Bueu e Iago Camaño Lagoa, de Cagas do Morrazo. Os títulos dos dous temas que tocaron foron «Maios» e «Manuel do Campo».
Os gañadores recibirán unha gratificación repartida de 3000 euros; 1500 os segundos clasificados e 1000 os que quedaron en terceira posición. Ademais dos tres proxectos gañadores, tamén participaron os artistas de música urbana Amorodo e O Filloas, o saxofonista Martín Castro, e o dúo de metal Dioivo.
Máis de 4000 mozas e mozos de entre 16 e 30 anos foron premiados nas trece edicións que se levan celebradas do Xuventude Crea, que acumula preto de 3000 proxectos creativos e obras presentadas. Na edición deste ano 2022 participan un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal
As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Cómpre destacar, como novidade neste 2022, o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.
