Buxa é unha banda de stoner rock instrumental do Grove que está a comezar o seu percorrido polos escenarios galegos, logo de tres anos de composicións e ensaios. Ten tres sinxelos con cinco temas autoeditados en total, publicados dixitalmente en Bandcamp, e están a preparar o primeiro LP para comezos de 2023.
Agora lanzan «Mestre», o seu primeiro videoclip, que foi presentado o sábado 29 de outubro de 2022 no auditorio municipal do Grove, nun acto colectivo de homenaxe realizado para conmemorar o centenario (en realidade o 101 aniversario, por retrasos provocados pola pandemia) do falecemento do escritor Luís Antonio Mestre, quen tivo unha fonda relación coa vila do Grove. Neste acto deuse visibilidade á vida e a obra de Mestre e fíxose unha defensa da conservación do patrimonio do autor que aínda se conserva na vila meca, especialmente da súa casa da Torre, actualmente en estado de abandono.
Este traballo foi realizado en colaboración coa productora Siradella Films, co colectivo Torremakers e con Francisco Meis (estudoso da vida e da obra do autor). A peza musical é unha composición propia da banda e contén un poema deste autor, “Airiños da miña terra”, escrito no Grove en agosto do ano 1900. O vídeo conta con localizacións en lugares e edificios do Grove significativos na vida de Luis A. Mestre, como a súa casa da Torre, a Illa da Toxa ou a Laxe de Raeiros.