Por Patty Castro.
Xa hai un par de anos que Susi buscou a maneira de facer posible un soño: ter unha banda de rock e que as súas compañeiras foran mulleres, despois de militar noutras bandas, como Motherseed. Buscou, e conseguir sacar adiante este proxecto, baixo o nome de Suevia. Dende o principio leva con ela a baixista Fati, e o cuarteto esta completado por Patri na guitarra, tamén membro de Martillo, e Olga na batería. Previamente, tamén pasaron pola formación outras integrantes, como Anastasia, procedente de Satanasia, na guitarra, ou a batería Miriam, de La Vagabanda.
O grupo ten xa un par de sinxelos e videos lanzados, ademais de numerosos concertos ás súas costas, enchendo en particular os garitos vigueses. Imos pois coñecer a Suevia, que se reúne na parroquia de Cabral para crear rock cunha mestura de diferentes estilos. Para isto falamos coa súa vocalista e fundadora.

Moi boas, Susi. Grazas por conceder esta entrevista. O primeiro que che quería preguntar é como xurdiu a idea de montar a banda.
Moi boas! Pois, a verdade é que eu xa levaba tempo tocando con bandas masculinas, nas que era eu a única muller e a voz. Cando esas bandas foron desaparecendo, pensei que a mellor maneira de seguir sería facer unha banda de mulleres. Na cidade onde vivo, Vigo, non había moito diso, e iso mesmo fixome ver que era algo que faltaba. Comecei en redes sociais e con algún teléfono que me pasaron. Non coñecía a ningunha, pero despois dunha pequena búsqueda atopei as compoñentes e formamos Suevia.
Sei que ensaiades na zona de Cabral mínimo unha vez á semana, pero cal é o voso xeito de traballar cando sacades un tema adiante?
A ver, temos dúas formas de compoñer: ou ben a guitarrista trae un riff e sobre iso eu compoño unha letra, e despois cada unha aporta a súa parte co seu instrumento; ou ben podo eu traer unha letra e unha melodía vocal e a partir diso traballamos todas.
Gustaríame que me comentaras cal é a vosa formación actual, pois recentemente cambiastes a batería e a guitarra.
Pois si. Segue Fati de baixista. De batería temos a Olga, de Vigo, a última en incorporarse. Ela dende moi noviña é percusionista, e hai pouco que se decantou pola batería e nós encantadas. E, tamén, na guitarra, veu Patri, unha multiinstrumentista, que aporta a súa experiencia e visión doutros estilos. Sin duda fixeron un cambio as dúas e volveron o noso son máis rokeiro e duro. E, realmente, aínda que facemos o mesmo estilo, esa nova dureza fixo que fora un punto de encontro entre todas. O gusto polo metal de Fati, o meu polo rock dos 70 e o de Olga e Pati polo rock e metal dos 90. Agora sentimos que estamos a facer temas que nos representan ás 4. A verdade é que estamos moi contentas!
E en que andades metidas agora mesmo? Cal é a vosa prioridade como grupo?
Pois andamos preparando o bolo de final de mes no Tronkobar, e a semana seguinte abrimos para un grupo de mulleres suecas no Transylvania de Vigo. E tamén estamos sacando novos temas. Ímonos meter no estudio e sacar algún vídeo novo. Así que xa estamos traballando para en maio voltar aos escenarios con novo material.
Que lle dirías á xente que non vos coñece que vai atopar no voso directo?
Pois moita forza! Catro mulleres cunha posta en escena cada unha co seu instrumento, dando caña rockeira. Un rock moi puro, inspirado neses albores do rock e o heavy metal dos 70 e tamén no dos propios 90. Moita forza e enerxía, iso seguro. Pois amamos o directo e considerámonos máis de directo que de disco, pois o que nos gusta é ese intercambio de enerxía co público e desfrutámolo moito!
Pois moitas grazas! Un pracer falar contigo, Susi. Grazas por concederlle esta entrevista a Rouco Son. Os meus mellores desexos para Suevia.
Moitas grazas, Patty, por sempre apoiarnos, e polo voso interés e ganas de axudar a visibilizarnos. Vémonos nos bolos!!