A banda de rock Meu, procedente da comarca do Deza, lanzou o pasado día 14 de novembro un novo videoclip, correspondente ao seu tema «Insectos». Este videoclip foi rodado no Porto de San Adrián de Cobres en Vilaboa, nos arredores da Illa de San Simón do Concello de Redondela, e no Concello de Lalín. Foi realizado pola Produtora Cultural Toxo Verde, tamén responsable da promoción e contratación do grupo.
O 15 de novembro celebroue o Día Internacional Sen Alcohol impulsado pola OMS, debido a problemática que supón o alcoholismo na sociedade actual. Con ocasión desta efeméride, o grupo compuxo esta canción sobre a sensación que experimentan os alcohólicos cando non consumen: o formígueo, os insectos baixo a pel. A alucinosis alcohólica está presente no consumo crónico de alcohol, a droga legal máis habitual no País. No vídeo, Borja tenta despexarse da súa adicción ó alcohol dando unha volta no seu barco. Na travesía recibe a visita dos alcohois que máis consume: o licor café, os cubatas, o viño, a cervexa e o vermú; que o incitan a beber personificados polos integrantes de Meu.
Insectos forma parte dunha serie de cancións gravadas nos Cimática Estudios de Cerceda con Mahi Ferradás de Broa, e que están presentando ao longo deste 2022 cunha gran acollida por parte dos seus seguidores. Este tema é un dos máis potentes do grupo, destacando pola súa marcada influencia punk, especialmente nas partes rápidas da mesma.
Tamén destaca polo emprego de voces berradas e incluso guturais, sen sacrificar un retrouso melódico e pegadizo. Todo isto confire ao tema un dinamismo moi benvido que da unha nova profundidade ao estilo musical do grupo, caracterizado tamén polas influencias do rock alternativo, o rock duro e o metal. Este videoclip únese a outros previamente lanzados polo grupo, como «Outro día máis», «Doutor canibal», «Non quero ser normal» ou «Animal ferido», estes dous últimos temas gravados en 2020 nos Estudios Mafia do Carballiño.