«Mi ser, tu ser», primeiro tema do proxecto Dramsanyú de Suso Valcárcel

O baterista vigués Suso Valcárcel, coñecido por ter feito parte de bandas como Supernatural, The Mirage ou Nocheni, lanza agora un novo proxecto chamado Dramsanyú. Co obxectivo de recadar fondos para a ONG Acción por la Música, o baterista sumou a axuda doutros destacados músicos galegos para dar vida á canción «Mi ser, tu ser»: Thais Suki como vocalista, Daniel Lemos no baixo, Héctor Díaz-Valdés na guitarra eléctrica e Raúl Ben na guitarra acústica. O tema foi gravado e producido polo baterista no seu estudio e escola de batería, Dream and Drum, e masterizado por Norman Nietzsche en Calyx Mastering Studio.

«Mi ser, tu ser» é un tema composto e arranxado polo propio Suso Valcárcel. Non estará dispoñible para a súa escoita en ningunha plataforma dixital, e só poderán escoitar a canción e ver o seu videoclip aquelas persoas que fagan un donativo mínimo de 4€ para Acción por la Música, vía contacto co autor. Máis dunha semana antes da saída do tema xa tiña recadados máis de 650€, que servirán para financiar un dos proxectos apadriñados por Acción por la Música e que desenvolve a súa acción no Barrio das Flores de Teis, en Vigo: a orquestra Son das Flores.

Suso Valcárcel xunto a algunhas das nenas e nenos de Son das Flores

Esta iniciativa ofrece formación musical gratuita a nenos e nenas de familias que non poden acceder doutro xeito a actividades estraescolares, dando unha alternativa de ocio e aprendizaxe a decenas de cativas e cativos. Son das Flores acaba de acadar, gracias á colaboración de xente como Suso, todo o diñeiro que precisaban para financiar a sá actividade gratuíta este curso, para o cal tamén puxeran en marcha unha campaña de micromecenazgo na plataforma Verkami.