Max & Bull e Vircator, no Pub Transylvania de Vigo

A banda lusa de rock instrumental Vircator visitará o noso país a principios do 2023, presentando en directo os temas do seu novo disco Bootstrap Paradox xunto á  banda viguesa de post rock electrónico Max & Bull. Os portugueses visitarán Vigo por primeira vez despois de tres discos, cos que xa percorreron boa parte da xeografía estatal nas súas anteriores xiras europeas. Pasarán polo Transylvania Pub o sábado 21 de xaneiro ás 21:30. As entradas estarán á venta por 10€. 

Abrirá a noite Max & Bull, un dúo que une o rock, o metal e a electrónica. Está formado por Nacho Araújo na batería e Iñaki Blanco na guitarra, sintetizador e bases electrónicas e visuais. A banda mestura pesados riffs de guitarra e baterías potentes con bases atmosféricas. Paisaxes sonoras densas e saturadas que afloran a base da superposición de capas. Acompañando á música e dando cor contan con visuais simultáneos, ofrecendo unha experiencia audiovisual completa.

Por outra banda, foi o amor polo rock experimental o que uniu a Pedro, Zé , Marcelo e Rubén, e gracias as súas inquedanzas agromou unha nova banda, Vircator. O seu son evoca, nas súas palabras, «unha viaxe poderosa e emotiva que che leva ó profundo da conciencia  humana, equilibrado pola calma e acendido por un impulso momentáneo». No seu novo disco Vircator acada un novo son, engadindo moitos  máis elementos á súa fórmula. Máis producido, pulido e complexo, pero sen perder as características que definen á banda dende os seus inicios.