10º aniversario de Superoito na Sala Capitol xunto a Acouga

Por Javier Pereira.

A banda de rock alternativo e punk rock Superoito, procedente de Ordes, celebrou o pasado xaneiro os seus dez anos por todo o alto: na compostelá Sala Capitol, a principal sala das súas características en Galicia, xunto aos pacenses Acouga e máis un feixe de colaboracións do máis alto nivel. O grupo de rock en galego vén de sacar, a principios do pasado ano, un novo álbum gravado nos estudios Cimática de Cerceda e titulado A Mala Vida, e con este concerto culminaron a presentación do disco da mellor maneira posible.

A Mala Vida colleu finalmente o testemuño de Todo me Da Voltas, o disco que o grupo ordense lanzou en 2014 logo do seu primeiro sinxelo “Non sabes bailar”. Ademais, tamén lanzaron no seu momento o sinxelo “Portarnos mal” en 2015 e o EP En Directo, tocado ao vivo, en 2016. Cada lanzamento estivo acompañado da súa correspondente xira, con decenas de concertos cada unha. Porén, os anos seguintes a 2016 foron de parón na actividade do grupo, polo que a expectación cara ao seu regreso era máxima. Co novo álbum baixo o brazo volveron tomar os escenarios, anunciando a súa colaboración coa promotora Plancto Xestión Cultural e cumpriron con creces as expectativas; así que agora tocaba complacer aos fans este concerto aniversario. Dez anos non se fan todos os días, así que alí estivemos para documentar textual e graficamente este concerto tan especial.

Fotos de Javier Pereira

Comezamos con Acouga, cuarteto procedente de Pazos de Borbén, como teloneiros. Unha banda de creación moi recente, da que xa vos temos falado nas nosas páxinas, cun son moi fresco que fusiona diferentes estilos, que van dende o hardcore ata o pop rock. Foi fantástico como, a pesar de ter só 3 cancións gravadas, deleitáronnos con cancións novas e incluso unha fabulosa versión da canción introductoria en galego da mítica serie Dragon Ball GT. A pesar do pouco tempo que levan en activo, sorprendeu como no público había moita xente que coñecía as súas cancions.

Fotos de Javier Pereira

Despois, chegou o momento: saltaron ó escenario Superoito. Os primeiros convidados da noite foron os propios Acouga, cantando co grupo “Entre a niebla”, despois de que sonaran “A punto de explotar” e “Nadie se acordará de ti”. Tres temas do novo disco perfectos para facer berrar e saltar ao público. Pero o concerto só acababa de comezar. Chegou entón o segundo convidado, O Leo de Matamá, lucindo unha camisola do Rapido de Bouzas e cantando o “Eu quero ser indie” do EP En Directo co seu estilo inconfundible. Rematou a cancion cun toque de armonica de xeito que xa non se pode imaxinar esa cancion tocada doutra maneira.

Fotos de Javier Pereira

Chegou a hora de repartir licor café polas primeiras filas, entre saúdos a xente do publico e mentres o son da batería invadía toda a sala. Fíxose un brindis pola musica, e comezaron tocar, como non podia ser doutro xeito, “Licor Café”. Outra convidada destacada saíu ó esenario, esta vez para cantar “Joven,Tierno y Español”, tamén de En directo; tratouse de Jana, da banda viguesa de ska punk Liska! A seguinte quenda foi a de Gonzalo, das bandas Machina e Broa, de Cerceda, engadindo coa súa guitarra un extra de contundencia á cancion do álbum novo “MDMA”. Volverón entón ao EP En directo, co clásico “A farándula”.

Fotos de Javier Pereira

Fixeron entón unha chamada o esceario a Vituco Neira de Ruxe Ruxe, para cantar con eles a primeira cancion que fixeron co nome de Superoito como banda. Vituco, de feito, foi a primera persoa en poñer na radio esa mesma canción, no Planeta furancho da Radio Galega, programa dedicado a difusion da musica en galego. A cancion non é outra que “Non sabes bailar”, que foi o seu primeiro sinxelo e que foi posteriormente incluída en Todo me Da Voltas. E seguiron as colaboracións top, con “1936” tocada xunto a Gus, de Nao, á guitarra. Antes de interpretar a seguinte canción, o sinxelo de 2015 “Portarnos mal”, a banda lembrou ao cuarto membro do grupo, o guitarrista Diego Fernández, que non puido estar presente esa noite por motivos de saúde.

Fotos de Javier Pereira

Achegábase xa o final do concerto, polo que ficaba claro que aínda tiñamos moitas colaboracións espectaculares por diante. A primeira delas foi nada menos que a de Tucho de Herdeiros da Crus, que cun impresionantes solo de guitarra deu comezo a “Ídolo mundial”, do último disco. A seguinte foi Ánxela de Bala, que co seu potente estilo levou “Animal”, o primeiro sinxelo de adianto de A Mala Vida, a outro nivel.

Fotos de Javier Pereira

A continuación, tocaron, que non cantaron, porque prometeron que nunca mais a cantarian “Tractor sen cabina”, aínda que non estaba na lista de cancións prevista para a noite. Isto foi xusto antes de dar paso ao derradeiro convidado da noite, unha autentica lenda do rock nacional: Alberto Cereijo de NEO e Los Suaves que tocou “Ultra!” xunto aos de Ordes. O final do concerto chegou co “Non tes barba” do EP En Directo, e con Iván tirándose ó público. A continuación saíron de novo ao escenario todos os combidados logrando unha xenial estampa final para unha noite tan sinalada.