Treintañeras Cañeras e Rebeliom do Inframundo colaboran en «Nom se vende»

O pasado xoves 23 de febreiro publícouse Amor ou Barbarie, o cuarto álbum da banda de rap galega Rebelión do Inframundo, da man de Galunk Producións. Nel, a banda galega de hip hop inclúe unha colaboración co trío de rock vigués e compañeiro de selo Treintañeras Cañeras, que editaron tamén álbum novo o ano pasado, Música para el Programa de Bertín Osborne. Neste primeiro álbum do tío xa podíamos apreciar á perfección o seu estilo punki e irreverente acompañado de riffs ben heavys, que vemos reflectido de novo nesta colabo. «Nom se vende», que fusiona á perfección os estilos dos dous grupos, é, sen dúbida un dos temas máis destacados deste novo disco de Rebeliom, no que, ademais de co rock, xogan con outros múltiples estilos, dende o reggaeton e o R&B á música electrónica, pasando incluso pola bachata.

Con este Amor ou Barbarie, que supón un antes e un despois na súa traxectoria, Rebeliom do Inframundo pretenden asentarse no podio do rap nacional a base de forza, amor, rabia, paixón e crítica. Despois de numerosos adiantos xa sabiamos o que iamos atopar: un amplo abano de cores e sons no que os sentimentos son os protagonistas. Letras profundas, punzantes, con crítica social e persoal e gran variedade de flows demostran que Rebeliom non vai polo rego pautado, que nunca repite a mesma fórmula. 

Amor ou barbarie conta, ademais de coa colaboración de Treintañeras Cañeras, con outras tres colaboracións de moito nivel e do máis variadas: Hard Gz, Wöyza e Iria Medraño. Fronte a quen poida pensar que nesta época a música semella ser un produto efémero de usar e tirar, Rebeliom do Inframundo ofrece 17 cancións para axitar corpos e mentes. Este lanzamento ven acompañado dun novo sinxelo, ‘Copérnico’, unha enérxica canción con base de reggaetón que mestura raiba e humor como só eles saben.

Polo momento a banda xa conta con tres datas de presentación deste novo traballo previas ao verán, en Barcelona, Vigo e Compostela. Nas dúas datas galegas contarán con convidados especiais, entre os que agardamos que se atope o trío de rock vigués. As entradas xa están dispoñibles en entradium.com.

O de Rebeliom é un dos traballos máis esperados do 2023, despois do éxito acadado con ‘Ilegal’ publicado no 2019 e co que estiveron xirando ata outubro deste 2022 cun fin de xira por todo o alto no Murallón de Son en Bandeira e tras conseguir, pouco despois, o Premio Martín Códax 2022 na categoría de músicas urbanas. O grupo das Rías Baixas formado por Nervo, Malvares de Moscoso e Frank como vocalistas, DJ Pol aos pratos e o produtor Movementss sobre os EFX no directo, volve disposto a sorprender cun traballo no que experimentan con novos sons e que, están seguros, será un punto de inflexión na súa carreira.