O dúo compostelán Grampoder presenta ao longo do mes de marzo, cunha serie de concertos, o disco PM, editado en 2022. O grupo volve aos escenarios cunha versión máis enérxica, máis eléctrica e máis escura do seu estilo, que eles denominan «rock portátil»; unha etiqueta que inclúe «pop campestre, folk psicodélico» e «hardcore comeflores». De Burela (na Xebra Associaçom o sábado 11) a Santiago (en Riquela o venres 17) e culminando con Cambados o sábado 25 na Krazzy Kray.
En palabras do grupo, PM é «todo o que ocorre a partir da metade da xornada, cando comeza a facerse de noite e a inercia do día se fai cada vez máis difícil de corrixir». O novo disco de Grampoder contén dez cancións dominadas pola contundencia das guitarras, a enerxía das percusións e unhas letras feras e desencantadas, que tratan a perplexidade ante a velocidade do mundo, os medos e a frustración. Nelas exploran as texturas do pop psicodélico, a rabia do hardcore e a densidade do post-punk, e as estrearán nesta xira mantendo un formato escénico mínimo.
LeRoi (percusión, baixo) e Martin Wu (guitarras, voces), ex compoñentes de The Homens, continúan á fronte do proxecto. Os veteranos músicos tamén teñen pasado por bandas como Stay Pretty, Mato Grosso, ou pola lenda do hardcore galego noventeiro Fame Neghra. Xa con Grampoder, da publicación do LP Golf Whiskey (2013) e do sinxelo «Tigerland» (2014), regresaron en 2022 con PM.
