A banda de rock Exeria, procedente da comarca do Condado, estreou o pasado 11 de Marzo o seu primeiro sinxelo. Leva por título, “Un novo nome”, e foi gravado nos Estudios Lufs de Ponteareas. Estamos falando dun grupo de recente formación, pero que conta nas súas filas con membros xa curtidos en distintas bandas, como O Caimán do Rio Tea, Cool Funeral, Circular ou Met. O seu estilo estaría, en palabras da banda, «nun punto común entre o grunge, o stoner, o rock dos anos 90, e incluso o britpop, todo aderezado con letras en galego».
O novo tema vén acompañado polo seu correspondente videoclip. Este está dirixido e realizado polo artista Wences Lamas (Lugo, 1983). No ámbito do audiovisual, Lamas rodou a longametraxe “El Campo” ou o documental “Bailes de Histéricas”, e videoclips para selos como Subterfuge, Humo ou Ernie Récords; solistas como Pablo Und Destruktion, Alberto Montero ou Santi Araujo; e bandas como Fantasmage, Balcanes ou Grupo Salvaje. O cineasta trata nas súas creacións de que a cámara «sexa unha ferramenta máxica dentro dun ritual».
En palabras do grupo, «atopámonos cun tema de enérxicas guitarras, perpetrando uns riffs pesados e que invitan ao headbanging». Por outra banda, «a letra trata sobre a transición, a aceptación dos cambios na nosa vida, así como as escollas que esta obríganos a realizar». Neste tema pregúntanse «se cando algo remata abruptamente e debemos adaptarnos a una nova realidade, teremos a forza para comezar una vida distinta e renacer». Engaden ademais, en referencia á súa procedencia, que «as raíces son importantes para calquera proxecto, e a sensación de pertenza a un lugar e un tempo concretos determina unha mirada e un xeito de crear».
Este sábado, 18 de marzo, o cuarteto estará no bar Jota Jota de O Rosal as 23:00 da noite, abrindo así a súa xira deste 2023.