Por Ana Anido Trastoy, con fotos de Daniel Cruz.
3 de Marzo de 2023; tras unha dura pandemia e despois dunha última e non moi acertada edición en 2019, puidemos achegarnos á preciosa cidade de Lugo para asistir de novo á Candeloria. Un festival de música que se fai nun entorno privilexiado, ao redor do río Miño. Comezou un venres, cos cantos de taberna nos bares da zona do barrio da Ponte, situados na calzada romana e nos arredores do río. Con cancións tradicionais galegas, podemos escoitar a varios grupos musicais amenizando a zona. Despois, ás 21.00, a Duendeneta fixo unha pinchada na praza da Soidade.
Xa o sábado, día 4, o día grande do festival, comeza a musica coa sesión vermú da Duendeneta ao redor do recinto do festival, o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Nas zonas verdes dos arredores do río Miño puidemos disfrutar dun campeonato de billarda. A tarde axudou con pequenos anacos de sol, para así xa ir podendo animarse para os concertos. As 17.30 abren as portas do recinto, e xa se pode ver unha cantidade considerable de xente que vai asistir ao evento. Moitas furgonetas ao redor, e xente agardando aos seus grupos favoritos. No comezo, e durante todos os descansos entre bandas, a Duendeneta de novo ameniza a velada con musica axeitada ao fesival, non deixando así oco para o descanso.

Comeza o trío de rap en galego SonDaRúa, cun directo moi potente xa dende o minuto 1. O recinto estaba a medio aforo máis ou menos, e a xente estaba animada e preparada para comezar unha longa noite de festival. Despois deste primeiro concerto puidemos escoitar o punk de Lendakaris Muertos, unha banda de Euskal Herria que xa pasou anteriormente por este festival e que recibiu unha acollida por parte do público brutal, coma sempre. Eles son un grupo con letras satíricas e con moita ironía, sobretodo cara a sociedade e o estado. Teñen cancións sinxelas e faciles de cantar, e por iso a xente se ve involucrada rapidamente con esta banda nos directos.
Xa coa banda máis potente, entramos nas nove da noite (sempre un horario moi tempraneiro para estas bandas, cousa que nos sorprendeu). Soziedad Alkoholika é un grupo vasco moi potente a nivel estatal dende hai máis de 3 décadas coa súa mestura de hardcore punk e thrash metal. Deunos, coma sempre, un espectaculo xenial, facendo ver a calidade que teñen a pesar de escoitalos nun recinto cerrado, onde a acústica non adoita ser tan boa coma nun festival ao aire libre. Lume, fume e efectos especiais adornaban temas miticos como “Piedra contra tijera, “Cuando nada vale nada”, “Nos vimos en Berlín”, etc.
A seguinte foi unha muller, Jazzwoman, a únicamuller xunto a Paula de Dakidarría en actuar como parte dos artistas principais no festival, deixando o listón moi alto a pesar de vir detrás da banda máis coñecida. A rapeira valenciá puxo todo o seu agarimo e arte no escenario. Conseguindo transmitir baile e bo rollo ao público. Viña en substitución de Tríbade, banda de hip hop barcelonesa coñecida polas súas letras feministas e LGTB, que non puido acudir finalmente ao festival por problemas de saúde de unha das súas integrantes. A pesar deste contratempo, Jazzwoman estivo máis que á altura e fixo vibrar a todas e a todos os asistentes.
Xa nos adentramos na media noite, e Boikot entra en escena, co estilo que levan facendo estos últimos anos. Que máis se pode dicir! Un grupo referente do punk español, aínda que a incorporación do ska e os ventos ao seu clásico estilo resulta controvertida para moitas de nós. Logo foi a quenda dos nosos Dakidarría, co seu ska punk galego que nos fai brincar e berrar polo noso. Deron, coma sempre, un concerto con moito sentimento e forza. Fixéronnos bailar, cantar e sentir a musica como sempre fan.
E como peche espectacular, os asturianos Me Fritos and the Gimme Chetos, banda ao máis puro estilo dos estadounidenses Me First and the Gimme Gimmes, que versiona nun estilo hardcore melódico e pop punk principalmente os clásicos pop españois. Un peche xenial para manter a festa ata o último momento. Fixeron que a xente marchase finalmente ás súas casas cun bo rollo e unha enerxía brutal. Logo, como resume da experiencia no recinto, poderíamos decir como crítca que o movemento nas barras podería ter sido mais rápido. Logo había varios postos de comida, de merch e de roupa. En definitiva, tras estar alí, podemos dicir que A Candeloria volveu ao seu cauce. Esperemos que, por moitos anos, siga así.
