Tras retomar a súa actividade en 2022, despois dunha pandemia que paralizou as escenas hardcore e metal galegas, os ourensáns No Chillin’ Siesta Boys publican agora «Crossed», o primeiro anticipo do que será o seu novo álbum, Embrace, The Cult. Para este tema contaron ademais coa colaboración de Iván Rivera; el é o vocalista doutra banda galega, Rymer, formada a medio camiño entre Arteixo e Vigo. Foi gravado en P. Avenue Studios por Roi Rodríguez Álvarez e en CJC Studios por Adrián Rego Fernández, e mesturado e masterizado por Erik Monsonis Azpiroz.

O sinxelo vén acompañado dun enérxico videoclip, no que a banda trata de reflectir, nas súas palabras, «a potencia que caracteriza os seus directos». Nel, o cuarteto «vomita toda a súa rabia ante unha cámara inquieta, trasladando toda a súa carga emocional ao espectador en pouco máis de 3 minutos». Este videoclip foi dirixido e editado por Juan Cruz, con Miguel Salgado Cid como asistente de cámara e coa axuda de Miraveo e Studio Follow.
A banda explica deste xeito o significado da súa nova canción: «Coa súa referencia ao simbolismo cristián da cruz, Crossed fala dun sentimento universal pero complexo. O sentimento de culpa, rabia, frustración, tras chegar a un punto de non retorno nunha relación romántica pero tóxica, na que dúas persoas cometeron unha serie de erros que os colocaron nunha situación irreversible. Ao longo da canción refléxanse as contradicións xeradas ao transitar pola nostalxia, animadversión, a culpa e o rexeitamento. A colaboración con Iván Rivera (Rymer) destaca ao engadir un xiro escuro que completa un tema cheo de emocións contrapostas».