Xa está anunciado o cartaz do Millarock 2023

A vila do Milladoiro acollerá un ano máis o festival Millarock, que chega á súa duodécima edición. A cita musical celebrarase nesta ocasión no mes de xuño, o día 30, a partir das 21:00. Ademais, nesta nova edición cámbiase a localización dos concertos, que pasarán a realizarse no anfiteatro do Milladoiro. Actuarán os grupos galegos A Banda da Loba, Eladio y Los Seres Queridos e Fillas de Cassandra, e o estatal Las Ninyas del Corro. A entrada será, unha vez máis de balde. 

A Banda da Loba

Con esta nova edición, o festival amesán da un xiro de 180 graos con respecto á liña que viña levando nos últimos anos, acompañado á súa vez por unha renovación no estilo gráfico do seu cartaz. Dende que o festival retomora a súa actividade no 2016, cun único parón no 2020 por mor da pandemia, caracterizouse por cartaces compostos ao completo por bandas de rock, punk e metal, cun equilibrio entre bandas míticas e asentadas e outras emerxentes. Ademais, púñase un particular énfase en que houbese bandas da contorna de Ames, que cantasen en lingua galega e/ou con presenza feminina nas súas filas.

Anteriormente, entre 2006 e 2011, o festival tivera un perfil máis variable, sendo normalmente encabezado por un ou dous grupos coñecido do ámbito estatal ou galego dependendo do ano. A eles sumábnaselles os gañadores dun concurso de maquetas que se celebraba previamente. Agora, neste 2023, o enfoque do festival volve cambiar, incorporando por primeira vez estilos fóra do rock. O cartaz anunciado mestura ás coñecidas bandas de pop rock galegas A Banda da Loba e Eladio e Los Seres Queridos coa mestura entre música urbana e folk de Fillas de Cassandra e o hip hop das catalás Las Ninyas del Corro. Esta última é, ademais, a primeira banda non galega en actuar no festival dende 2009. En resumo, catro grupos consolidados que son habituais en festivais e salas do país.

En referencia ao novo enfoque do evento, dende o Concello de Ames, que organiza o festival, sinalan que o anunciado é «un cartel moi fiel á esencia do Millarock, sendo perceptivos aos cambios e ás novas sensibilidades. Seguimos a ter grupos con música en galego, presenza feminina, bandas emerxentes, música reivindicativa… Abandonamos a idea dos festivais homoxéneos para incorporar rock, indie e sons modernos».

A Banda da Loba, é unha formación asentada en Compostela e integrada por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias previas para crear un proxecto colectivo. No seu repertorio, sempre cantado en galego, mesturan, ademais de rock, ritmos de pop ou folk, creando o seu son propio. Na actualidade contan con catro traballos publicados: Bailando as Rúas (2017), Fábrica de Luz (2019), o EP co que musican a Xela Arias Hasme Oír (2021), e Xabón Lagarta (2022), este último incluído na lista dos nosos 35 discos destacados do pasado ano. Ademais, ao longo da súa curta traxectoria recibiron galardóns tales como o Premio aRi(t)mar 2018 ou o Martín Códax 2021 na categoría pop/indie.

Eladio y Los Seres Queridos

Por outra banda, os vigueses Eladio y Los Seres Queridos son unha das bandas máis consolidadas do panorama galego, tras máis de quince anos de carreira, 5 discos e numerosas xiras por todo o Estado. Os seus temas, escritos por Eladio Santos, líder do grupo, van dende o pop máis clásico ata sons indies, folk, canción de autor, e, por suposto, rock. O seu último traballo, Academia (2020), está composto por catorce temas “honestos, intimistas e transeúntes”.

O dúo Fillas de Cassandra, procedente tamén de Vigo, é un dos proxectos da nova música emerxente que máis está soando últimamente no panorama galego. O seu primeiro traballo, Acrópole (2023), acaba de ser presentado e colleita xa numerosas críticas positivas. A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e tamén pola creación de novas líricas, inspiradas no canto da tradición oral galega pero tamén influenciadas polo pop ou a electrónica. As súas composicións, sempre creadas dende unha ollada feminista e actual, transitan da emotividade ao desenfado, sen esquecer o activismo.

Por último, Las Ninyas del Corro, o dúo barcelonés, chegará a Ames para ofrecer as súas cancións combativas e mensaxes contundentes, inspiradas no rap underground. A dupla caracterízase polas súas comprometidas letras, nas que teñen cabida o empoderamento, a crítica e as vivencias persoais.