Dioivo é unha banda de metal en galego formado en Vigo en 2016, que vén de anunciar o lanzamento do seu álbum Cara os Ceios Incrementes. O cuarto traballo de estudio do dúo, segundo álbum completo, sairá da man da discográfica grega Sleaszy Rider Records, fundada en 1999 e especializada en música metal internacional. Incluirá, como é habitual nos vigueses, varias musicacións de obras da literatura galega.
O estilo da banda baséase no black metal melódico, incluíndo influencias de estilos como o thrash metal, o hardcore ou o metal progresivo. Entre os novos temas destaca “Que Importa que nos Craven as Cadeas”, que pon música a un poema de 1970 do célebre autor lucense Darío Xohán Cabana, a quen o grupo quixo render homenaxe logo do seu falecemento a finais de 2021. Ademais, o álbum tamén incluirá o seu tema “Hai Sede na Nova Galicia”, lanzado en 2022 co gallo do Día das Letras Galegas e que adapta o poema homónimo do entón homenaxeado, Florencio Delgado Gurriarán. Cara os Ceios Incrementes, de feito, toma o seu nome dunha frase deste poema, publicado orixinalmente en 1963.
O álbum foi gravado, mesturado e masterizado no estudio de DS Audio en Vigo, por Dany Soengas. Este músico vigués é coñecido por facer parte de bandas como Atreides, Lardelúa ou Skydancer. A portada e o deseño do álbum, por outra banda, correron a cargo do estudio arxentino de deseño gráfico Core76, que traballa a cotío coa discográfica grega.

Cara os Ceios Incrementes consta de 8 temas, cunha duración duns 48 minutos. Neles, ao igual que nos directos da banda, toda a música corre a cargo unicamente da batería de Daniel e da voz e as guitarras de Jacobo, que combina a guitarra eléctrica de 7 cordas coa guitarra eléctrica de 12 cordas e coa guitarra clásica. Ademais destes 8 temas principais, o disco incluirá 3 extras. Concretamente, a súa colaboración con Xosé Luís Méndez Ferrín, “Retorno a Tagen Ata” (2021); unha versión do mítico grupo vigués Desvirgueitors, “Unha de Guerra”; e unha demo doutro dos temas do álbum. A versión de Desvirgheitors, dunha canción orixinalmente lanzada en 1993, será tamén parte dunha recompilación tributo a bandas galegas extintas que foron pioneiras no rock e o metal do país, que será anunciado axiña. A versión do grupo contará cunha colaboración de luxo, a da propia compositora e fundadora de Desvirgheitors, a baixista Pili Dios.
Nas vindeiras semanas, Dioivo comezará anunciar as datas coas que presentará o álbum por toda Galicia e tamén pola península. Tamén será anunciado proximamente o videoclip do sinxelo principal do álbum, aínda por desvelar, que correrá a cargo de Brais Gómez Salvador. Este director xa ten traballado co grupo no resto dos seus videoclips oficiais.
