Arson Tides acompañará a Blaze Out e We Exist Even Dead nas súas datas galegas

O quinteto vigués de metalcore Arson Tides acompañará a Blaze Out e We Exist Even Dead no paso da súa xira por Galicia. As dúas bandas catalás, que formaron parte do Resurrection Fest 2023, visitarán o venres 28 de abril A Coruña e o sábado 29 Vigo, como parte da súa xira A Última Escena. En ambos casos, as entradas terán un prezo de 10€ anticipadas e 12€ na billeteira. Pode consultarse máis información nas redes sociais das bandas.

A banda viguesa Arson Tides defende unha proposta que eles mesmos definen como «de contrastes», con «cortes intimistas e crus» nos que «breaks e melodías imposibles fúndense cun directo enérxico e ecléctico». O seu estilo pode apreciarse nos videoclips de temas como «Helpless» ou a súa cover da mítica canción de Aqua «Barbie girl». O primeiro destes dous temas pertence ao seu traballo Children of the Tide, lanzado en 2019.

Tralo seu paso polo evento Dogfight Wild Tournament e polo Resurrection Fest, os cataláns Blaze Out volven a Galicia, onde xa son uns vellos coñecidos da escena local. O seu estilo é unha mestura de rock e metal, dando como resultado un directo «potente e fresco». We Exist Even Dead, por outra banda, encarna o metal «en tódalas súas formas», fuxindo tanto «dos máis puristas como dos máis elitistas e creando o seu propio espacio». Cunha proposta musical «onde o épico e o extremo tócanse, mesturan freneticamente o groove e o metalcore».

Na Coruña, os ferroláns HourGlass incorpóranse ao cartel, convertendo a data en case un festival. Esta banda destila un estilo influenciado fortemente polo thrash e o groove metal, dando como resultado un directo «que non deixa indiferente».