Rymer, cuarteto galego cun estilo entre o metalcore e o deathcore, vén de sacar o sinxelo e videoclip «To those who found and had to let go». Este é o adianto e a primeira canción do seu próximo EP Slow Dance, que será publicado ao longo de 2023, despois de varios sinxelos e concertos previos á pandemia.
Este novo sinxelo está autoproducido pola banda, gravado por Miguel Costa e Pablo Campos, e mesturado polo mexicano Erik Monsonís de Dark House Audio. O videoclip, pola súa banda, foi dirixido por Iago Vilariño e protagonizado por Bego Pardellas. Tamén contou coa participación de Ro López, Almu Fernández, Sandra Guedev e Noelia Castro. En palabras da banda, esta novo lanzamento representa «unha nova etapa para Rymer», na que buscan «consolidar o seu nome e ofrecer unha proposta sólida e impactante». A banda ten xa preparados varios concertos para continuar a dar a coñecer a súa proposta ao vivo.
O grupo xurdiu das cinzas de bandas que xa participaran da escena subterránea galega no seu momento, coas que os seus membros chegaron a realizar xiras nacionais e estatais e mesmo a tocar no mítico Resurrection Fest de Viveiro. A formación está composta por: Iván, vocalista, procendente de The Chaos Is Coming; Miguel, baixista e vocalista, procendente de ANHA; Beni, baterista e tamén ex-ANHA; e Cris, guitarrista.
Ao vocalista Iván puidemos escoitalo recentemente colaborando cos ourensáns No Chillin’ Siesta Boys no seu sinxelo e videoclip «Crossed», do que xa vos falamos nesta noticia: https://roucoson.com/2023/03/26/no-chillin-siesta-boys-publican-o-primeiro-sinxelo-do-seu-proximo-album/