Un total de 14 bandas de metal e hardcore procedentes tanto de Galicia como de Brasil, Serbia ou Euskal Herria únense na compilación ‘XXV Invernos na Fraga Sombría: Tributo a Xerión’ para render tributo a esta formación pioneira do black metal galego e en galego. Coincidindo coa conmemoración do 25 de xullo, ve finalmente a luz unha antoloxía na que os grupos participantes versionan algunhas das cancións máis emblemáticas de Xerión ao longo dos seus 25 anos de traxectoria.
Nakkiga, Mileth, Fata Inferna, Mortos na Claridade, Corteza Inhumana, Hoste Antiga, Dioivo, Kolac, Sicixia, Meigallo, Paranoid Existence, M.U.G.R.E., Outubro e Musgo 981 son as agrupacións responsables da edición por sorpresa deste tributo, conxuntamente cos selos Loita Underground, Speedhammer Prods e Solucións Extremas. Aínda que boa parte delas pertencen á escena do black metal e o metal extremo en Galicia, teñen diversas procedencias e estilos, sendo o nexo de unión a vontade de celebrar o 25 aniversario do influínte dúo ourensán.
Xerión naceu en 2001 en Ourense a partir das cinzas de Regnvm Irae, unha das primeiras bandas de black metal en Galicia. Nese momento comezou unha prolífica traxectoria que inclúe a edición de 7 álbums completos de estudio e infinidade de gravacións adicionais, sempre con letras en galego. Na actualidade, o grupo está conformado polo membro fundador Nocturno (guitarra, baixo, voces, percusión, programacións) e mais por Daga (teclados, percusión), que se incorporou no 2002 e que tamén era teclista de Regnvm Irae.
Dende as bandas impulsoras do tributo destacan a enorme influencia musical de Xerión dentro da escena underground galega e estatal. As cancións versionadas inclúen dende temas dos comezos da historia da agrupación ourensá ata algúns dos máis recentes, representando todas as etapas da súa discografía. As propias bandas participantes son tamén diversas en canto ao seu ano de formación, incluíndo tanto a proxectos que naceron de xeito anterior ou paralelo a Xerión como a outros de relativamente nova creación.
‘XXV Invernos na Fraga Sombría: Tributo a Xerión’ comeza cunha introdución na que se versiona a canción “Cabaleiro Negro”, a primeira composta por Nocturno en 1996, hai 30 anos. Esta pasou a formar parte do repertorio de Regvm Irae despois do seu nacemento en 1997, e posteriormente sería tamén interpretada por Xerión, sendo gravada e lanzada como parte do EP ‘Na fraga estremecida’ no ano 2017. As pistas da compilación están ordenadas en función da data de lanzamento da súa versión orixinal.

Despois da introdución comeza a banda de black metal vasca Nakkiga, formada en 1999, coa súa versión de “O Último Sono do Druída”, pertencente á primeira maqueta de Xerión en 2001 ‘O Espírito da Fraga’. Segue a banda galega de folk metal Mileth con “Madrigal da Lúa”, lanzada orixinalmente en 2005 como parte precisamente dun disco compartido entre Xerión e Nakkiga. A continuación, as tamén galegas Fata Inferna, Mortos na Claridade e Corteza Inhumana versionan diferentes temas do primeiro álbum de Xerión, ‘Nocturnal Misantropía’ (2007). Cabe destacar que Mortos na Claridade está vencellada a Nados na Escuridade, banda tamén integrada por Nocturno de Xerión, pero esta vez, claro, sen a súa presenza, ao tratarse dun tributo sorpresa.
Segue a lista de temas con “Na Búsqueda do Primixenio” (2007) interpretada por Hoste Antiga dende Rianxo. Os vigueses de Dioivo versionan “Onde a Victoria Agarda” do álbum de 2010 ‘Cantares das Loitas Esquecidas’, mentres que os serbios de Kolac interpretan na súa lingua como “Gavrana Humka” a canción “O Túmulo dos Corvos”, que apareceu no disco compartido entre Kolac e Xerión en 2013.
A agrupación compostelá Sicixia interpreta “O Lamento dos Durmintes” do álbum ‘Escarnio, Maldizer e Morte’ de 2016, e a formación viguesa Meigallo fai o propio con “Na fraga estremecida”. A seguinte banda internacional é a brasileira Paranoid Existence, que levou ao seu estilo o “Cantar de Morgana” da maqueta de 2021 titulada ‘Morgana’. E outra banda viguesa, M.U.G.R.E., foi a encargada de reinterpretar “Deusas da Noite”, do EP ‘Drou’ (2022).
Chegando xa á recta final da compilación, e tamén dende Vigo, Outubro achega ao tributo a súa versión de “O Dragom do Tempo”, do EP de 2023 ‘Sombras nas Pedras do Dragom do Tempo’. E para rematar, o cuarteto compostelán de post-hardcore Musgo 981 elixiu “O Deter das Horas”, do último álbum de Xerión ‘A Mística Arte da Diferença’, que saíu o ano pasado. En resumo, 14 bandas de diferentes traxectorias, con estilos que van dende o death/grind ata o doom metal ou o post-rock, unidas para celebrar 25 anos de black metal en galego.
“Dentro do ámbito do black metal, Xerión tocou unha gran variedade de subestilos ao longo da súa carreira, sendo especialmente destacable a súa pioneira mestura entre metal e música tradicional e folk de Galicia”, sinalan dende as bandas impulsoras do tributo. “Por iso queriamos recoller unha pequena escolma da súa inmensa discografía para poñer en valor a enorme achega de Xerión á escena subterránea e á música en galego”, engaden.
As bandas están actualmente a traballar nunha edición física deste traballo, xa dispoñible para a súa escoita na súa totalidade de xeito dixital en Bandcamp e en Youtube, así como en presentalo ao vivo e seguir rendendo homenaxe aos 25 anos de Xerión.