Sendo un dos subxéneros máis populares do metal a nivel mundial, non é de extrañar que o thrash teña unha longa historia tamén en Galicia. O estilo comezou agromar na nosa terra a finais dos anos 80, paralelamente a outros territorios pioneiros na península como foi o caso de Cataluña, e aínda hoxe goza de boa saúde. De feito, na década de 2010 experimentou un rexurdir e pasou contar con máis grupos editando traballos discográficos que nunca. Polo camiño, a escena galega viviu en primeira persoa tendencias como a do chamado crossover co hardcore punk, a aparición de subestilos emparentados como o groove metal, ou a chamada nova onda do estilo xa entrados os anos 2000.
Como no resto do mundo, o xurdimento do thrash metal non se pode entender sen falar antes dos seus antecedentes máis directos. Sobre a xénese do estilo tense escrito moito, incluíndo en moitos casos diversas xeralizacións en boa parte incorrectas, que poderían dar (e xa vos aviso que darán) para outro artigo. En todo caso, resulta evidente que o seu precedente máis directo é o speed metal, froito da paulatina tendencia de varias bandas de heavy metal dende os anos 70 a acelerar o tempo das súas composicións.
Tamén hai que mencionar como influencia clave ao hardcore punk. Ou, polo menos, ao primeiro estilo bautizado como hardcore punk, o que naceu a finais dos anos setenta e principios dos oitenta, que agromou de xeito paralelo ao speed metal e que remataría por confluír co thrash metal no subestilo coñecido como crossover thrash. Cómpre non confundir ese primeiro hardcore punk co outro estilo que logo se denominaría tamén hardcore e que de xeito máis preciso se coñece como hardcore pesado ou hardcore beatdown, que precisamente evolucionaría a partir do crossover thrash a finais dos anos 80. Del tamén temos diversos exemplos en Galicia, do que por suposto vos falaremos máis adiante.
Pois ben, tamén en Galicia as primeiras bandas de heavy metal, hard rock e punk rock comezaron facer, pouco a pouco, cancións rápidas aquí e acolá que servirían como xerme do futuro thrash metal. Ao final, este estilo foi produto da tendencia das bandas a buscar novos xeitos de facer evolucionar a súa música, facéndoa máis rápida e potente que o das bandas que viñeron antes que elas. Polo tanto, non é de extrañar que os mesmos procesos ocorresen de xeito máis ou menos simultáneo en diversas partes do mundo. Non se pode atribuir a invención do speed metal, do thrash ou realmente de ningun xénero a ningunha banda en particular, posto que resulta totalmente natural que, no proceso de intentar sobrepasar as fronteiras previamente establecidas e tocar de xeito máis rápido, máis pesado, máis técnico e máis escuro, xurdisen estes novos estilos.

Por exemplo, a banda pioneira do heavy metal galego Épsilon, de Lugo, contou practicamente dende o principio da súa traxectoria con temas de speed metal como “Heavy, poder y dinero”, de 1982, no seu repertorio. A canción amosa o son do grupo na súa primeirísima etapa, na que estaba formado por tres membros de apenas 15 anos de idade cada un: os arranxos (e as letras) son aínda amateurs, si, pero tamén amosan o enorme potencial dun grupo que fixo algo que nunca antes ninguén fixera en Galicia. Ao nivel estatal pode equipararse ás ocasionais cancións rápidas de bandas como Barón Rojo ou ás de pioneiros do speed metal na península como os barceloneses Evo.
Aínda que ao longo dos anos 80 Épsilon apenas editaría unhas poucas maquetas, e non chegaría dar o salto a un álbum completo ata finais da década seguinte, estas maquetas teñen un grande valor histórico, ao reflectir a evolución desta pioneira banda de Lugo. Nelas podemos ver como o grupo probou, na búsqueda do seu son, moitas variantes diferentes da música metal da época. As súas cancións máis potentes compartían sitio no repertorio con outras máis melódicas propias do rock duro puramente oitenteiro.
Outro tema rápido de Épsilon que cabe destacar é “Marco Polo”, unha canción que fixo parte da súa maqueta gravada nos estudios da TVG e lanzada en 1987. Nel podemos escoitar un speed metal mesturado co emerxente estilo do power metal, algo que se percibe tanto no seu son rápido e melódico como na súa letra de temática histórica. Este estilo de corte máis épico, completado con intrincadas pasaxes de guitarra solista, tamén se pode apreciar noutros temas máis progresivos do grupo, como “Egipto” (1984), coa súa caótica batería e as súas melodías inspiradas no álbum Powerslave de Iron Maiden. No Estado español foron tamén pioneiros desta mestura de speed metal e power metal nesa época os madrileños Muro, que ademais deron en Galicia un dos seus concertos máis míticos, na Sala Saturno de Cangas do Morrazo en 1988.
Aínda que a outros niveis tivo moito menos en común co thrash metal que os temas xa mencionados, ao falar da carreira por facer cancións cada vez máis rápidas no rock galego non se pode non mencionar os primeiros traballos da lenda punk viguesa Siniestro Total. Estes primeiros discos, especialmente o álbum Cuando se come aquí? de 1982, amosan un punk rock rápido, que conecta co hardcore punk que nacera uns poucos anos antes en Estados Unidos ou Inglaterra a raiz do estilo de pioneiros como Buzzcocks, The Damned, The Germs ou The Middle Class. O son destes primeiros Siniestro Total é o precedente directo da explosión do hardcore punk que o underground galego viviría a partir de finais da década. Aínda que en menor medida, os seguintes catro álbumes da banda tamen incluirían diversos temas de punk rápido aquí ou acolá.

A medio camiño entre o rock duro, o heavy metal e o punk atopábase outra das máis famosas bandas galegas desta época, Los Suaves. Non hai que esquecer, ao final, que tanto o metal como o punk chegaron con retraso ao Estado español dado o seu contexto sociopolítico, cunha ditadura fascista que recén acababa de vivir a súa conversión en monarquía. A consecuente apertura cultural ao mundo capitalista permitiu que estes estilos con orixe na contracultura británica e americana de diferentes épocas entrasen máis ou menos á vez na península (xa foran entrando, pero con embude, como quen di). Polo tanto, ambos estilos estiveron relativamente diluidos nestes anos, dando lugar a un gran número de bandas, dende Los Suaves ata Barricada, que poderiamos situar nunha mestura dos dous, a pesar de que nos seus países de orixe estes aínda adoitaban estar moito máis diferenciados.
No segundo álbum dos ourensáns, Frankenstein (1984), atopamos temas rápidos como a canción homónima (co seu bombo frenético) ou “Tocando fondo”. Ademais, álbumes ao vivo como Suave es la noche (1989) atestiguan como a banda adoitaba acelerar en directo moitos dos seus outros temas. “Frankenstein”, curiosamente, dada a considerable velocidade da súa versión de estudo, era ás veces tocada ao vivo algo máis lenta, como se pode apreciar nun directo desa época no programa de televisión Musical Express. O de facer un disco en directo con versións máis rápidas de temas anteriores é algo que xa viramos, por exemplo, no crucial No Sleep ‘til Hammersmith (1981) da banda pioneira do speed metal Motorhead, no que algúns temas de medio tempo do repertorio pre-Ace of Spades do grupo aparecían actualizados e reconvertidos en cancións rápidas.
Xa chegados a finais dos anos 80, é neste momento cando aparecen en Galicia as primeiras bandas de speed metal e thrash metal propiamente ditas. Xa temos falado bastante delas noutras ocasións, como na nosa reportaxe sobre o metal extremo en Galicia ou nos varios capítulos da historia do metal en galego. Polo tanto, non nos deteremos aquí en exceso neste punto, pero resulta esencial mencionar aos coruñeses Xudef Klas, os ferroláns Scum, Hatred, Alen, Troner e Wisdom (que serían coñecidos máis adiante pola súa mestura de grindcore e death metal), os vigueses Demolición (speed metal, aínda que non deixaron ningunha gravación da súa música) ou os ourensáns Episodio Psikotiko (entre o thrash e o death metal).

Destaca pois esa escena existente en Ferrolterra, da que só uns poucos grupos chegaron sacar algún traballo. Scum (na foto de portada), formados en 1987 en Narón, chegarían sacar varias demos entre finais dos anos 80 e principios dos 90, e incluso un compartido en 1992, Smash Hits from Hell, xunto a outras 5 bandas estatais da época, entre as que destacan os pioneiros grindcore cataláns El Kaso Urkijo. Hatred sacara tamén unhas tres pequenas maquetas entre 1991 e 1992. A etapa power/thrash de Wisdom, por outra banda, deixounos a demo Abstracción de 1992.
No referente ao crossover, atopamos nestes anos en Galicia aos vigueses Desvirgheitors, que comezaron a súa andaina como grupo puramente hardcore punk e que comezaron incorporar claras influencias do metal en 1992. Tamén aos mariñaos Mala Oxtia, os coruñeses Mol, os pontevedreses Brutal Distracion, ou os vigueses The Feixons (coa súa casete de 1996 Bienvenido al Mundo). Polo xeral, a liña divisoria entre o hardcore punk e o crossover nesta época era bastante fina, polo que non era raro atopar que grupos que se definían a si mesmos unicamente como hardcore tiñan tamén na súa música elementos propios do metal.
Esta delgada liña divisoria fíxose aínda máis fina coa irrupción do heavy hardcore ou hardcore beatdown. Entre as bandas máis representativas deste estilo nos anos 90 en Galicia atopamos aos ourensáns Prap’s, nos que aínda podemos escoitar unha influencia thrash máis que notable, cun gran número de riffs rápidos nas súas cancións. En todo caso, o beatdown caracterízase por unha preferencia por tempos medios e lentos, en contraposición coa velocidade total do primeiro hardcore punk.

Esta maior tendencia á lentitude e á pesadez no underground tamén afectou ao metal, na forma da aparición de estilos como o sludge ou especialmente o groove. O groove metal é en moitos sentidos un thrash metal ralentizado, e se entremesturaría tamén co metal alternativo que tan popular se fixo a partir da década dos 90. En Galicia temos o caso temperán dos composteláns Embrace Me Ocean, mentres que os tamén composteláns Túzaros mesturaban este estilo co hardcore.
Aínda que nunca chegaron ser puramente thrash, cabe mencionar tamén o caso doutras dúas bandas dos noventa que incorporaron ritmos rápidos equiparables aos do thrash nesta época: por unha banda, os cercedenses Zënzar, que amosa nos seus primeiros discos unha peculiar mestura de punk, hardcore e metal; por outra banda, os vigueses Los Motores, que comezaron a súa carreira mesturando punk e rock duro ao estilo dos Suaves, pero que posteriormente lanzaron álbumes de alta velocidade e cheos de riffs potentes como Noche de Lobos (1996) ou Un Día Perfecto (1998).
En todo caso, a medida en que avanzaban os anos noventa, como é ben sabido, o thrash metal foi deixando paso ao death metal como estilo predilecto na escena extrema en Galicia. Paralelamente, o estilo fora perdendo popularidade a nivel mundial, unha popularidade que non comezaría recuperar ata a década seguinte. E de xeito paralelo, os últimos anos 90 e os principios 2000 foron de relativamente pouca produción en canto a thrash metal galego se refire.

Na gran maioría dos casos de bandas que podemos atopar a principios dos anos 2000 e ata mediados desta década en Galicia, estas rara vez facían thrash metal puro, se non que mesturaban influencias thrash en diferentes medidas coas doutros estilos. Podemos atopar así a bandas tan diversas como Morbid Yell (black/thrash puramente underground), The Halfchicken, Trevider, Sen Berce, Replyca (groove metal entre outros elementos), Flamma Ignis (entre o power/thrash e o metalcore, con longas estruturas propias do metal progresivo), Ofensiva (hardcore pesado e crossover)…
É a partir deste punto, a mediados/finais dos 2000, cando o xénero volvería coller pulo tanto no país como no resto do mundo, co nacemento dun bo número de bandas galegas que comezaron practicar o estilo tanto na súa versión máis clásica como nas súas outras vertentes. Pero deste punto de inflexión tocará falar no seguinte capítulo…
Mentres tanto, aquí podedes ler a nosa reportaxe sobre os primeiros anos de historia do metal en galego, na que falamos algo máis de Épsilon, Xudef Klas, Desvirgheitors, Juega General, Mol, Prap’s e Mala Oxtia: https://roucoson.com/2021/09/24/a-historia-do-metal-en-galego-capitulo-i-1987-1994/
Nesta continuación da reportaxe anterior falamos sobre Túzaros e Zënzar: https://roucoson.com/2021/10/08/a-historia-do-metal-en-galego-capitulo-ii-1995-1999/
Nesta outra, de Wisdom: https://roucoson.com/2022/01/14/a-historia-do-metal-en-galego-capitulo-iii-2000-2004/
E nesta reportaxe sobre o metal extremo en Galicia entre 1988 e 2009 tamén se fala sobre múltiples bandas de thrash: https://roucoson.com/2021/08/02/o-metal-extremo-en-galicia-entre-1988-e-2009/